A confraría da Virxe dos Remedios
No ano 1740 o bispo Sarmiento fundou esta confraría, á que podían pertencer fregueses dámbolos dous sexos. Ó longo dos anos pasou por diferentes vicisitudes ata o punto que, no ano 1772, varios confrades tentaron unila á da Nosa Señora, erixida na parroquial de Santiago. Desde esa data non hai actas nos libros da confraría dos

Remedios, polo que non sabemos se se realizou a unión ou se, pola contra, aquela tivo unha existencia decadente.
Nos comezos do século XX, D. Manuel Fernández de Castro, bispo de Mondoñedo, deulle un importante pulo á confraría, acadando que numerosos fregueses se fixeran confrades desta asociación.
Hai dous tipos de confrades: os de estatuto e os de indulxencias e sufraxios comúns. Os confrades de estatuto satisfacen unha cota de entrada de cincuenta céntimos, se son menores de idade; de unha peseta, se son adultos; e de dúas pesetas, se cumpriron os sesenta anos. Ademais, todos teñen que entregar unha cota anual de cincuenta céntimos. Non embargantges, os confrades de indulxencias e sufraxios comúns só deben aportar unha peseta sen cota ulterior.
Tódolos confrades gañan indulxencia plenaria o día de ingreso, o día da festa dos Remedios e no intre da morte. Tamén, son partícipes do oficio fúnebre que mensualmente se oficia polos finados e as obrigacións dos vivos. Ademais, os confrades de estatuto teñen outras gracias: a asistencia do estandarte da confraría aos actos do enterro; a unha misa polos confrades fallecidos, colocándose candeas na casa mortuoria.; a doce fachas que se colocan ó redor do túmulo durante as honras fúnebres, se o fallecemento do confrade ten lugar na parroquia dos Remedios Pola contra, se a morte sucede noutra parroquia da vila ou da diócese pagarase o imoporte do alumeado ao párroco correspondente.
Por outra banda, a confraría aparte dos oficios da parroquia, celebra ademais algúns propios da asociación, como, unha función mensual, con rosario, oracións tomadas da novena e bendición co Santísimo; unha función semellante á mensual tódolos sábados; e anualmente a solemne novena e a conmemoración da festa o día dos Remedios.