Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ferrol 1972

jueves, 10 de marzo de 2022
En Mondoñedo-Ferrol, a 10 de marzo de 2022.

Conmemoramos hoxe o cincuenta aniversario dos sucesos que aconteceron na cidade de Ferrol o 10 de marzo de 1972 e que causaron tristemente dous falecidos: Amador Rey e Daniel Niebla.

Trátase dunha data crave na historia de toda esta cidade. Seguro que moitos de vós aínda a gardades no voso corazón. Enmarcados nunha época moi distinta á nosa, é bo que a podamos lembrar, non só para realizar un exercicio histórico, senón fundamentalmente para facer memoria do acontecido e espertar claves fundamentais que non debemos esquecer nin como sociedade nin como Igrexa.

Todos somos conscientes do momento convulso que se vivía naqueles días de ausencia de liberdades, de ansias de participación política e sindical, de loita pola xustiza e a dignidade dos traballadores... O vivido durante aqueles meses contribuíu ao crecemento nos valores do movemento obreiro e na dignidade como pobo, así como propiciou tamén o camiño á democracia. Tamén a nosa Igrexa particular co seu bispo soubo estar á altura do momento, acompañando e iluminando os sufrimentos e loitas que se vivían.

A conmemoración de hoxe, e sendo conscientes das diferenzas que nos separan, suxíreme dúas chamadas de atención desde o punto de vista social. Por unha banda, a urxencia de fomentar unha participación que propicie unha auténtica democracia. Os nosos tempos contaxiáronse dun certo retroceso democrático que deriva no auxe dos populismos, o enfrentamento entre bloques que dificulta o diálogo e o consenso, a ausencia de compromiso comunitario, a primacía do ben individual sobre o ben común, a primacía dos intereses económicos sobre as persoas...

Moitos autores falan hoxe dunha situación de perigo da democracia porque, con aparencias de falsas tolerancias, imponse un único criterio de verdade e ignórase ás minorías, dificultando as liberdades e o exercicio dos dereitos.

Ademais, a ausencia dunha verdadeira educación cidadá e dunha auténtica participación, como alma da democracia, gangrena o seu propio futuro.

O achegamento a aqueles momentos históricos retrotráenos a soños compartidos, a loitas comunitarias, a esforzos de moitas persoas, a ideais que motivan. A liberdade e a democracia, no que supón de loita pola xustiza, foi sempre unha conquista de cada xeración. Tamén "a Igrexa aprecia o sistema da democracia" (CA 46) e esfórzase en cultivar aqueles valores que a propician, fundamentan e consolidan: a dignidade e sociabilidade da persoa humana, o ben común, o diálogo e a participación... Só unha boa política contribúe a unha cidadanía activa que consolida unha auténtica democracia.

Xunto a iso, aqueles sucesos que hoxe lembramos tiveron como marco principal a reivindicación dun traballo digno. Convértese este nunha segunda chamada que hoxe podemos facer nosa.

Como nos lembra o ensino social, o traballo digno é o que se realiza nunhas condicións que respectan na súa integridade a dignidade da persoa que o realiza. Nese sentido, as circunstancias actuais móstrannos a precariedade laboral que se instalou no noso sistema de produción. No momento actual seguen primando os intereses do capital sobre o traballo, primando unha visión meramente mercantilista. Ademais, a individualización que domina as relacións laborais dificulta unha visión máis global que beneficiaría ao conxunto dos traballadores, incluídos os que non teñen acceso ao emprego.

Lembrar hoxe esta data débenos levar a todos a comprometernos por un traballo decente. Pero, se desde o punto de vista social e sas son as dúas invitacións que propoño, tamén son dúas as provocacións que esta data nos suxire á nosa Igrexa de Mondoñedo-Ferrol.

Por unha banda, paréceme urxente animar e educar no noso pobo cristián a dimensión social da fe que tanto se propiciaba naqueles momentos. Hoxe é unha das urxencias que nos lembra o papa Francisco e que constitúe un elemento esencial desta nova etapa evanxelizadora. A opción por Xesús supón consecuencias comunitarias e sociais, porque a evanxelización é "facer presente no mundo o Reino de Deus" (EG 176): un Reino que, sendo escatolóxico, é capaz de xerar historia de fraternidade, de xustiza, de dignidade, de felicidade e plenitude, de loita pola inclusión dos pobres...

Evadirnos destes compromisos sociais é edulcorar o evanxeo e impedir a vocación para ser fermento e sal. Unha auténtica espiritualidade cristiá, que tanto necesitamos, deriva na necesidade de tocar a carne dos que sofren. Xunto a iso, creo que é bo profundar no que significa "o gozo de ser Pobo" (EG 268).

Desde o meu humilde punto de vista, temos que estar orgullosos porque a Igrexa de Mondoñedo-Ferrol daquel momento soubo acompañar providencialmente ao pobo e participar dos seus gozos, loitas e esperanzas.

Percíbese, nos relatos dos protagonistas, unha Igrexa que se sabe pobo, que está preto da vida da xente, uns pastores que senten parte do pobo... A clave da encarnación, como característica fundamental da evanxelización, lévanos a estar permanentemente atentos ao camiño do noso pobo, sentíndonos parte del, acompañando e xerando esperanza e luz, desde a certeza de que a historia da salvación se fragua coas vimbias de nosa propia historia.

Ao compartir convosco estes sentimentos que levo no meu corazón non trato de idealizar un momento histórico que tivo as súas sombras, como todos: pero si pretendo ler esta historia para que siga sendo nosa mestra nestes momentos nos que vivimos un proceso sinodal, proceso de escoita e de conversión.

Escrito do bispo diocesano, Fernando García Cadiñanos, co gallo do 50º aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol. Día do Movemento Obreiro de Galicia.
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES