Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O neno valuro

martes, 15 de febrero de 2022
Xesús tiña moitas ganas,
animábao Xosé
tamén a Virxe o arrufaba
co que o Neno ía facer.

Quería ir a Begonte
e aquí un Belén traer,
pois son cincuenta na orde
que acaban de soerguer.

Alí mesmo o Deus Meniño
unha encomenda traía
a de contar desprendido
acerca dun nome que había
na Chaira do seu arrimo
e que poucos coñecían,
por ser nome corrompido
daqueles que o utilizan.

Encamiñouse o Neno
a unha estación que no ceo
se chama estación "Dá Vida"
e que nisto consistía,
en insuflarlle ás figuras
que con el viñan de xira
para o Belén da procura,
insuflarlles alma e vida
e enchelos de frescura
e plenos de louzanía
fixeran boa andadura
e movemento a porfía
neste Belén que xa dura
cincuenta anos de vida.

Xesús tiña moitas ganas,
animábao Xosé
tamén a Virxe o arrufaba
co que o Neno ía facer.

O Neno e figuras todas,
tamén María e Xosé,
seguindo moi ben o dogma
e o recto proceder
desde a estación "Dá Vida",
única que no ceo está,
como se unha andoriña
os trouxese no voar.

Un sopro de amor pillaron
en impulso visceral
e tan axiña chegaron
que non se pode explicar,
por ser cousa doutro mundo
que ninguén pode pensar,
por non ser cousa de bruxos
senón do Deus patriarcal,
chegar nun sopro de amor
é cousa tan natural
como abrirse unha flor
no decembro sideral.

Xesús tiña moitas ganas,
animábao Xosé
tamén a Virxe o arrufaba
co que o Neno ía facer.

Está todo o nacemento
listo para empezar.
Moi grande é o contento
comezando a rodar
as cen figuras de preto
con alma nova a estrear.

Movíanse con esmero,
con gran prestancia e afán.
Algunhas con moito celo
miraban aos seus irmáns
que tiñan cincuenta invernos
e aínda sen ser anciáns
ganaran o "Xubileo"
que os xudeos de Xudá
ano tiñan de recreo
para o descanso e solaz,
tendo xa sobre o cello
as imaxes ao andar
algunha engurra que o tempo
a todos nos traerá.

Xesús tiña moitas ganas,
animábao Xosé
tamén a Virxe o arrufaba
co que o Neno ía facer.

Semellaba unha novela
e as imaxes a actuar.
Begonte era unha ofrenda
que doaba aos irmáns
os oficios desta terra
dun xeito tan peculiar
que ensinaba por entregas
as habelencias da Chá.

Xa de relampos cargados
e tronos manifestar,
saíu Xesús do regazo
como unha luz principal,
os meteoros acalando
e facendo escampar
para que todos no entre tanto
fósemos quen de escoitar,
figuras e convidados
a esta festa do Nadal.

Xesús tiña moitas ganas,
animábao Xosé
tamén a Virxe o arrufaba
co que o Neno ía soster.

Benvidos a este evento!
Begonte da Terra Chá,
quérovos dar acollida
mais podo manifestar
non ser tan Chá como din,
esta terra singular.
Por onde queira que veñas,
montañas has de pasar.
Se de Abadín ou Cospeito,
Castro de Rei e Bazar.
Begonte, A Pastoriza,
Rábade e tamén Xermar
e da mesmiña Vilalba
tedes que considerar
que as subidas e baixadas
sobrepasan a fartar
aquilo que aprendemos
como liña horizontal
e sirva de testemuña
para ser Chaira longal.

Por iso non é acaído
chamarlle a Terra Chá
posto que non representa
a verdade ao nomear
esta comarca que alberga
desniveis ao viaxar.
Aínda un dos Mandamentos
proclama: "Non mentirás".

Como debemos chamarlle
outrosí de Terra Chá?
O seu nome é A VALURA,
que no latín cultural
procede de "Vallaturam",
"valadura", de "valar"
e son as mesmas montañas
as que de valados fan.
Polo oeste, norte e leste
son estas que se dirán:
Loba e Cova da Serpe,
Carbia, Toxiza e Xistral,
Rematando polo leste,
Meira e de Neda o Cordal.

Valura hai que apelidarlle
a todo o que dentro está,
así se lle nomeou sempre
dous séculos atrás
e por iso volo digo
que empecedes a chamar
co seu nome primixenio
e que substitúe á Chá.

Por moito que a vós doa,
os habitantes da Chá
son VALUROS e VALURAS
os que aquí están a morar,
mais non son os esmoleiros
como algún quixo alcumar,
ben vedes nestas figuras
que están a representar
os oficios da VALURA
sen outra leria alcumar.
Todos son traballadores
e da Valura irmáns
como diría Carballo
que polo ceo andará
preguntando a este Deus Neno
co seu bo manifestar
se Eu quixese ser Valuro,
moito lle ía gustar,
por convivir en Begonte
perante todo o Nadal.

Eu díxenlle que VALURO
tíñame que amentar,
por levar cincuenta anos
na VALURA e non na CHÁ.

(Poema de Xosé Otero Canto que lle deparou au autor o Segundo Premio do XLVI Certame nacional de Poesía sobre O Nadal, convocado polo Centro Cultural José Dominguez Guizán, de Begonte).
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES