Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A síndrome de Bergerac

jueves, 17 de febrero de 2022
Unha ocasión para recoller reflexións ao redor do teatro, A síndrome de Bergerac. Unha comedia heroica.

A síndrome de Bergerac é a primeira novela xuvenil de Pablo Gutiérrez que resultou ganadora do premio Edebé de Literatura Xuvenil e aparece en galego traducido por Belén Rodríguez, publicada polo selo Rodeira.

En primeira persoa, unha moza rememora o ano no que comeza bacharelato e no que A síndrome de Bergeractodo pasará a xirar arredor dun gran nariz, o de Cirano. Un libro sobre adolescentes, as amizades que se pensaban para toda a vida, os primeiros amores, o grupo de instituto cos rapaces que veñen dun ou outro lugar (por exemplo, o que ven dun colexio privado, e pode afirmar: "Algo así non o diría ninguén no meu colexio. Alí perder ou gañar si que son cousas importantes. Adéstranos para iso. E dalgunha maneira eu sigo téndoo na cabeza, non é doado desprenderte da propaganda. Gañar ou perder. Por iso quero seguir falando contigo, porque sei que me vas axudar a quitala de encima"), unha profesora de literatura universal e, sobre todo, o teatro.

O teatro a partir de Cyrano de Bergerac e seguindo os postulados da profesora: "O teatro non é nada máis ca unha convención, unha mentira aceptada polas dúas partes... Un acordo entre os espectadores e a compañía: Os actores finxen que están nun xardín e os espectadores finxen que o cren. Unha cadeira de madeira convértese nun trono se o protagonista di "aquí está o trono de Dinamarca". É o pacto da ficción. Pensa nas pelis de superheroes, non ten sentido ningún que un tío se enfade e se transforme nun xigante verde, va que non?; pero ti sentas no cine e crelo durante un par de horas, porque decides entrar no xogo. Nos anfiteatros da antiga Grecia non había decorados nin vestiario. Se un personaxe levaba espada, era un soldado. Se levaba coroa, era un rei. Se o coro dicía que o heroe acababa de chegar ás beiras de Corinto, entón o proscenio convertíase nunha praia de Corinto, sen máis. E o mesmo ocorría no teatro de Plauto, de Lope, de Shakespeare, de Racine... Cres que a compañía de Shakespeare se esforzaba por recrear Verona en Romeo e Xulieta? Ou Escocia en Macbeth? En absoluto. Tiñan un só decorado que valía para todo! O vestiario de Romeo sería o mesmo que o de Orsino, o de Otelo e o de Berowene; os actores pagaban os seus propios traxes, que eran carísimos, e creme, preferían gastar os cartos en cervexa antes que nun xastre... O realismo, a necesidade de que unha obra "reproduza" a época e o lugar, é unha moda recente, algo propio de finais de XIX, é dicir, de antonte, en termos históricos... (...) Se ti podes crer, por un momento, que es a ama de cría dunha dama francesa, os espectadores tamén o farán". O teatro, ese xénero marabilloso que ademais de literatura é espectáculo, o que implica un esforzo que os adolescentes poden enfrontar cando se empeñan pero sen sufrir porque tal como lembra a profesora, hai unha famosa frase que o coloca todo no seu sitio "O teatro é unha sucesión de obstáculos que conduce a un inminente desastre, pero que sempre acaba ben". Porque existe a maxia, tal como afirma unha das rapazas "Eu creo na maxia. Sempre crin. As fadas morren se non cres nelas. Non me miredes así, pensádeo. É unha frase moi profunda". Remata esa lembranza sobre o ano do nariz, o ano do teatro: "E caio na conta de que cyran-o-nariz é un fermoso palíndromo fonético, un feitizo imbatible. É maxia, porque as palabras son unha fonte inesgotable de maxia, capaces de infrinxir dano, e de reparalo".

Así me gusta que acuda a min a obra, coas súas verbas levándome dun a outro escenario, dun a outro tema, con esas aseveracións de vella adolescente "Porque no amor entras dunha maneira e saes sendo outra persoa, é unha travesía incerta e chea de perigos". O amor, aquel primeiro amor: "É certo que nos quixemos moito, e por sorte deixamos de querernos antes de magoarnos".

Amizade, amor, teatro, o mérito dunha profesora á que lle gusta a súa profesión e sabe o que ten entre as mans, o compromiso co ensino, a motivación movendo montañas... de todo un pouco.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES