Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 17 de febrero de 2022
Carallo de Melendi

Dime o Melendi que cerre os ollos. Como os vou cerrar! Se cerro os ollos, non vexo. Se non vexo, podo tropezar. Se tropezo, máis seguro que caia. Se caio, tamén máis seguro que me manque. Se me manco, estou por apostar que me doe. Se me doe, fixo que haberá sangue. Se sangro, a maiores dos berros de alguén, ata podería desangrarme. Se me desangro, certo que podo morrer. Se morro... como lle vou facer caso a Melendi! Puto Melendi!
Pingas de Orballo Non lle fago caso, claro. Non pecho os ollos e vexo o ceo de cor azul, aínda que alá, ó fondo, cara ó oeste, hai algunha nube de cor gris. Ou case negro. Seguro que dentro dun cacho chove (ou mañá, ou dentro dunha semana, quizais nuns meses), e se chove, vexo chover. Non podo cerrar os ollos! Co bonito que é ver o coche que pasa ou o paxaro que voa. O paxaro que voa, agora mesmo, é un pardal. Eu prefería unha rula, pero... Pero ver unha rula no medio da Valenzá é raro, moi raro, tan raro que nunca a vin. No medio da Valenzá o que se ven son moitas pombas; iso si. Tamén é bonito andar e, mesmo, esperar a velas vir. Pero cos ollos abertos.
Pois mira que non me sae o carallo do Melendi da cabeza. Pedirme que cerre os ollos. Seguro que quería verme tropezar e desangrarme. Morrer; xa non sei tanto se ese era o seu desexo. Tamén sei que hai moito Melendi solto por aí, que queren que peche os ollos para que me esnafre. Non obstante, mirade que máis dunha vez xa confesei que cos ollos cerrados é cando mellor vexo. Eu na realidade só quería meterme un pouco co carallo do Melendi.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES