Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Castelao en Europa

martes, 08 de marzo de 2022
Entre xaneiro e novembro de 1921 o médico, escritor, artista plástico e político Alfonso Daniel Rodriguez Castelao realizou unha viaxe por varios países europeos (Francia, Bélxica e Alemaña) como "pensionado" ou, o que é o mesmo, cunha bolsa concedida pola Junta para la Ampliación de Estudios presidida por Ramón y Cajal. O obxecto da mesma era o de percorrer Francia, Bélxica, Alemaña e Inglaterra (aínda que non chegase finalmente a este país) visitando museos e escolas de arte para estudar as técnicas de aguafuerte, litografía e gravado máis actuais entón.
Castelao en Europa
Co fin de tomar notas para realizar os informes mensuais que tería que entregar durante os nove meses dese periplo europeo, Castelao decidiu elaborar un diario no que rexistrou as súas impresións e observacións referidas á arte que vai ir atopando en cada unha destas cidades.

O caderno manuscrito en folio que o contén, conservado no Museo de Pontevedra, é unha verdadeira obra de arte en si mesmo. Iníciase coa transcrición do seu nome ao xaponés que, segundo el mesmo di, aprendeu antes de saír de Madrid e, a continuación, atopamos unha división do conxunto en tres partes ("En París", "Nos Países Baixos" e "Na Alemaña") precedida cada unha delas por un autorretrato realizado con técnicas distintas que parecen anticipar o que vai ir atopando en cada un deses lugares, tamén nas rúas, pois a súa capacidade de observación non tiña límites. Aínda que o meu preferido é o de París, o retrato alemán lembra no seu estilo expresionista a descrición dun cartel anunciando unha exposición en Zúric que chamou a súa atención o 25 de agosto na avenida Unter den Linden, en Berlín, "o mellor de cuantos vin".

Entre as máis de duascentas páxinas manuscritas de que consta o caderno atópanse pegados algúns recortes ou postais, pero, sobre todo, gran cantidade de debuxos. Neles recolle parte do que ía observando nos museos: esculturas exipcias e chinesas, cristos medievais, gárgolas, detalles de pinturas do Bosco, Brueghel, Grünewald, esquemas de obras vangardistas ou de art déco, así como bosquexos de futuros proxectos que pensaba desenvolver ao seu regreso. Se os debuxos destacan pola perfección do trazo e pola capacidade coa que sintetiza as liñas mestras de grandes obras ou reproduce pequenos detalles das mesmas, as súas anotacións non deixan de ser menos rechamantes. Nelas comenta a produción de preto dun milleiro de artistas, coma se fose o seu desexo aprehender todo canto os seus ollos son capaces de ver ao Castelao en Europa seu arredor e a súa memoria capaz de reter. Ao escribir para si mesmo (aínda que logo reelabore unha parte, como se dixo, para os informes mensuais), os seus xuízos resultan, ás veces arriscados ou tallantes, ás veces entrañables e, mesmo, inxenuos, pero sempre dotados dun certo humorismo orixinal e propio que caracterizaba a súa prosa e a súa persoa. Son xuízos que, ademais, toma con lixeireza e cunha total desinhibición, manifestando claramente as súas filias (Van Eyck, O Bosco, Grünewald...) ou as súas fobias (Picasso, parte de Rubens...). Mesmo el mesmo, nalgunha ocasión, móstrase consciente do discutibles que poderían resultar moitas das súas opinións máis radicais entre as que "hai unha chea de barbaridades, pero non son máis que as impresións dun artista", conclúe a modo de autodisculpa.

Neste sentido, e como pequena mostra, chaman a atención as súas opinións sobre unha exposición antolóxica de Picasso que visita en París. Gústanlle os arlequíns, pero dos seus cadros cubistas opina que "son para volver tolo a calquera" e que unha persoa sensata "non pode tomalos en serio aínda que vexa que esa clase de pintura non sexa enteiramente inútil". Para el o cubismo debería ser denominado "planismo" ao prescindir os artistas no cadro de plasmar a terceira dimensión da realidade. A pesar da dureza coa que xulga as súas obras considera que Picasso achegou algo á arte moderna, o feito de que grazas a el, conclúe non sen certa lúcida ironía, "agora existe unha filosofía da arte adecuada ás ideas do noso tempo."

Son moitas as impresións como estas recollidas no diario e entreveradas coas alusións á realidade exterior: conferencias, as leccións ás que asiste os luns no Louvre, concertos ou referencias aos amigos cos que alí se atopou, ás cartas que recibe, á administración do diñeiro do que dispón... Impresións que funden o ético e o estético, o espiritual e o político e que nos revelan o seu complexo e rico mundo interior. Ao lelas é imposible non sentir certa simpatía e comprensión cara ao seu autor, aínda que non coincidamos con moitos dos seus xuízos, o que nos fai pensar que, no fondo, todos somos fillos do noso tempo, que é moi fácil xulgar a realidade doutro momento histórico cos ollos do que ten unha perspectiva máis ampla, pero moi difícil distinguir o bosque cando a proximidade das árbores tápanos por completo a vista.

Unha pequena parte dese texto publicarase entre 1922 e 1923 en cinco entregas (curiosamente sen ilustracións) na Revista Nós, editada en Ourense polo seu amigo Vicente Risco, o seu "outro eu", como o chama nunha das súas anotacións. O diario completo publicouse por primeira vez en 1977, nunha edición conxunta do Museo de Pontevedra e a Editorial Galaxia con prológo de Xosé Filgueira Valverde e ilustracións a todo cor e foi felizmente reeditado en 2021, ano do centenario da viaxe, de novo por Galaxia, nunha renovada versión, coa ortografía actualizada, como número 10 da súa colección dedicada á Xeración Nós.
Paz González, Mario
Paz González, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES