Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A 'Nube' e os bancos de pan da nosa Galiza

viernes, 18 de febrero de 2022
Que hai moitos tipos de bancos, ninguén o pode discutir, a parte, claro está, dos que estamos pensando, cos que "andamos de cacho para cribo", sobre todo aos que imos vellos. Hai bancos de peixes, de órganos, de néboa, de probas... Todos eles están referidos a un lugar que posúe fartura de algo, xa sexa porque nosoutros o almacenamos, ou ben porque a natura os puxo alí, como poden ser os bancos de néboa do Fitoiro, en Mondoñedo, que tamén traen a maltraer a condutores e ministerios.

A parte destes, chámanos moito a atención que haxa bancos de datos, lugares aos que hoxe en día chamamos "nube". Cando pensamos que nas nubes podían estar os anxos, coas súas ás brancas, xogando ás carreiras atmosféricas para ver quen chega antes ou despois nas autovías espaciais e axudándose do vento, que estira os seus corpos en figuras surrealistas e que eles fan porque queren xogar coa creación do noso pensamento a ver se adiviñamos a figura que procrean estricando as súas ás brancas ou negras, dependendo se son traballadores do ceo ou do averno, dun deus reinante ou doutro opoñente cristalizado en demo ou demos mouros, portadores da choiva e dos relampos, todo isto puidese estar no que nosoutros entendemos como "nube" ou banco de datos; pero non é así porque os datos ocupan lugares importantes e escondidos do noso planeta.

Están en edificios como os das naves industriais, pechados a cal e canto por enormes caixóns blindados cubertos de aceiro aos que non se pode entrar porque dentro hai unhas enormes máquinas cheas de cables por todas partes, onde se almacenan todos os datos, incluso os de este artigo que estamos escribindo agora, nunha especie de discos duros cunha capacidade de almacenamento inmensa e onde as máquinas están traballando deseguido, habendo, por se faltase a enerxía uns potentes motores que entrarían en funcionamento daquela mesmo en medio dun son enxordecedor, parecido ao que soportamos nos aeroportos cos avións despegando e aterrando decontado.

Como vemos a "nube" á que subimos os datos está na terra e non ten nada que ver co ceo nin cos anxos, pero se nos chamou a atención a existencia dos bancos de datos, non menos o fixo o feito de que na Galiza dos nosos devanceiros xa houbera bancos de pan. Estou falando dos nosos bisavós ou tataravós. Segundo me contou unha persoa que se dedica ao mundo da rehabilitación, os seus devanceiros tiñan na súa parroquia un banco de pan, por certo, a parroquia estaba entre Baralla e Becerreá, e o banco funcionaba unicamente para os veciños segundo din os apuntamentos que efectuaban das persoas que o utilizaban.

Se unha casa dese lugar acababa o pan por calquera circunstancia, xa fose pola mala colleita ou porque non chegaba para rematar o ano, había unhas grandes tullas nas que se almacenaba o gran e das que podía coller as fanegas ou os tegos que necesitase, mais cando rematase a seitura e a malla correspondente tiña que levar ao banco a mesma cantidade en tegos e fanegas que levara das tullas e, ademais unha cantidade a maiores como pago polo préstamo efectuado e como pago de intereses, unha cousa parecida á que se facía no muíño coa maquía, ou pago pola moedura. Esta era maneira de que as tullas estivesen sempre a reverter a cambio dunha pequena cantidade a maiores do que levaba prestado, o que permitía ter sempre as tullas cheas e a disposición do que necesitase o prezado sustento. Por todos os deuses!, cousa que non ocorrese na nosa Galiza non ocorreu en ningún sitio do mundo. Que grande é a nosa terra e que lista!
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES