Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel María e dona Constanza de Castro

jueves, 10 de febrero de 2022
Veño de presentar na Casa Museo de Manuel María, en Outeiro de Rei, una publicación sobre a toma, resistencia e morte de dona Constanza de Castro e Fernán Ares de Saavedra en Caldaloba. Cando morreu Manuel María, viaxei de Oviedo a Outeiro para asistir ao seu enterro. E dormín en Mondoñedo, na casa onde nacín. Por certo, que foi a casa onde viviu o poeta Leiras Pulpeiro cos pais até que casou. Unha placa de mármore rosado, na fachada, recolle este intre da súa vida que el deixou escrito nun dos Cantares Gallegos: «¡Miña casiña, meu horto, / meu caxigo e meus loureiros, / pártem'a y alma o deixarvos, / pro non teño máis remedio!». Despedíase da casa dos país e do horto, que ten detráis, con loureiros e rosais, «de rosas roxas, ben roxas como as que eu cuido con amor na miña horta», para ir a vivir coa súa muller e dous fillos, que xa tiña, na mesma rúa, onde morrería. Ao día seguinte do enterro, cando me erguín pola mañá, fun abrir a porta da casa e debaixo do chamador, que ten forma de man, había un xornal. Cando subín para a casa e o abrín, vin que era El Correo Gallego. Máis sorpresa aínda, porque na casa nunca estivemos suscritos a este xornal. Lino e moi axiña vin o derradeiro artigo que mandara o gran poeta chairego antes de falecer ao suplemento de O Correo das Culturas, que se titulaba O Mariscal, e que remataba cunhos fermosísimos e atinados versos, cos que eu empezo e pecho esta publicación sobre a filla do Mariscal en Caldaloba: «Hai sombras que sempre nos asombran e alboradas que non volven nunca máis». Manuel María sabía das sombras do Mariscal (cada vez menos) e deuse conta de que a súa loita, «esa alborada», non voltaría máis. A loita en Caldaloba é unha consecuencia do degolamento do Mariscal, aí, coa morte de dona Constanza ficou a alborada. Os últimos pensamentos do poeta foron para o Mariscal. Por iso, lle adiquei este libriño á súa memoria, que por certo, cando o presentei na súa casa, esqueceuseme de comentar isto aos alí presentes. Sirvan estas verbas para que saibades a razón deses versos do poeta chairego, que abren e pechan o libro. E por máis que indaguei en Mondoñedo, nunca souben que mans anónimas me deixaron El Correo Gallego colgado na porta.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES