Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (19)

martes, 08 de febrero de 2022
Crónica dun itinerario e dunha época (19)
Mestres e Mestras, a tutiplén.

Vai a racha de Mestres, pois hoxe, vacacións na Normal, a riada dos estudantes obrigounos a poñer dous coches. Máis ben rapazas. Os estudantes aprenderon a falar en castelán, evidenciando que odian as aldeíñas respectivas, das que naceron e das que comen, pero, ¡maldita sexa!, tan pronto lles abren as portas da Corte volven correndo ao cortello, á corte nutricia, á de seus pais. Aínda non llo comentei á miña, pero estiven matinando se non errarán de carreira, pois, entre os que se van, e logo eses libros do tal Ogino, ¡unha Mestra en cada casa, e cada casa, un fillo! No demográfico non volverá a rir a primavera; niso, non, así que a Valeira, ¡por fin!, chegará a merecer o nome de Baleira..., por despoboamento! En Castroverde tamén baixa o censo, pero aumentan as silvas; despois de todo é unha sorte, co ricas que están as amoras...! En canto á Fonsagrada, comezan a verse turismos coa B de Barcelona...; aquí non pasan do galego ao castelán, senón que o fan directamente ao..., ao catalán!
-.-

Veño observando bastante animación nas festas das parroquias por onde descorre a estrada desta Liña, que incluso as levantan algo máis tarde, entrada a noite. En todo caso, se me fixesen trazar nun papel unha liña ascendente, que arranque do ano en que rematou a nosa guerra, 1939, para sinalar o progreso, tanto do campo como da súa xente, tería que facela, marcala, con tan pouca costa que se podería subir por ela de xeonllos. O que si noto é unha certa desviación do modo de traballar, na que incide a diminución de brazos..., e xa non sexa un cansazo, unha crise, á que se lle pon un espellismo ao fondo, en lontananza, vulgo, emigración!

Vense menos portugueses nas carballeiras, pois agora, que aumentaron os camións, tanto en número como en potencia, sacan a madeira aos cargadeiros, e sérrana nalgún punto de maquinaria pesada, fixa.

Ou se me figura, ou tamén está indo a menos a semente dos cereais, compensada coas terras que se deixan a prado; incluso se decruaron algunhas bouzas, nas que agora se gadaña feo. ¿Que pasa; é que lle deixamos a Castela, agora que empezan a ter maquinaria no lugar das mulas, a exclusiva da función cerealista? As hortas a máis tampouco foron; e o liño desapareceu, descantiá. A este paso, como un día se invente unha desalgadora da auga do mar, será cousa de ver camións no transbordador de Ceuta, traendo para Galicia, desde laranxas a cebolas..., do propio deserto!

Confesei estes temores, que igual non son tales senón que imos mellorando niso que deron en chamar status, con un paisano de Castroverde, e díxome que agora vaise polo bo camiño, libres daquela escravitude dos vellos da aixada, torpes eles, e que deixe de chamarlle labrego..., ¡porque tamén el se pasou a gandeiro! Algo lle tiña que dicir: E logo, ¿resúltache máis cómodo muxir que segar? ¡Pois en ambas tes que agacharte! ¿Ti sabes que o aumento das vacas, que iso me dixeron, leva consigo, nelas, nos seus gases e nos seus excrementos, no seu xurro, unha pila de gases, metano e outros, que te van abourar, máis ou menos coma se volvésemos ás minas de Asturias, nas que seica traballou teu pai, e tornou para a súa casa, para a vosa, cunha silicose do diabro? Iso lle teño oído, que xa sabes que somos vellos amigos..., de cando o traía e levaba para Grandas, que por aló collía os coches de Oviedo... O paisano respondeu ás miñas observacións dicíndome que hai que abrir os ollos, pois agora dáse a comodidade suma, que non teñen que face-lo queixo, nin retirar a nata..., que lles recollen o leite na porta da casa; que os arrieiros actuais, en vez de traer viño recollen o leite para levalo aos camións que pasan pola estrada... A verdade é que nas proximidades de Lugo xa poucas mulleres se ven coa leiteira na cabeza; e para distribuírllelo aos establecementos da hostalería andan uns mozos veloces, coas cántaras nunhas carretas de bicicleta. O que máis me gusta é que deixasen de vender chourizos nas feiras, porque os comen nas casas; iso, os da aldea, pois os de Lugo mércanllos a unha tal Abella, que non sei se é home ou muller. Que os fagan en Lugo non me parece mal, e mellor aínda se teñen un veterinario que llelos revise, pois, para embutidos da morralla, chegou cos daquel Lavandeira de Suegos. En todo caso, para min e para os meus, ¡botelo da Fonsagrada!

Falando de Lugo: Coñezo uns cantos habituais desta Liña que mercaron casiñas, algún deles por pisos soltos, propiedade horizontal, que niso trabállase bastante, e dixéronme que non o fan para alugalos senón para ter aos seus fillos neles, xeralmente cos avós, que deste xeito non lles pagan fonda, e de paso ¿descansan? os vellos. Isto faleino coa muller e riuse da miña inocencia: -Non che é así; os vellos, en xeral, opóñense a que estuden os rapaces porque as casas quedan sen temón, e apágase a potencia das casarías importantes. Logo, ¿que fan? ¡Picardías, que estes pais que foron á guerra saben latín, e iso que moitos non pasaron do silabario! A pretexto de que os mandan á capital para coidar dos nenos, ¡xunto cos seus netiños ben queridos!, a xeración do medio asume o mando, mecanízase, entrámpanse, cambian de sistema produtivo, e coidan irse cos fillos, para o piso da capital, nun adiante máis ou menos próximo, Crónica dun itinerario e dunha época (19)abandonando a labranza. Na Normal faláronos dun dito dos romanos, que é, Do ut des, douche para que me deas. Fan que lles dan esa comodidade e ese agarimo aos vellos, ese luxo de pasalos á capital, co cal os avoíños, máis felices que unhas pascuas, ¡aceptan e costean a compra do piso!

Entendina, pero non estou conforme coas, supostas, vantaxes. Respondinlle: ¿Sabes que che digo, e dio quen vive acotío a cabalo do campo, pero tamén da cidade? ¡Eses vellos van de cu, que agora coidarán dos seus nenos, pero cando se vexan derreados, os nenos serán mozos, e casaranse, colocaranse, ou emigrarán, e os vellos, de abandonados entre catro paredes empapeladas, acabarán índose ao Asilo! Ela, por esta vez, deume a razón, pero teño que ter coidado coas miñas opinións, que non é doado discutirlle a unha Mestra destas, das de título, das Normalizadas.
-.-


Por fin vou cambiar de aires, quero dicir, a medias, que de aquí en diante, -xa estamos a mediados dos Cincuenta-, viviremos en Lugo; ¡todos, os catro, que no noso caso, e pola nosa desgraza, xa non temos avoíños que coiden dos nosos nenos, como parece que se vai poñendo de moda!

Déronse dúas coincidencias: a muller pasou a dezmilista, e déronlle escola na propia capital; en canto á miña Empresa, que agora trabállase pouco o de "Ferias y Mercados", pero está atendendo ás viaxes das excursións, coches aos enterros, ás vodas, e todo iso, así que a flota do patrón xa ten varias unidades, e non é cousa de levalas ao taller doutras empresas. Entre que non tiven accidentes, a Deus grazas, que xa é milagre nestas estradas de Galicia, e logo que veño arranxando, en por min, e con poucos medios, un gran número das avarías destes cacharros, fanme xefe do taller; quere dicirse, eu de Mestre, e dous aprendices, un deles fillo dun que foi Revisor.

Traballarei tantas horas ou máis, pois haberá que saír de reparacións a onde cadre que se produzan as avarías, pero o normal será pasar máis horas cos meus, así que isto de apuntar o que ocorra, comigo ou ao redor de min, non quedará no tinteiro; quero dicir, fóra do papel.

Tanto que suspira a xente por virse para Lugo, pero, desde que estamos aquí, que? Claro que non é o mesmo para min, que ía e volvía acotío, e estaba familiarizado coas rúas e coa xente; non obstante, e repito, que? Non hai peor soidade que estar rodeado dunha multitude, pois, cantos máis teño ao redor meu, a menos coñezo, a menos trato, e menos amigos me quedan..., que están esparexidos! As cidades teñen moito de bo, comodidades, ¿hixiene?, pero máis do malo, do ruín; incluso iso que deron en chamar contaminación, desde que abundan os autos. O mellor das cidades son as casas, e con todo, ¡onde haxa unha carballeira...! As casas facémolas os homes, e por tanto, son obras limitadas; as árbores fainas e sostenas nada menos que Deus. ¡Son divinas!

Poden dicirme que aquí en Lugo hai un parque, o de Rosalía... ¡Ai, xa; de Rosalía era aquel campo da casa de súa nai; aqueles ríos, aquelas fontes, aqueles regatos pequenos...! Isto de aquí quere ser un retrato do seu paraíso, e niso para, niso se queda: ¡un retrato artificioso, amaneirado!

Moita xente se veu para Lugo nestes últimos anos, que moitos coñecidos vexo polas rúas, e non precisamente á hora de chegada das Liñas. ¿Que fan, a que se dedican? Pois hai de todo, desde empregados de Banca a varredores, de gardas a taberneiros, de tendeiros a mozos do cordel; ¡nin que os baleirasen dun saco! Estoume acordando da Efixenia das Cavozas, que a trouxeron ao San Froilán para espelila un pouco, e á volta alguén preguntoulle: ¿Que, Figenia, gustouche a capital? Ela respondeu: ¡Boh; tanto Lugo, tanto Lugo, e non teñen un palleiro que abrigue un can!

Nestas reflexións, pregúntome: Xa que están abandonando as fábricas do caldo, ¿por que alguén non monta industrias que elaboren e perfeccionen, para engadir valor aos nosos produtos, sexan animais, vexetais ou minerais? Daquela que estudei algo por correspondencia, na famosa Academia CCC, lémbrome que había unha lección referida aos sectores produtivos, e maldicía as políticas que promovían, que lanzaban, ao individuo desde o sector primario ao terciario sen pasar polo secundario; poñía como exemplo o insostible que sería pasar da escola primaria á universidade. ¡Perde-lo tempo! Individualmente pode haber casos, e de feito hainos, pero, en xeral, no colectivo, téñense cartos para comprar, para investir, e tamén para divertirse, se previamente houbo un mercado satisfactorio, compensatorio, para a nosa produción, para a nosa exportación. ¿Veñen cartos de América, da emigración? ¡Por suposto, pero iso ocorre porque previamente criamos rapaces, exportamos o único produto que non debera saír do país!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES