Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas xacobeas: O paso do Camiño pola parroquia de Maside

lunes, 28 de febrero de 2022
Os peregrinos que querían evitar o paso pola Vila (así chamaban á poboación xurdida a carón das igrexas de San Salvador e de Santa Mariña de Sárria) podían seguir polos ramais coñecidos como "Camiños de Fora", alcanzado por calquera dos dous a Ponte da Áspera.

O primeiro deles, o do Sur, ía dende a Ponte Ribeira aos peares ou pasais de San Miguel, no río Celeiro (o medieval río Barbadelo), non lonxe da Rañoá e do Castro das Paredes , e pasado o Marco dos Esqueiredos entraba na parroquia de San Pedro de Maside seguindo en baixada atá a Veiga de Arriba, tamén coñecida como A Veiga do Pozo, que en 1891 pasou a formar parte de Santiago de Farbán.

Nos Esqueiredos o "Camiño de Fora (Sur)" facía cruz co Camiño de Monforte que seguía a pé da Fortaleza ata o Mosteiro da Madalena. Este Camiño de Monforte, pasado o lugar de Lamarrigueira tiña unha derivación que por Albán, Vilamaior da Lobataira e Mosteiro Vello ía á Barca do Pincelo, no camiño que dende Sárria seguían os que ían cara Chantada e Pontevedra.

O lugar da Veiga de Arriba ou do Pozo pertencera ao Temple e pasara a mans dos Condes de Lemos e no ano 1371, xunto coas herdades de Celeiro e de Manán, Don Pedro, "conde de Trastamara, de Lemos e de Sárria e do Bolo e Pertigueiro Maior da Terra de Santiago", deullo ao prioiro e convento de Santa María Madalena "por tal que roguedes a Deus pola miña vida e que digades en cada un día de aquí endiante unha misa de sacrificio por min e polas ánimas do meu pai e da miña nai e dos meus avós e daqueles onde u veño". Esta doazón foi confirmada polo conde don Rodrigo Rodríguez Osorio o 4 de agosto de 1510. A este lugar chegaba a carreira que pasada a Corga do Asno e Santiago do Mercado (primitivo asento da Vilanova de Sárria) viña dende A Madalena e xa xuntos, seguindo pola Veiga Pequena, alcanzaban o Vao dos Pasais de San Miguel traxecto que cecais fose seguido por aqueles que querían evitar o pagamento do dereito de pontaxe esixido para cruzar pola Ponte da Áspera.

Na actualidade, xa prácticamente desaparecida a antiga traza o Camiño de Fora (o do Sur) queda dentro das estremas da parroquia de Santiago de Farbán.

O segundo Camiño de Fora, o do Norte, era seguido non só polos peregrinos e camiñantes que ían cara Portomarín e Santiago, e non querían entrar na vila, senón que tamén era transitado polos transeúntes procedentes do Courel, O Incio e Lemos que, rexeitando o acceso dos Esqueiredos, entraban na parte baixa vila collendo na Lama da Rigueira a carreira que ía por Pacios de Casteledo cara A Pedreira e o Arrabaldo. Este ramal evitaba a subida á vila e a baixada á Veiga de Abaixo, e seguía o trazado das actuais rúas do Marqués de Ugena, Porvir e San Lázaro.

Pasado O Pedregal, á altura da Corga de Vales (hoxe Rúa Pedro Saco), a carreira entraba na parroquia de Maside, deixando á esquerda a Capela do Campiño, que era marco estremeiro das parroquias de San Salvador de Sárria, Santa Mariña de Sárria e San Pedro de Maside, en cuxo termo se achaba.

A uns douscentos metros este Camiño de Fora (Norte) tiña cruzamento coa Ruela de San Lázaro que baixaba dende San Salvador (Rúa da Calexa) e co Camiño de Lugo que dende A Madalena ía ata a Ponte do Mazadoiro e nese espazo estaban o Souto ou Campo de San Lázaro e o Hospital de San Lázaro, onde eran forzosamente acollidos os gafos, doentes da lepra que tiñan que viviren lonxe das vilas e lugares, facendo vida común e sostidos coas esmolas froito da caridade dos seus coetáneos e das mandas e rendas establecidas por xentes piadosas.

Pasado o Campo de San Lázaro o Camiño de Fora (Norte) ía cara a Ponte da Áspera, deixando á esquerda os soutos de San Lázaro por unha carreira que agora é a rúa Camiño Francés. Moi perto da ponte o camino entraba nos termos da Veiga de Abaixo, da parroquia de San Salvador de Sárria. No río Celeiro, pasado o desvío da Veiga de Abaixo, había un pontigo de madeira, coñecido como Pontón de Celeiro, e un vao que levaban ao casar e muiño deste nome, e ademáis permitían atallar para á altura de Santalla de Arxemil coller o Camiño de Sárria ao Páramo e o Camiño de Lugo que dende a vila levaba a esa cidade por Goián e a Ponte de Neira. Nese treito, pasado o lugar de Requeixo, estaban o castro e lugar de Santo Estevo de Barbadelo (Santo Estevo de Requeixo, e agora Santo Estevo de Maside) que foi espazo señoreado polos templarios, o mesmo que o Casar de Celeiro.

Este ramal norte, que serviu de asento primeiro á estrada de Sárria-Portomarín (1860), no seu cruzamento coa estrada do Mazadoiro a Lamarrigueira (1851/1853) viu nacer un novo barrio de San Lázaro, integrado na parroquia de Maside, que medrou moito máis despois da inauguración da liña de ferrocarril entre A Coruña e Sárria, en crecemento parello cos barrios xemelgos da Estación e da Estrada do Mazadoiro.

Estes tres arrabaldos novos, fracasado o intento de facer una nova parroquia que pretendían levase o nome de San Lázaro de Sárria, pasaron a se integraren na parroquia de San Salvador de Sárria en 1891 que tamén sumou terreos de San Martiño de Requeixo.

Con esa anexión a traza dos camiños xacobeos pola parroquia de San Pedro de Maside quedou limitada dende entón aos treitos da banda esquerda do río Celeiro aos que hai que dar a debida atención e que na actualidade aparecen referenciados dentro da "vía canónica" barbadelense e no ramal que por Zanfoga, Santa Marta e Barreiros segue atá o Chao de Domiz, pasaado por Maside, Ortoá e Meixente.

(Xaime Félix López Arias, Arlindo, historiador e escritor, foi Cronista oficial de Sarria).
López Arias, Xaime López (Arlindo)
López Arias, Xaime López (Arlindo)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES