Andar pola vida
Cando saín da casa con destino ó café, estudei a posibilidade de percorrer o quilómetro que hai, metro arriba metro abaixo, coa cabeza para abaixo. Tamén ó momento tiven que rexeitar tal opción porque, ás primeiras de cambio, caeríanme todas as cousas que traio nos petos do pantalón e mesmo no da camisa, por exemplo,

este caderniño no que escribo. Despois tamén vin a opción fóra de lugar, ou sexa, unha parvada; porque, se case non consigo andar dereito, é dicir, como Deus manda, como vou conseguir andar mil metros (repito: metro arriba metro abaixo) cabeza abaixo.
Andar pola vida non é nada fácil. É máis complicado do que se pensa. Ás veces tíraste horas ou días retirando obstáculos que che poñen cada dous por tres. Porque hai xente que só se dedica a poñer atrancos no percorrer diario de cada un. Mesmo certas accións xa son en por si un tropezo, unha pexa. Así é que para andar pola vida hai que ter ese famoso sexto sentido e un ollo na caluga, no cocote.
Menos mal que eu, sen carraxe e con moita calma, retiro todos eses atrancos que me poñen diante. E cando vexo que tales impedimentos ou dificultades son coma penedos, arrodéoos, e sigo. Todo consiste niso: buscar a mellor opción. Que andar cabeza abaixo é unha necidade? Pois a andar dereito, e punto. Andar pola vida non é nada fácil, pero moitas veces porque nós mesmo non intentamos buscar outro camiño, outro carreiro, outra alternativa. Non obstante, dunha maneira ou doutra, hai que seguir andando pola vida.