Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Arde Ucraína

jueves, 03 de marzo de 2022
Tódolos nosos desacougos quedaron relegados a un plano secundario cando despois de ameazas e esixencias contemplamos en directo o sacrificio de todo un pobo en desamparo diante da barbarie asasina do invasor. As imaxes métennos no drama e queiman os nosos ollos que non se poden pechar diante da brutal evidencia.

As grandes guerras do século XX, xurdiron porque megalómanos absolutistas coidaron crear un mundo novo sobre millóns de mortos inocentes. Velaquí o exemplo dun mandatario que desafía ao vello mundo poñendo mortos na mesa de negociacións, fronte a democracia, diálogo e dereitos humanos.

Occidente ten as de perder fronte ao peso das armas, fronte ao sangue, suor e bágoas cando só pode esgrimir leis, dereitos, vidas... e represalias económicas, civilizadas, elegantes. Só palabras fronte a cañóns, berros contra as bombas, bágoas fronte a artefactos nucleares.

Como civilizados habitantes de países democráticos, temos as de perder, pero gañamos como seres humanos. Triste consolo o de sufrir nesta vida para triunfar moralmente na seguinte. Aínda que falaramos ruso coa maior corrección, Putin non nos entendería. Pero enténdenos moi ben sen comprendernos. Coñécenos demasiado ben, e sabe que occidente nunca se poñerá á súa altura.

No tempo no que en occidente os animais están conseguindo case os mesmos dereitos ca os seres humanos, Putin sabe que tratando aos seres humanos peor ca se foran cas, non conseguirá respecto pero si medo, e ningún gobernante civilizado dun país democrático lle aplicará nunca a razón da forza, aínda sabendo que con el non vale para nada a forza da razón.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES