Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Noite estrelada no porto vigués de Guixar

martes, 01 de febrero de 2022
Entre os soños e pesadelos da media noite debrúzome en silencio sobre a fiestra dun segundo andar que dá en Teis cara ó porto de Guixar. Nesta mediana escuridade só ousan roldar agora, pola rúa paralela á vía férrea que separa das xigantescas máquinas portuarias as edificacións próximas, algún camión do lixo ou un taxi solitario.

É entón cando tamén algúns dos humanos somos testemuñas da beldade do silencio das curuxas e dalgunha gaivota que está a aprender a voar a media luz dende un tellado próximo ata o plastificado dun hangar do porto. Estou así só cos meus pensamentos, mentres a ría soña os seus propios soños de monstros mergullados nos abismos mariños ou de inmaculadas constelacións celestes que pairan aínda no máis alto dun ceo humilde de estrelas.

Entrementres, na tenue escuridade da ría, deitada ela case ós meus pés, percibo achegarse, moi amodo e silandeiro, en paralelo xa ben próximo ós imprecisos muros do porto, un inmenso crocodilo de ollos de neno que agacha sixilosamente o seu poder e a súa mole de aceiro na escuridade deste preciso intre. Xurdiu seguramente, fillo secreto delas, de entre as descoñecidas raiceiras daquel outro inmenso réptil que dende tempos inmemoriais fica varado, firme e seguro de si mesmo, na boca da ría. Xustamente alí onde a alongada montaña do Morrazo abaixa fronte de min a súa testa pra bicar o océano que dende alí se estende ata o solpor americano. A este manso e ben afincado réptil déronlle os nosos devanceiros un nome afamado e breve pra el doadamente ser así lembrado e loado: Cíes. Un berro aberto quizais de antergas, descoñecidas e podentes aves mariñas.

Transmutado xa o fero crocodilo, coa paulatina retirada das altas estrelas, en esvelto e louzán buque mercante, as soñadas defensas antiaéreas, engalanadas con grilandas de estrelas caídas do ceo na escuridade da noite, converteranse pola súa parte co ascendente amencer en ciclópeos e férreos guindastres portuarios que realizarán así o seu traballo sen grandes suores nin riscos engadidos pra os humanos.

Si. Quero maxinarte sempre así, porto amigo e próximo de Guixar, nos teus soños e nos meus, no teu trasfegar cotián e no vixiante estar sempre aí, no teu cotián estar aberto ó mundo e porén á beira mesma desta olívica cidade nosa, industriosa e viva, contigo desde sempre emparentada e tamén, xa que logo, co mar bravo e co manso estar aí da túa ría e co fermoso viviren e xogaren os golfiños rebuldantes e amorosos nas súas ondas. Pois ben saben así eles proclamar que a vida non é só traballo senón xogo tamén e festa. Aínda que haxa tamén mortes... Mortos que algún día ti, mar sempre vivo e mozo, quizais nos devolverás definitivamente envoltos en soños inmortais.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES