Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Miña casiña, meu lar

miércoles, 23 de febrero de 2022
O outro día regresei por un intre a miña infancia a través da nostalxia que é a única maneira de viaxar ao pasado subido ao carro da lembranza. O gran poeta Rainier María Rilke deixou para a posteridade unha fermosa frase: "A verdadeira patria do home é a infancia", á que poderíamos engadir: de cuxo territorio somos exiliados por unha sucesión de casualidades e causalidades, unha trama de sucesos encadeados que non buscamos pero que nos acompañan nesa viaxe sen billete de volta que é a vida.

Se establecemos a premisa de que a infancia é a patria do home, a miña é Mugardos e se reducimos máis o espazo, a beiramar co núcleo central na casa onde vin a luz por primeira vez, esa casa da que nunca se borraron as lembranzas do tempo vivido nela Miña casiña, meu larna compaña da xente que tanto me quería. O paso do tempo deixou pegadas aínda que a súa digna presenza de estilo modernista permaneceu sempre altiva esperando unha restauración que lle permitira emprender unha nova traxectoria. E ese momento chegou.

Agradecinlle moito á propietaria, coa que coincidín no paseo marítimo, a xentileza de invitarme a visitar a que arestora lembro con señardade como: "miña casiña, meu lar". A fachada é a de sempre pero os interiores desapareceron tal como eu lembrábaos, e ao traspasar o portal viñeron a min os recendos da cociña, ao fume da leña e das piñas cos que a avoa acendía o lume, o longo corredor, pista dos xogos nas chuviosas tardes do inverno cando a auga e o frío impedíanos ao meu irmá e a min xogar no patio, o noso lugar preferido, un adro que me parecía grande e agora o vin pequeno, sen a parra, sen o lavadoiro de dous corpos ao pe do pozo, sen a escaleira exterior que o comunicaba co primeiro andar onde vivía dona Acacia, a que logo sería a miña profesora de piano. Ao ver todo reconstruído, moderno e adaptado as necesidades do noso actual "modus vivendi", as imaxes nese intre fóronse diluíndo na miña memoria, fundíndose en negro. Os meus avós Leocadia e Xoán, e as miñas tías Carme e Pilar, cal espectros, fóronse volatilizando saíndo paseniño do lugar que xa non era o seu nin tampouco o meu. Pero no meu cerebro, no meu particular disco duro, quedaron gravadas para sempre a disposición de todas as pezas da casa, cousa que non me pasou coas outras casas nas que vivín, pero sobre todo os momentos felices transcorridos alí coincidindo coa primeira etapa da miña nenez.

Xa fora, na rúa, volvín mirar a fachada, mostra indeleble dun anaco daquel tempo, do meu tempo.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES