Son culturas e basta
Santalla, Iago - miércoles, 09 de febrero de 2022
Foi Saramago o que dixo que ningunha cultura ten dereito a erguerse sobre outra. Para darlle contundencia a tal afirmación, dixo que "son culturas e basta". Pois ben, sendo Saramago tan querido no noso país, non sei porqué esta afirmación pasa desapercibida en determinados sectores centralistas que sempre xiran de xeonllos ao redor de Madrid.
Saramago, Freire, Morín e tantos outros explicaron ben como a partir dunha esencia plenamente humana, nace o ser creativo e, con el, a diversidade da que hoxe gozamos. Mellor dito, goza quen sabe gozar porque hai quen se deleita tanto no embigo que non é capaz de ver o que hai ao seu redor. Os "embiguistas" non son capaces de recoñecer o ser creativo no outro e, polo tanto, de admirar a súa autenticidade xeradora.
Dende Morín, é doado ver que o mundo é un mosaico onde a diferenza fai plena á humanidade. Dende esta perspectiva, podemos desenvolver dinámicas de diversidade enriquecedora. Só nos resta liberarnos do embiguismo e crer como cría Saramago na igualdade para dicir que non somos nin máis nin menos, basta con ser como somos para ser cultura.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora