Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A memoria da Frouseira e de Caldaloba

Meilán García, Antón X. - miércoles, 23 de febrero de 2022
Non hai Historia sen memoria. Nin Patria. Nin pobo, nin casa, nin familia, nin ser humano. Se algo non se recorda, non existe. Onde a memoria da Frouseira e Caldaloba? Onde? Foron derrotados e esquecidos pola Historia: Pardo de Cela e a súa filla, dona Constanza de Castro. Perderon. Perdemos. Mais loitaron até o final, até que ao Mariscal o traizoaron de primeiras na Frouseira, os seus criados, Roi Cofano, de Santa Cruz do Valadouro. E o pobo non perdoou a traizón. Pasaron a seren os «prexurados», aínda hoxe, na memoria de toda a Mariña luguesa. E traizoado de segundas, na casa do Secretario do bispo, un cóengo, Fonso Yáñez, en Castrodouro. E houbo loita e mortes para collelo. E tamén, aínda hoxe, a memoria dos do Valadouro sinalan a casa do felón. Despois de seis séculos, saben onde está. Non esquecen a felonía, quedou gravada na memoria da xente. E daí para a casa doutro cóengo, agora en Mondoñedo, Fernán Balea, para cociñar o testamento. E o pobo, deslombado polas tarefas do mar e da terra, malvive afogado por foros e rendas eclesiásticas. Viven na miseria e Deus non lle soluciona a pobreza. Cren no que ven. E viron que o tiveron que degolar para vencelo. E viron nel a rebeldía que lles faltaba a eles. E convertérono en mito. E desde entón, desde Ortigueira a Lugo todos queren ser o Mariscal. Mais non parou aquí a loita, a súa filla dona Constanza de Castro, co sangue dos Castro e dos Cela, continuouna en Caldaloba. E houbo que envelenala para poder con ela. Morreu loitando. E de Mondoñedo a Lugo pasando pola Chaira resoa o seu nome. E desde entón, a torre de Caldaloba é venerada. As xentes peregrinan a ela. Queren ver onde resistiu máis dun ano e onde morreu. E cada primavera, Caldaloba reverdece con máis forza. A resistencia e morte de dona Constanza encheu de beleza Caldaloba. Entre pai e filla, foron case catro anos de loita contra os que viñeron de Castela a pacificar o noso Reino. Dise axiña: catro anos de loita e resistencia. E onde aparecen nos libros? Do Mariscal, enredan co mito, e de dona Constanza apenas poñen o nome. Só na memoria das xentes da Mariña luguesa e nos da Chaira perviven os topónimos da Frouseira e Caldaloba coma símbolos de resistencia, e os nomes de Pardo de Cela e dona Constanza de Castro coma símbolos de loitas e mortes contra as tropas dos Reis Católicos.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES