Pepita e o maquinista
Piñeiro González, Vicente - viernes, 12 de septiembre de 2008
Onte pola tarde estaba eu moi tranquilo paseando pola muralla cando me atopei co meu amigo Valentín que viña en sentido contrario; saudámonos e estivemos charlando un anaquiño. Díxome se o acompañaba e así poderiamos charlar máis tempo.
Aceptei porque eu son así e contoume o que lles vou relatar agora. Velaí:
-Sabías que Pepita tivo un balbordo co marido -dixo Valentín.
Díxenlle que non. E como o ía saber se eu non vira a Pepita!
-¿E logo que lles pasou? -quixen saber.
-Pois ela tivo que madrugar máis da conta para ir ao hospital mirarse a raios e preguntoulle ao marido se a levaba no coche, pois ela non ten carné.
-E levouna?
-Non, o marido díxolle que non ía facer de taxista. Entón ela saíu da casa moi cabreada. El foi tras dela dicíndolle que cambiara de idea e que a levaba. Penseino mellor e lévote!, díxolle, pero ela estaba moi alporizada e non quixo. Agora non fai falla que me leves, ben sei ir soa, e liscou.
-Entón foi andando -dixen eu.
-Non, foi até a estación do tren, que lle quedaba preto, para pillar un taxi pero non había ningún. Vaia, dixo ela, e din que ó que madruga Deus lle axuda. E velaí que ao seu carón pasaba o maquinista do tren, oíuna queixarse e díxolle: Señora vostede ten algún problema? E Pepita contoulle que non había un taxi preto e facíaselle moi tarde para ir ó hospital. Teño que ir ao hospital facerme unhas placas e se non chego a tempo non me atenden e mándanme volver dentro de quince anos e xa levo dez esperando, dixo. De ningunha maneira señora, díxolle o bo do maquinista. Non lle vai ocorrer nada diso, vostede chega a tempo como me chamo Marcelino, veña comigo. Pepita foi con el pensando que a ía levar no coche e velaí que lle mandou montar no tren. Pero se o hospital é aquí en Lugo, non na Coruña, díxolle Pepita. Xa o supoño señora, contestoulle o maquinista, Vostede suba ao tren. Pepita obedeceuno e o maquinista puxo o tren en marcha. Saíu da estación cara a Santo Domingo, parou nun semáforo, detívose un intre fronte ao Hotel Méndez Núñez para deixar un turista, viaxou por algunhas rúas, deulle a volta á muralla, torceu cara a Fonte dos Ranchos, logo outra vez á dereita cara ao hospital, e ao chegar díxolle o maquinista: Xa chegamos señora. A tempo para os raios, xa lle dixen que a ía traer. Que Deus llo pague, díxolle Pepita moi contenta.
-E, como puido chegar até o hospital co tren? -pregunteille eu ao meu amigo Valentín.
-Pois non cho sei, só que polo visto di o alcalde que as rúas están feitas unha merda dende que o tren levou a Pepita ao hospital, e non as arranxa porque di que as ten que arranxar a Renfe e non o Concello.
Pois si que pasan cousas raras nesta cidade...

Piñeiro González, Vicente
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora