Bolsa e vida
Editorial - miércoles, 17 de septiembre de 2008
A disxuntiva era clara noutrora: Bolsa significaba os recursos económicos que unha persoa posuía; vida, o ben máis preciado que por lóxica se poñía sempre por diante do que a bolsa puidese significar.
Hoxe, bolsa e vida, con ser conceptos manexados a cotío na actualidade de cada día, non son contrapostos senón complementarios interdependendo de xeito moi directo de maneira que as baixadas da bolsa son vistas con temor considerando que o nivel de vida vaise ver repercutido na mesma medida en que a bolsa sufra.
O nivel do índice Ibex, que reflicte as contratacións dos trinta e cinco valores máis destacados na Bolsa, alcanzaba hai meses o nivel de quince mil puntos, tendo baixado na actualidade ata os once mil, con reduccións que poden chegar a catro puntos nun só día.
A Bolsa móvese por realidades, pero tamén por sospeitas, por temores, repercutindo calquera acontecemento exterior que faga temer polo futuro. E neste momento hai moitos temas que inciden neste escaparate económico público onde a diario suben e baixan os valores das máis importantes empresas do Estado español.
A bolsa, neste caso, rexistra accións e reaccións, acusa recibo de todo o que se move e aínda do intanxible. E non vale de moito que o vicepresidente Solbes proclame que o sistema é solido e forte, e que non hai nada que temer. Os que andan en bolsa non cren nos ministros e fían mellor do presidente da Confederación española de Caixas de Aforros cando di que esta crise nalgúns aspectos é peor que a de 1929, e baixa a bolsa e treme a vida.
A bolsa ou a vida, proclaman os augures. A bolsa e a vida, queremos os que vivimos a diario os acontecementos cotiáns. A bolsa e a vida, preocupan. E ninguén hai que intente siquera quitarnos a preocupación, con argumentos e seriedade, porque baixe a bolsa, e porque consecuentemente empeore a nosa vida.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora