Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

1991 noir blanc de Veiras Manteiga (ou Branco e negro, en 1991)

jueves, 10 de febrero de 2022
Obra en papel. Acrílico negro, sobre o branco da folla. Obras que responden a xestos, o xiro da man que obedece ao escuro, o inconsciente, sen interpoñer figuras nin cores, sen buscar nada que non sexa deixar o instrumento que se mova libremente a modo de automatismo surrealista, pero rápido, como se se tratara dun trazo, dun movemento apresurado, dun tic.

Negro sobre branco. Informalismo e abstracción dando os mellores froitos dun século. Acoden as asociacións: a tinta -caligrafía xaponesa- escribindo na neve, poñendo a marca; a sinatura, a pegada da man a modo de marca dactilar. O concepto que existe ou non existe, ou a liberdade de deixarse ir; a "impronta"; os ollos que nos mostran paisaxes descoñecidas que andan polo fondo do espello. Pintar en negro sabendo que se verá o branco, a escuridade tentando o mundo da noite, ese que ten a luz da lúa como estrela. Un río subterráneo que pasa por Miralles, Novoa, Saura e Tapies.
1991 noir blanc de Veiras Manteiga (ou Branco e negro, en 1991)
Aos xaponeses vailles gustar. Eles que adoran o pincel de tinta escribindo co movemento da man. A eles comprácelles a forma pura sen aditamentos; eles, que observan os xiros de cada un dos pelos do pincel. O trazo marcando a fronteira entre o que estaba e o que se está creando, entre o papel e o profundo, esa vertixe do acantilado, esa luz entre as sombras, ese intocable que permanece sendo aire entre as fronteiras da noite.

Porque o mundo se cubre de neve, para facerse alleo e fermoso, pero en arte agarda pola brocha que lle dea vida, esa pincelada de enerxía que o fai renacer, abrirse á existencia. Ir ao interior para rescatar o que permanece, coma un Prometeo que porta o lume.

Aquí está a realidade sen o arroupo, na linguaxe do "ignoto", un idioma secreto só accesible a uns poucos que se deixan levar, ou a todos os que a perciben sen buscar figuracións. Nalgún caso, iso outro é ruído fronte ao silencio.

No mundo da arte buscamos a esencia de cada artista debaixo da súa tenda de obxectos: Úrculo estaba nos planos de detalle, nos sombreiros, Genovés nas paisaxes de pequenos humanos, Ayaso nos seres que cargan o alén ás costas, Xurxo Martiño na mestura dos mundos hiperrealistas (racionais) e informalistas (do submundo), Díaz Pardo neses ollos abraiados (coma os de Picasso) que algo viron nas primeiras idades para quedar así, Yolanda Carvajales nas cordas de rafia que se fan nós para apreixar afectos... Algúns, fagan o que fagan, sempre son recoñecibles porque levan o seu rastro o modo de selo, arrastrando a identidade en cada cadro. Outros, adoptan diferentes estilos ao longo da carreira e conseguen ser grandiosos en todos eles como Picasso, ou correctos en cada un deles. E outros, teñen momentos grandiosos, instantes luminosos nos que o don se mostra e a obra brilla.

Este é quizás o mellor de Veiras, ese tempo antes de abandonar o xogo entre o existente e o non existente, entre o día e a noite, o branco e o negro, os contrarios que se opoñen para ser. A noite pintando o día, o todo a nada, a ausencia a presenza, a morte a vida... porque só a existencia da morte lle dá valor á vida. Sabernos mortais fainos desexar a eternidade do instante. Cando Novoa pinta coas cinzas do seu estudio queimado, chega á apoteose, daquela é Novoa contra todo prognóstico, imos recoñecendo cada pista que achega para non perdernos nese infinito de furado negro.

O esencial é invisible, invisible aos ollos, dixo o Principiño. Por iso, nesta exposición temos esa obra negro branco no que non poderás recoñecer nada. Non lle outorgarás relacións coa realidade pero si con algunha das obras doutros períodos como as paisaxes verticais, quebradas ou algúns menhires... Adivíñanse esas formas que darán lugar a grandes obras, en cores mates, moi escollidos, negros e vermellos que falan do telúrico e a forza que brota da terra.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES