Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'14 de Julio'. De Eric Vuillard.

viernes, 18 de febrero de 2022
Ou cando a vontade popular entra na historia. Apenas 185 páxinas en letra grande. E un exercicio de estilo vertixinoso, imaxinativo, delicioso. Paga a pena embarcarse nesta viaxe cara á realidade. É dicir, crónica viva, vibrante sobre un dos días que os almanaques subliñan coa mesma cor que o sangue: cambiaría o curso da historia.

Pero desta volta, a historia non camiña polos vieiros habituais. Rostros, nomes, vidas, seres anónimos coparon o protagonismo que logo lles roubarían os libros de historia. Porque o 14 de xullo de 1789 non foi escrito polos grandes nomes que coñecemos senón por nomes esquecidos. Foron eles os que derrubaron as portas da Bastilla, un dos símbolos do Antigo Réxime. Antigo e fondamente desequilibrado: os estamentos do alto clero e a nobleza eran o 3% mentres o terceiro estado copaba o 97% da poboación.

O percorrido que fai o libro dese día vai da man de acontecimentos e frases cortas, rotundas como se as horas foran talladas a golpes. Máis que novela histórica, que tamén, estamos diante do relato que fan, viven e protagonizan nomes reais que pronto esvararán cara ao anonimato. A historia protagonizada por sátrapas e reis, papas, guerreiros, nobles e donos da riqueza agora vai ser escrita pola xente do común que suma ese 97%, polo conxunto da nación contra unha presada de privilexiados ata límites delirantes. Tan violento será o tsunami histórico que cambiará o mundo.

Pasou máis veces. Está a pasar. En momentos cruciais os portentosos ventos sociais derruban muros e corsés, portas e ventás, valores que cimentan unha época quedan desfasados para enfrontar problemas do presente. Por exemplo aquela primavera árabe, os movementos dos indignados, agora a rapazada contra a desfeita climática e a cegueira dos gobernos.

A historia dese 14 de xullo empézase a escribir para os pobos. A un lado, xente que pasa fame: 'Se non teñen pan que coman pasteis', aconsellaba a raíña antes de que a súa testa repeiteada rodara ata o cesto. O malestar ferve, a carestía desborda. No outro lado, Versalles e a súa corte dos excesos máis aberrantes: unha illa de dilapidación nun mar de necesidade. Os desfavorecidos, os prescindibles, os 'desechables' que viven na cidade máis grande do mundo, percátanse de que son multitude: unha xigantesca onde de malestar empuxa cara a Revolución Francesa.

Camiñamos, co libro nas mans, polas rúas de París. Para recuperar a memoria do pasado, aprender leccións da historia, vivir nun tempo de lectura a carón de xentes anónimas que cambiaron o rumbo do mundo. Reduciron a cascallos o Ancien Régime e abriron as portas á modernidade.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES