Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A diversidade vai á escola

viernes, 04 de marzo de 2022
Son negro. Teño o pelo loiro. Son alta ou moi fraco. Na cara teño pecas. Eu uso lentes. Son gordo. Son, es, é. Somos ben diferentes e radicalmente iguais. Diversas son as persoas, unha a sociedade. Crenzas, linguas, razas, conviven nesa sofisticada arquitectura cultural que é cada sociedade.

Diferenzas físicas e intelectuais son visibles en cada persoa, todas cos mesmos dereitos e a liberdade de exercelos. Pero aínda persisten estereotipos clasistas, racistas e sexistas. Onde? Eu son clasista, ti es racista, el é sexista. Somos.

E xustamente é a escola, o profesorado, os que postos diante do espello da decencia, están a ensinar algo máis relevante que historia ou bioloxía: a seren cidadáns.

A escola garante un espazo público de cultura e convivencia. De igualdade. Pero os colectivos sociais máis marxinados, os máis desfavorecidos socialmente, os que teñen máis problemas económicos, concéntranse na rede pública, convertendo en guetos as escolas dos barrios. Alí a convivencia e as aprendizaxes son máis difíciles porque concentran a maioría dos rapaces con problemas.

Hai grupos sociais que queren para os fillos unha escola nunha determinada lingua. Outros, pretenden separar por sexos. Por que non por relixións? Ou por razas (que é iso de raza?). Por que non aparcar en aulas especiais ós discapacitados? Cargados de moi boas intencións xeran problemas aínda maiores impedindo que os fillos coñezan e vivan a diversidade.

Os colexios mixtos son unha intelixente conquista contra o sexismo. Se nas aulas conviven paios e xitanos, negros e brancos, cristiáns e musulmáns, teremos unha boa vacina contra o racismo. Se integramos a persoas discapacitadas ("Todos fomos e seremos discapacitados") estaremos ensinando e aprendendo o valor da integración. E aprobaremos xuntos a materia máis difícil: a de convivir.

Por iso os poderes públicos deben impedir que existan escolas-gueto. É suicida compartimentar a sociedade, e a cidade, en clases, en grupos sociais. Non hai boa escola, nin boa educación, nin valores cidadáns separando nas aulas tipos de familias, clases sociais, xéneros, peles, relixións.

A sociedade máis avanzada creou a institución escolar para instruír e para ensinar a convivir entre iguais. O espazo escolar non pode xamais discriminar ás persoas por raza, etnia, credos, capacidades físicas ou tipos de intelixencia.

Os centros máis dotados, con boa biblioteca, recursos informáticos e audiovisuais abundantes, con máis profesorado, non poden estar dedicándose ás clases máis acomodadas, paradoxalmente moitas delas concertadas e pagadas con cartos públicos. A escola non pode ser un hospital que cure os sans e siga a matar os enfermos tratando por igual ós que son desiguais.

A escola é una ferramenta para a igualdade social, para conceder oportunidades asimétricas ás que concede a vida. Coas pedras do presente constrúe a necesaria utopía do futuro. As cores, a cultura, o arrecendo da escola, as palabras son as da diversidade.

Porque a escola é xustamente iso: utopía e diversidade.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES