Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vilalba tiña dous cines

martes, 16 de septiembre de 2008
Primeiro foi o Teatro Vilalbés, que estaba na “Carretera”, vía principal da vila, e explotaba a empresa Lens Ucar. A pesar de que daquela non había distancias, o certo é que quedaba lonxe da miña casa na Porta de Cima, setecentos ou oitocentos metros, pero logo veu o Cine Parroquial para remediar o tema da lonxanía.

O Cine Parroquial, como o seu nome indicaba, foi promovido pola parroquia, supoño que despois de que o coadxuctor Cereijo Pérez superase o enérxico control de Don Adolfo Pato, párroco vilalbés.

No Parroquial asistín á primeira proxección que nel se fixo, que foi a da película “Molokai”, coa historia do Padre Damián entre os leprosos, que infundíu en nós unha impronta de piedade e dedicación imposible de comprender neste tempo de coñecemento e realidades.

A seguinte película, de título que non lembro, era unha vívida reportaxe sobre as tortugas do Océano Índico, que nos parecía algo tan lonxano e extraordinario coma o que logo nos mostraron as máis senlleiras películas de ciencia-ficción.

E a terceira que puiden ter visto neste cine era unha sobre futbol, a epopeia dun gran equipo –once para a fama, ou algo así- daqueles tempos gloriosos do fútbol, que non cheguei a ver porque xa coa entrada na man miña nai levoume para a casa por pelearme con outro rapaz polo lugar que ocupábamos na fila para acceder á sala. Que dorosa incomprensión pola miña parte por privarme de contemplar o que daquela era moito máis ca un acontecemento dominical.

No Teatro Villalbés vin “El último cuplé”, de Sara Montiel, bastante antes de ter cumpridos os anos que a censura permitía. Foi todo un acontecemento a contemplación daquela película que viña precedida dunha sona que falaba de pecado, de vicio e depravación. Daquela, case todo era pecado, fose de obra, de palabra ou de pensamento. A película resultou que non era para tanto, nin daquela.

As proxeccións de películas nos dous cines constituían acontecementos continuos naquela Vilalba tan tranquila, onde nunca pasaba nada. As dúas salas foron avanzadas culturais e sociais que revolucionaron un pobo que agardaba por unha revolución.

Pero unha vez “revolucionado” co cine, o pobo seguiu evolucionando de xeito imparable. E os cines non pudieron seguir esa marcha, non só como avanzada da evolución senón como parte da evolución mesma.

As novas tecnoloxías, os medios de comunicación, o progreso educativo, o aluvión de novos poboadores, o progreso en fin, fixo de Vilalba unha poboación nova, puxante, diferente, evoluída... e os dous cines vilalbeses quedaron no camiño.

Os cine eran tamén lugar de celebración doutro tipo de acontecementos culturais. Lembro no Teatro Villalbés un pregón ou conferencia de Enrique Santín sobre a esencia de Galicia, aló por 1963, pouco antes de ser el nomeado Delegado do Ministerio de Información e Turismo en Lugo, e bastante despois –quizais en 1968- un festival a beneficio da Cabalgata de Reis, que organizaba Zoilo López Ron, no que colaborei conseguindo a participación de Manuel Lombao que presentou e aportou actuacións que tiñan que ver con Radio Popular de Lugo, onde ambolos dous traballabamos.

No Cine Parroquial pisei por primeira vez as “tablas” teatrais, actuando baixo as ordes de Domingo Somoza nunha obra de teatro que complementaba un nutrido programa no que había bailes clásicos e un concerto da Masa Coral Villalbesa.

Os dous cines, como salas de proxección, pecharon hai moito tempo. Como edificios, o Teatro Villalbés non hai moito tempo que foi derrubado para no seu lugar edificar un moderno edificio de vivendas. O Cine Parroquial, edificio que na parte superior albergaba as dependencias da Acción Católica Vilalbesa, desapareceu para dar lugar ó magnífico edificio onde hoxe se encontra o Auditorio Carmen Estévez, que para si o quixera a cidade de Lugo como magnífico lugar de celebración de todo tipo de espectáculos.

Fun pouco cinéfilo na miña nenez e primeira mocidade. Daquela, o cine era un pequeño luxo que moitos de nós só podiamos permitirnos de cando en vez. E sen embargo, cada vez que unha vella foto me recorda aquelas instalacións culturais, ou cando paso por aqueles lugares para min míticos, non poido evitar que a melancolía me invada ó pensar canto tempo e canta vida me separan daqueles dous vellos cines vilalbeses.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES