Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eran tempos de Nadal; era e foi hai moito tempo!

martes, 15 de febrero de 2022
Eran tempos de Nadal; era e foi hai moito tempo! Na lembranza dos comezos do Belén de Begonte e do Padre Mato, D. Xesús, que levou o "Galicia canta ao Neno" para que espallaron esperanza e sementeiras dese Cántico Novo tan antigo da Boa Nova. Estivemos no Centro Cultural cantando panxoliñas ao Nacemento, buscando unha porta para a esperanza, ...foi hai moito tempo!

Solemne liturxia, a de hoxe para o concerto.
Sucede no Centro Cultural
do Belén Electrónico de Begonte, en pleno funcionamento.
Son os primeiros anos
dun fito histórico que vai dar máis voz, renome e eco
a un acontecer humilde
que cambiou o mundo, dándolle consolo a todo o universo.

Unha recreación de porte chairega
é o marco idóneo.
Con tanta ilusión e un trazo modesto,
conseguen crear,
sumando esforzos e moito o talento,
o ambiente debido,
para a escena central e eficaz daquel Nacemento.

Ríos que levan auga,
pastores que se moven, fogares con lume,
xente que traballa no labor labrego.

De día camiñan cos seus agasallos na busca do Neno
nacido entre pallas;
de noite, as estrelas, aluman no ceo
nunha devoción capaz de mover conciencias,
convocando o culto, namoro e afectos.

Xa hai moita xente, que agarda impaciente
xa non queda sitio, ... vanse dar os premios,
pero entra un coro,
de mozas e mozos quizais canten algo con aire galego.

Chegan as horas de empezar,
pechan as portas de fóra, hai présas para o comezo.
Fala en alto quen presenta,
di o programa de actos, faise silencio ao momento.
Só un contido murmurio, ...nada se oe
no interior naquela sala de prometidos eventos.
E, ao subir as escaleiras
que nos levan ao salón, a aquel estrado cuberto,
o salmo dun cantar novo
resulta ser un milagre, canto novo en cantar vello.

Imos uns atrás dos outros
colocarnos na tarima, en ringleiras para o ascenso.
Séntense os pasos ao ritmo,
somos moitos, imos cantar moi contentos.
Enriba estará xa disposto,
que a xente agarda impaciente,
xente maior, rapazada, parecen estar inquedos.

Entreabrimos a alta porta,
enriba entre tanta xente, entre o bafo dos alentos.
Fronte ao libro de pautadas follas,
no atril, colocámonos á par
coa cantiga, polo seu lugar aberto.
Agardan notas e verbas
e o vello mestre, prepara en rigor e con gran respecto
aquelas tan brancas voces,
mozos e mozas dunha idade
que en tempos de nada agasallan co festexo.

Lixeiras polifonías, mesmo gaitas e pandeiros
zanfonas e pandeiretas,
harmonías conxuntadas, son para cantarlle ao Neno
que abre os ollos e sorrí,
semella estar moi contento.
Visten ambientadas roupas, xa vellas,
como de humildes pastores, mentres cantan panxoliñas,
fan no espazo movementos
voces distintas, melodías, que pousan o seu canto ao vento.

Por detrás de todos eles,
están as voces máis graves, marcan un contrapunto
de profundo sentimento.
Alá, ao lonxe, de costas ao público mira para nós
o mestre, que amosa a súa silueta
chamando en brazos abertos
para non perder o ritmo e que esteamos atentos.

Séntense as notas dos brillantes tubos dun órgano irreal
que indican claramente o ton,
a posta a punto co aire, ritmo e acento.
Diante nacen moi suaves, as voces xuntas crecendo,
cordas das gorxas que vibran
e contentan ao Pequeno.

Xuntan dozura e calor, naquelas tenras melodías
contraltos, baixos e tenores,
fan brasas en lume aceso
dando impulso aos corazóns que levan con ben latexos.

A moza do violín, voa coma un anxo
e míranos, advirte axiña as notas dos intermedios
aperta os pulsos con ansia
e logo preme cos dedos aquel canto de chamada,
para ir xuntos onda ao Neno,
á par do encanto en tenrura que ora dorme no barrelo.

Ao lado, un piano imaxinario arpexa
notas soltas que albiscan atinadas panxoliñas,
cantos que son moi antigos, cantos que eran moi vellos
e gañan actualidade ao bulir os sentimentos.

É na noite de Nadal, abrirá un Sol eterno
que se envolva de habelencias
para sumirnos na paz, na ledicia dos recendos
que a modo de nube amparen
nese enorme agasallo, de ouro, mirra e incenso.

O tempo detense,
distraído nas voces e na música,
polas sentidas ausencias dos perdidos pensamentos.
Voan nostalxias en ecos
dun estremecer que corre polo equilibrio exacto do amor
na lírica das fráxiles cantigas, ...nas memorias dun inverno!

Foi nun tempo de Nadal
na chamada á esperanza, para a paz e a gratitude,
...foi e hai xa moito tempo!

(Este poema de Baldomero Iglesias Dobarrio, lembrando a actuación de Galicia canta ao Neno no Belén de Begonte en decembro de 1977, dirixido por Xesús Mato, acadou o primeiro premio do XLVI Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal, convocado polo Centro Cultural José Domínguez Guizán, impulsor do Belén de Begonte)
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES