Estamos na nebulosa inicial dunha guerra desapiadada que entrou nas nosas moradas e, tristemente, visibilizamos o espanto da mesma, case ao minuto de suceder o

xenocidio que se comete co pobo indefenso de Ucraína. Todo en nome da súper arrogancia do ego e do ditame único con que se abastecen perversos persoeiros. E nestes días de malévola persecución, terror, fuxida e morte das xentiñas de Ucraína, chegoume de Lisboa, do Centro Cultural Luso Moçambicano, por iniciativa do vello amigo Lívio de Morais, pintor, e profesor de Historia de África, un interesantísimo catálogo da exposición: "Arte Africana dos Museus de Etnologia Europa - África - EUA", exposta na Casa da Cultura Lívio de Morais. Un suculento contributo de creatividade da arte espoliada por aventureiros sátrapas que forneceron os museos europeos coa rapina, cruel e desmedida, polos que partillaron vilmente África.
Un extensivo e suxerinte catálogo de arte africano, no que vibra a creatividade que cada unha dos grupos étnicos e culturais manifestaron as particularidades sociais de seus microcosmos que configuran o enorme macrocosmos, con eses formatos en que foi e é entendíbel ese poder creativo e manifestado nesas minucias de arte que o pensamento exclusivamente africano nutriu de encanto e, tamén, de fortuna metafísica a cada unha destas particularidades desa acción material e das crenzas animistas da Mai África. Aquí está esa incontinencia de saberes e de aconteceres nestas esculturas matriciais africanas, expresando nesas mulleres embarazadas e maternais, un cántico universal á vida. Coidadosamente expresado todo ese universo unificado nos parámetros universais da África toda; sustentando un amplo escenario de modalidades que fomentaron ese increchendo fabuloso que desvela tanta tradición, lexitimidade e humanidade en todas as confluencias que contribuíron a levantar esa África expresiva que vemos nesas molduras. Sempre reveladoras polos que tiveron unha visión distinta aos poderes colonialistas. Como sucede con Pablo Picasso, que introduciu eses

formatos de máscaras no cubismo das "Les Demoiselle dAvignon". Tamén, Henri Matisse conformou na súa pintura esa África indisolúbel, das danzas e das núas pubertades. Podemos mencionar a outros pintores que beberon das referencias da arte africana. Mais Picasso e Matisse, rescataron ese potencial expresivo e universal da arte africana.
No que respecta ao informe histórico da partilla colonial de África citado neste catálogo, que describe ás seguintes potencias Europeas que partillaron África: Portugal, Holanda, Francia, Inglaterra, Alemaña, Bélxica, Italia e España. Desta partilla xeográfica, ficou alterada a cultural, os grupos étnicos, as linguas de cada comunidade, as tradicións e as crenzas. Todos estes atributos funcionais dos africanos foron sometidos a unha prédica continua e exercida con coacción, por parte duns dominios políticos e relixiosos que instrumentaron e terxiversaron as crenzas dos africanos como erradas, por parte dos colonizadores. Na partilla egocentrista de África, amañada e resolta polos países mencionados na "Conferencia de Berlín" (15 de novembro de 1884 ao 26 de febreiro de 1885) organizada polo todopoderoso chanceler do Imperio Xermano, Otto von Bismarck, resolveron a desfeita do continente africano; roubando as súas materias primas; organizando represións e asasinatos para os que non se sometían ás ordes e formatos que estipularon os colonizadores. Este catálogo expositivo relátase unha documentación moi especial e pedagóxica dos tráxicos aconteceres de África despois da "Conferencia de Berlín", con achegas á loita de Liberación Nacional de cada un dos países africanos que resolveron seu futuro accedendo a súa independencia através do século XX.