Vieira en orde
Editorial - jueves, 11 de septiembre de 2008
Na vieira temos os galegos o símbolo máis clásico das peregrinacións a Santiago, e mesmo na cuncha deste molusco parece simbolizarse o feito de que todos os camiños conflúen en Compostela.
Hai incluso unha Venerable Orde da Vieira que desde a capital de España irradia actividade armando pacíficos cabaleiros que teñen por divisa a galeguidade dentro ou fora do noso territorio.
E logo está o aspecto gastronómico, sempre destacable nunha terra onde o comer é unha arte, onde a cociña é unha ciencia, e onde temos asumido que por circunstancias climatolóxicas ou estacionais é moi difícil poder servir vieira fresca tendo que conformarnos coa que ven de fora conxelada e que, aínda con eses condicionamentos, forma parte indispensable do noso abano gustativo.
Hai estes días problema por vieiras propias ou alleas, saneadas ou non, comercializadas ó parecer de xeito impropio. E eso non é bo nin para os degustadores, nin para os restauradores, nin para os mariscadores, nin para Galicia.
Clarificar plenamente o tema, respectar escrupulosamente as disposicións legais, cinguirnos ás posibilidades de cada momento, e -en fin- velar pola saúde de todos son e deben ser máximas preocupacións de todos os implicados nun problema que non é de hoxe senón de sempre.
Respecto absoluto hai que pedir en todos para todo o que teña que ver coa saúde. E se todo debe estar en orde, en orde estea o tema da vieira, porque a saúde é sempre o primeiro.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora