Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Taranis

lunes, 14 de febrero de 2022
Con nome de deus mítico, apareceron de novo no tempo do outono de 2019 na capital lucenses para evidenciar que os veteranos roqueiros non só non morren senón que Taranisdemostran a súa vitalidade cando convén ás súas traxectorias musicais e á mesma historia lucense.

Taranis, para os máis vellos dos nosos máis vellos devanceiros era un deus que se manifestaba polo trono, a luz e o ceo, marcaba os ritmos do día e da noite, o tempo e o infinito. Que un grupo musical se bautizara así hai case catro décadas era toda unha declaración de principios sobre o papel que a música tivo nos nosos devanceiros e ten agora e sempre para todos os humanos sensibles ao pasado, o presente e o inextricable futuro.

Dos Taranis que a historia musical sitúa cando o século XX comezaba a envellecer, queda como vínculo directo o veterano e incombustible Manuel Pajon que o fixo renacer, reverdecer, comezando a traballar temas inéditos baixo o título conxunto de "Mundo idiota!", que daría nome ao recente disco, tendo como voz solista e saxo alto a Pachi Mouriño, histórico da música lucense, aos que acompañan Eduardo Garcia, Neno Vázquez Tallon, Jorgito Delgado, Diego Fernández Bustillo, José Fontao e Carlos José Veloso (Pichi).

Coa lembranza ao prematuramente desaparecido Pedro Vila, asomaron con forza e sobre todo con ilusión, nunha madureza potente e vibrante, que leva consigo a experiencia de cada un deles de mais de medio século de música, e o desexo de seguir vivos por seguir músicos, ofrecendo aos lucenses unha nova imaxe dun grupo musical que fixo historia, e que a vai seguir facendo porque a historia é unha sucesión de feitos, de fitos, pero sobre todo a plasmación física dunha fe, dunha sede musical, de ánsia de confesar que viviron e, sobre todo, que teñen toda a vida –e toda a música- por diante para disfutar e facernos disfrutar a todos os galegos.

Os seus temas falan da terra, dos ríos, do vento, de cantos e de viaxes, de amor e de Galicia, de forza e de ilusión. Nunha totalidade de sentimentos que rotulan globalmente como "Mundo idiota", quizais porque –como a todos nós- o mundo actual non lles gusta, e saben que os cambios precisos non se van producir nin pola política, nin pola economía, nin pola evolución social… Saben que únicamente a sensibilidade, as artes, a música… poden dulcificar o panorama sombrío que nos teñen construido, pretendendo dar a entender que nós somos os culpables.

Definen a súa actualidade musical como folk-rock-progresivo, e a min paréceme que hai que denominar a súa música como sons de sempre, do país, de xente moza por dentro que por fora peina canas, que nos retrotrae a un tempo de ilusión no que todo era posible, na que os enemigos eran de fóra e de lonxe, nos que a música era un bálsamo para todas as dores e mancaduras; máis aínda: era o pasaporte directo ao futuro.

Eu desexo para os amigos de Taranis o mellor dos éxitos, ou, o que é o mesmo, o recoñecemento dos seus paisanos e amigos, a comprobación da victoria da música e das ilusións sobre o tempo, a incomprensión, a soedade, as correntes e os gustos… e que todos os lucenses/galegos saibamos ver neles uns resistentes victoriosos, disfrutadores das meles da madureza, que en cada nota fan asomar anacos de vida. E que se Taranis era un deus máximo para os máis vellos dos nosos máis vellos devanceiros, protexa a súa traxectoria cara xalundes sendo proa, rella, nun camiño musical, no que sempre nos terán á súa beira e após deles, como apoios morais, e seguidores confesos da súa fe na música e no país.

(Este comentario escribiuse para ser publicado a comezos de 2020. Pero o Covid, como moitas outras cousas, arquivouno ata hoxe. Xa que os tempos parecen abrirse de novo, agardamos para Taranis que, de novo, viva a música!)
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES