Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sermón de Entroido 2022

miércoles, 23 de febrero de 2022
Aquí veño miña xente!
Falar con don Carnal:
dime que ve o mundo torto
e a cousa anda moi mal.

Tan mal vos anda o conto
que xa temos unha cruz:
cando nos chega fin de mes
haivos que pagar a luz.

A culpa non é de ninguén.
Todos falan con fachenda:
suman e restan no papel
e non hai quen o entenda.

Isto dá que pensar amigos:
neste país tan inxusto
hai xente sen luz nin calor
por non poder pagar o custo.

Se isto aínda fora pouco,
cunha zorrería fina,
cando nos ven despistados
sóbenvos a gasolina.

O que non manga en directo
xa vos trinca en diferido.
O que vaia polo legal,
ese, será o ferido.

Neste país castígase
roubar por necesidade.
Pois, quen o fai por pracer,
merca a propia liberdade.

Mirade ben miña xente
a quen lle dades auxilio:
á fuga resort dos ninis
xa lle chama exilio.

Quen vos precisa auxilio,
son os pobres exiliados
que xa foxen mar adentro
deses talibáns malvados.

Quen suque eses mares libres
guíao ben, Virxe da Guía:
que poida ver a liberdade
no amencer ledo dun día.

Os reis finxen unha paz,
os reis fan unha guerra,
mentres pobres infelices
xa foxen da súa terra.

Volven os talibáns:
(que estaban xa vencidos).
O coitado pobo afgán
de novo está oprimido.

Agora sabemos todos
que nunca foi liberado:
vinte anos á espreita
e é de novo castrado.

Do outro lado do mar,
entraron no Capitolio
unha recua de fantoches
montando un gran espolio.

Dende esta nosa beira
Ficou o mundo abraiado:
na democracia exemplar
vimos un golpe de estado.

A cousa non vos foi a máis,
puidérona endereitar:
os azuis ao poder,
os vermellos a opositar.

Mentres tanto, miña xente,
no centro había moito frío:
Filomena na capital
armou un gran lío.

De novo abriuse a boca:
a capital avanzada,
nun montón de neve,
quedouvos algo parada.

Moitos medios se puxeron,
investiuse de verdade
e os señores capitalinos
recuperaron a liberdade.

Para falar do pasado
cómpre facelo con calma:
a verdadeira traxedia
tivo lugar na Palma.

Na Palma, miña xentiña,
espertouvos un volcán:
derrubando fogares,
tirando vidas ao chan.

Moita axuda nos merece
este pobo palmeiro:
toda a sorte do mundo
e que agrome o primeiro!

Moito lío armastes
por certos indultados:
pois tedes ben corruptos
que non han de ser xulgados.

Ben o vedes vós agora
co esperpento de Madrid:
o fogo amigo apágase
só cun bote de barniz.

Pero os paus casa adentro
póñenvos o tempo ben cru:
as verbas están moi lonxe
e preto a patada no cu...

Fora do ledo palacio
campa ceibe quen odia:
un novo terrorismo
témolo na homofobia.

Fronte a todas as fobias
unámonos en diversidade:
defendamos o que é xusto,
defendamos a liberdade.

Que vos dicir, meus amigos,
daquela ditadura alauí:
manda a morrer ao seu pobo
e a ONU xa nada lles di.

Nesta altura da historia
non hai como a dinastía:
lávanse ben a cara
sen precisar de amnistía.

Pero a historia é larga
e o tempo faina ben xusta:
a verdade sae a flote
anque, ás veces, lle custa.

Alemaña cambiou de mans:
despois de tanto traballar
ben merece a Merkel
nun avesío descansar.

De novo volvo á casa
e, de volta a España,
véxovos moitos chanfainos
hai que meterlles caña.

O que parecía honrado,
señor dos monicreques:
tiña todo ben gardadiño
e sen fondo os cheques.

Remato co papo cheo:
haivos tanto ladrón
que cada rima é pouco,
non chega un sermón.

Para dar un bo comezo
a estes tempos de ledicia,
erguédevos de alma chea
miña xente de Galicia.

Véndovos, irmáns, en pé
báteme o meu corazón:
non digades nada máis
aquí vos dou a bendición:

bendita sexa a palabra
expresada en liberdade:
gran azoute de corruptos
prófugos da verdade.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES