Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Muller e moda inclusiva

martes, 08 de marzo de 2022
Estamos a conmemorar o "Día Internacional da Muller", unha data na que non faltarán noticias en portadas. Non obstante, as variables "muller e diversidade funcional" espertan pouco interese social. A vida diaria está marcada polas desigualdades e a discriminación segue presente con múltiples caras. Aproveitando que recentemente me invitaron a falar ao comezo dun desfile a favor dunha iniciativa solidaria, toca abordar o mundo da moda. Diversidade e moda semella un tema tabú debido ao incumprimento da accesibilidade universal e o deseño para todos. Tamén hai que romper barreiras porque, de seguro, que non nos paramos a pensar nas dificultades que pode ter unha persoa con mobilidade reducida para accións tan cotiáns como vestirse ou espirse.

A moda tamén poder ser inclusiva, pero a maioría da súa industria ignora á diversidade funcional por estandarizar produtos e reducir custos. Son case inexistentes as prendas de roupa adaptada pensando en persoas en cadeira de rodas ou con próteses, por exemplo. Algunhas só necesitan pequenos cambios como incluír cremalleiras, velcros... para facelas máis prácticas. Eliminar elementos que impliquen unha motricidade fina pode facer que unha persoa se sinta máis libre e independente. Unha prenda pode ser funcional e bonita ao mesmo tempo.
Muller e moda inclusiva
Só algúns emprendedores apostan por deseñar facilitando a autonomía sen deixar a estética. Empezan a darse conta de que unir moda e diversidade é beneficioso para todos. Sen facer publicidade, sei dalgunhas marcas que lanzaron as primeiras liñas de roupa e agradecen entender mellor situacións que se dan por sentadas. Claro que tamén comprobaron que a sociedade non está preparada para a inclusión. Non está acostumada a ver esas prendas en tendas habituais. Empézase a apostar pola diversidade nas pasarelas cumprindo así o soño de modelos con parálise cerebral, en cadeira de rodas, con síndrome de Down, con muletas... rexeitadas por outras axencias. Modelos que cambian o concepto de beleza e rompen moldes asociados a corpos perfectos. Os desfiles, evidentemente en espazos adaptados, tiveron valoracións moi positivas e os medios de comunicación e redes sociais desempeñaron un papel importante. Quero resaltar que ese non foi o meu caso e tiven que capear unha vez máis coa falta de accesibilidade aínda que, ao parecer, estaba "garantida".

Un establecemento comercial considérase accesible se todos podemos facer uso dos servizos con normalidade. A realidade da nosa cidade é ben distinta porque en moitos comercios xa non se pode entrar. Ademais persoas en cadeira de rodas teñen moi difícil probar roupa. Non hai probadores amplos con perchas a distintas alturas e, a veces, nin onde sentarse. Non hai que inventar nada, está todo contemplado nun Sistema Internacional de Accesibilidade (SIA).

Esquecemos facilmente que a dimensión humana non depende dunhas medidas e que a suposta beleza externa pode truncarse por calquera circunstancia. A reivindicación neste 8 de marzo pasa por lembrar que vestir tamén é un dereito. A moda pode adaptarse á pluralidade e ser unha poderosa arma de inclusión se deseña produtos para participar en igualdade. Coas prendas, tamén se pode "vender" autoestima e dignidade.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES