Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Setembro

lunes, 15 de septiembre de 2008
Setembro Setembro comeza con festas, como as do Santo Cristo en Goián e Portomarín, festas que se van demorando aínda durante todo o mes. Porque setembro é o mes das grandes romarías marianas.

O 8 a festividade da Virxe celebrase en moitas partes con varias advocacións. Son Os Remedios en Ourense, Castro Caldelas, Betanzos, Sarria, Mondoñedo…; Os Milagres de Maceda; O Portal en Rivadavia; As Ermidas no Bolo, beira do Bibei…
Hai romaría con carros de bois na Franqueira, e no Faro de Chantada, xa cantada polo troveiro Xohán de Requeixo no s.XIII. Na segunda semana cómpre ir a Rianxo á Virxe de Guadalupe, quen te puso moreniña, foi un raio de sol que entrou pola ventaniña. Ou ben a Muxía, outra vila mariñeira no cabo da terra, a ver se abala ou non a pedra e poder cantar á volta:
Veño da virxe da Barca
Da Virxe da Barca veño
Veño de abalar a pedra
De abalar a pedra veño.

Dos ofrecimentos e exvotos doutro tempo pode dar fe a canción:
Nosa señora da Barca
Ten o tellado de pedra,
Ben o podía ter douro
Miña Virxe, si quixera.

E non só a da Barca, que noutros lugares sacan en procisión as imaxes cubertas de billetes. Xa alguén dixo que Galicia era un país de santos ricos e paisanos pobres.

Quédannos aínda grandes romarías amáis das xa nomeadas: Os Milagres de Amil, en Moraña; a Virxe do Cristal, que o descreído Curros cantara, en Vilanova dos Infantes cabe Celanova; a Saínza en terras ourensás, con loita de “mouros” e “cristiáns”, a Santa Minia, boneca na súa urna acristalada, en Brión; o San Campio, avogoso do meigallo, na serra de Outes indo cara Noia, vestido de mílite romano na súa urna. Outra santa do meigallo é a Santa Eufemia, en Arteixo.

Polo 21 temos cambio de estación. Comeza o Outono, “¡Tempo das farturas/ en bodegas e en tullas e en horrios” dixo o poeta das terras do Ribeiro, mais xa haberá tempo para prepararse. O 23 é a Santa Tegra, con ermida no castro famoso, riba da Guarda, servíndolle de centinela ao Miño na súa marcha ao océano. Polo 29 é o arcanxo Miguel, guerreiro e conductor das almas dos mortos. Figos de mel, ou migueliños en sazón. Tamén as uvas: “San Migueliño das uvas maduras, tarde ves e pouco nos duras”.

En Betanzos faise a Festa do Mosto, en substitución da dos “Alborotados” que baixaban do San Cosme de Mántaras e continuaban a xolda toda a noite.

O mes o mesmo pode vir de auga ou enxoito: “Setembro, ou leva as pontes ou seca as fontes”. Nas zonas de viñedo faise a fustalla, preparando e limpando os aparellos e recipientes para a vendima, que se comeza a facer, segundo como viñera o tempo, nos últimos días do mes.
Torres Regueiro, Xesús
Torres Regueiro, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES