Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A prol de Ucraína

jueves, 03 de marzo de 2022
Dende a Xunta de Galicia condenamos enerxicamente esta agresión inxustificada de Rusia a Ucraína, que supón un atentado contra os dereitos humanos e unha flagrante violación do Dereito Internacional, e expresamos a solidariedade do Goberno galego co pobo ucraíno e as vítimas deste conflito.

Defendemos unha política exterior coa UE e os socios da Alianza Atlántica que aposte polo mantemento da paz e a estabilidade en Europa. Europa, en especial Ucraína, está a vivir un dos seus momentos máis escuros e estamos ante unha colisión entre o Estado de Dereito e o imperio da forza.

A política exterior española réxese polos valores fundamentais da dignidade humana, a liberdade, o Estado de Dereito, os dereitos humanos, a solidariedade, o fomento da paz, o respecto do Dereito Internacional e o compromiso co multilateralismo. Compre lembrar que esta política exterior de España é unha política de Estado baseada na lealdade constitucional e no acatamento do dereito da Unión Europea e do dereito internacional, que mantén firme o seu compromiso co europeísmo, Iberoamérica, a Alianza Atlántica e coa defensa da orde liberal internacional.

Seguindo os principios reitores de unidade, de coordinación e de cooperación da Acción Exterior, amosamos o noso apoio ao Goberno de España para seguir afondando na revisión da estratexia para a acción exterior da Unión Europea, o chamado Compás Estratéxico da UE, así como na definición ambiciosa do Concepto Estratéxico que debe aprobarse no Cume da OTAN en Madrid este ano. Estamos nun momento de afondar na construción do enfoque común entre os aliados da OTAN e os Estados membros da UE e fomentar a unidade de esforzos a favor de Ucraína.

Debemos mostrar que o poder non está no imperio da forza senón nas nosas democracias e valores europeos. A unión e a coherencia das nosas accións en política exterior esixen un maior compromiso de responsabilidade na seguridade e a defensa colectivas, así como na mellora da nosa capacidade de disuasión. A resposta que demos hoxe ante esta manifesta agresión de Rusia a Ucraína terá consecuencias na futura orde internacional.

Neste sentido, o eixo euroatlántico cobra agora máis ca nunca unha enorme relevancia. A coordinación cos socios e aliados da UE e a OTAN ante o conflito resulta esencial. É evidente que nos situamos no lado da liberdade fronte á opresión e neste escenario non pode haber matices. Avogamos pola unión e non pola división.

A invasión militar rusa a Ucraína no canto de dividir a Europa e debilitar á OTAN afianzou máis nosa Unión Europea e reforzou a Alianza Atlántica. No plano transatlántico é necesario subliñar que os consensos básicos que se establezan deben incluír traballar por recompoñer a relación con Estados Unidos, relanzando as relacións transatlánticas que se perderon a partir de 2004 e cuxas consecuencias aínda sufrimos hoxe.

Reiteramos o noso apoio firme e claro a Ucraína fronte á criminal agresión de Putin e apoiamos as medidas impostas pola Unión Europea e o Goberno español a Rusia. Cabe resaltar que as sancións da Unión Europea son as maiores da historia da UE, dirixidas contra o sistema financeiro de Rusia, as súas industrias de alta tecnoloxía e a elite que o defende.

Somos conscientes de que estas sancións tamén terán un custo para a nosa economía. É a primeira vez que na UE se utiliza o orzamento europeo para comprar e entregar equipo militar a un país que está a ser atacado pero, como sinalou a presidenta da Comisión Europea o pasado martes, protexer a nosa liberdade ten un prezo e este é un momento decisivo no que a liberdade non ten prezo.

No plano humanitario,amosamos a nosa plena solidariedade e profundo apoio á UE e ao Goberno de España para a acollida de mulleres, homes e nenos e nenas ucraínos que escapan do conflito.

Reiteramos que este é un momento decisivo no que a oposición e o Goberno debe de ir xuntos. Sen cohesión interna non pode haber política exterior crible.

- DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DA AGRESIÓN MILITAR DE RUSIA A UCRAÍNA -
Xunta de Galicia
Xunta de Galicia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES