Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A propósito de Raimundo Patiño no Día da Ilustración 2022

jueves, 03 de marzo de 2022
Raimundo Patiño, da familia dos Patiño, libreiros e artistas que nos acompañan ao longo das xeracións. Creadores que achegan ese orgullo de mostrarse no mundo dende o ser galego, como segue a facer o máis novo, Lois Patiño, nas súas intervencións audiovisuais.

Raimundo naceu no 36, viviu na Coruña e Madrid. Alí levou a cabo mil e unha iniciativas, que van dende a galería de arte experimental Redor, ao grupo Brais Pinto, a Estampa Popular Galega, A Gadaña ou a UPG e o seu logo. Os que o coñeceron, falan del, coa metáfora do imán que atrae as bolboretas á luz. Pintor e gravador, autor de banda deseñada e poesía, o seu era unir ética e estética nun compromiso total. O seu traballo recoñecese especialmente pola pintura, o gravado e pola banda deseñada: O home que falaba vegliota (1972) foi a súa obra de referencia, un cómic mural para expor, ciencia ficción para dicir o que non se permitiría facer doutra maneira. Tamén foi coautor do primeiro cómic, publicado en galego, Dúas viaxes; realizado con Xaquín Marín e que saíu co selo Brais Pinto Gráfica. Na serigrafía, nos carteis, no traballo horizontal de gran formato (realizado no chan) ou en calquera das súas manifestacións, sempre se considerou un pintor social que buscaba a maneira de chegar a máis xente.

O seu estilo é inconfundible. Se tiveramos que definilo, igual o podiamos facer por medio de etiquetas que o aproximen, mais que nunca acadarán a súa esencia. Poderiamos dicir: expresionismo (pero brutal) con trazos feroces, áxiles, cunha xestualidade valente; unha paleta propia con cores fortes, primarias e rechamantes; surrealismo e onirismo; iconografía das mass media con liñas cinéticas e onomatopeas; arte e cultura popular que mira as figuras de pan de San Andrés de Teixido e aos petróglifos; ruptura de viñetas e composición experimental; iconas como labirintos e espirais que se repiten nun baile imposible; ollais que semellan ser o seu símbolo esencial; barroquismo, un horror vacuo que o obriga a encher o soporte; abstracción con raíces galegas; unha obra de enorme forza que reproduce o caos;unha cosmovisión inquietante e por veces hermenéutica que segue a ser vangarda moitos anos despois...

Para situalo na nosa historia da arte, nada mellor que as palabras de Díaz Pardo: "El foi o primeiro artista plástico que, logo da guerra civil, restaura o compromiso da arte galega co destino do seu pobo", tal vez por iso nos podemos seguir lendo nel.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES