Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un Deus liberador

domingo, 30 de enero de 2022
No evanxeo de hoxe cóntasenos a reacción da xente de Nazaret, a aldea na que se criara Xesús, ó seu programa "liberador", que el acababa de poñer en relación co profeta Isaías. Unhas palabras, as de Xesús, que contiñan un decidido anuncio de Boa Nova para os pobres e de liberación ou liberdade para secuestrados ou asoballados.

Ó final do comentario do anterior domingo viamos xa como os veciños e coñecidos de Xesús non acababan de comprender esa súa mensaxe alegre e "liberadora". As razóns fundamentais eran porque Xesús, por moi diferente que fose dos demais na intensidade da súa fe e no seu compromiso práctico coas necesidades e problemas da xente, non deixaba de ser un máis entre os veciños ou compañeiros.

¿Quen era, pois, el, o fillo dun carpinteiro de aldea, para proclamar cun mínimo de autoridade tales ideas liberadoras? Na cultura, no modo de pensar e de actuar da xente da súa aldea, a autoridade só podía residir en quen fose sacerdote, escriba, ancián ou pai de familia. Mais nada diso era Xesús e, polo tanto, non podía menos de provocar estrañeza e desconfianza un tal anuncio aínda que só fose polo mero feito de vir de quen viña. Respecto da autoridade da que puidera estar revestido, Xesús era xa que logo un ninguén.

Pero hai aínda algo máis. Xesús falaba programaticamente de boas noticias para as persoas, de que deberían vivir libremente, felices e non sometidas a tiranías ou sometementos de ningún tipo. E todo isto era proclamado por el ademais nunha sinagoga. É dicir, precisamente nun lugar onde os seus conveciños ían aprender e se instruír sobre normas, leis e preceptos que había que cumprir para poderen ser considerados xustos e así non estaren expostos á ira e ós castigos de Deus.

En realidade, o que na súa lectura fixo Xesús foi transformar o texto de Isaías para incluír nel a súa propia visión e experiencia de Deus como Pai bondadoso e misericordioso. Por iso omitiría el na súa lectura do texto a frase de Isaías sobre o "día da vinganza" de Deus (Is. 61, 2), para insistir en cambio exclusivamente na "graza" de Deus, non na condena. Será isto precisamente o que provocou a reacción en contra del dos asistentes á sinagoga. Pois dese modo convertíase Xesús en persoa perigosa para os costumes, as crenzas e as ben detalladas leis que rexían a vida familiar, social e política da xente. E do cumprimento das normas legais e relixiosas viña depender a subsistencia mesma do pobo en canto tal.

Ademais, a realización do anuncio de Xesús esixía romper cos límites ou fronteiras da xudaísmo. Pois a mensaxe de liberación ía dirixido a tódolos asoballados, secuestrados ou oprimidos. Polo tanto a salvación de Deus non precisaba pasar antes polos ritos e leis do xudaísmo. Por iso, Xesús, ante a estrañeza e incipiente oposición dos seus oíntes, aludirá precisamente á liberación da fame ou da gafura (da lepra) que os profetas Elías ou Eliseo realizaran con persoas que non pertencían ó pobo xudeu. Pois a viúva de Sarepta era fenicia e Naamán era sirio.

O programa liberador e universal de Xesús era algo que o exclusivismo e elitismo xudeu non podía, xa que logo, aturar. Se comprendemos todo isto, non nos estrañará que a reacción da xente ante o dito por Xesús fose a que foi. A xente entendera moi ben que o proclamado por Xesús trala súa lectura do texto de Isaías acababa coas tradicións e supuña unha verdadeira revolución na concepción relixiosa do xudaísmo e do mesmo Deus. Un Deus que se manifestaba agora en Xesús como Pai de todos, creando irmandade entre todos e unha fonda relación de amor tan concreto coma universal. Por iso Xesús tiña que ser eliminado e, se fose posíbel, alí mesmo. Para eles a relixión da lei e dos minuciosos preceptos estaba claramente por enriba dos que hoxe chamamos "dereitos humanos".

No texto de Lucas dísenos que os que oíron o que dicía Xesús "se puxeron feitos unhas feras" e que intentaron precipitalo desde o alto dun monte. En realidade, este frustrado episodio de Nazaret vén sendo case un prenuncio do que lle ocorrerá a Xesús ó final da súa vida, cando os gardiáns da pureza relixiosa e legal se ergan xa definitivamente contra el, para eliminalo, esta vez si, de verdade.

Neste contexto comprenderemos tamén, e case como contrapunto do ocorrido en Nazaret, que Paulo se sentise impulsado a falar do amor tan belamente como o fixo na súa primeira carta ós Corintios da lectura de hoxe. Porque se hai algo central na mensaxe de Xesús é o amor. Deus Pai é amor e maniféstase en Xesús como Amor mutuo entre el e o Pai e como amor dirixido a tódalas persoas do mundo enteiro, convertidas en irmáns e irmás que se queren, que se aman. Por iso para Paulo, se nos falla o amor, aínda que teñamos sobresaliente ou matrícula de honor noutras materias, suspenderemos sen remedio o curso, o curso da vida. Para Paulo non é abondo con ter notas moi altas no coñecemento de Deus, na elocuencia relixiosa, na paciencia ante as adversidades, ou incluso en virtudes tan importantes, chamadas por iso "teologais", como son a fe ou a esperanza. Porque se nos falla a terceira das tres, o amor, o esforzo por sacar peito nas anteriores materias non acadará en definitiva bo resultado.

Por que o amor é tan importante? Pois porque sabemos ben que onde hai amor, non hai sometementos, non hai asoballamentos, non hai secuestros, non hai escravitude. Paulo mesmo dicía neste seu canto ó amor que o amor "non simpatiza coa inxustiza". Nunha palabra: o amor é importante porque alí onde hai amor, hai liberdade. Esa liberdade ou liberación, que Xesús colocara precisamente como firme alicerce do seu programa de Nazaret e que tanto enfurecera os seus veciños e coñecidos.

O "medo á liberdade”"do que falaba no século pasado o psicólogo e filósofo Erich Fromm existe, como vedes, desde hai moito tempo. E non deixa realmente de sorprender como podemos ser tan teimudos para opoñérmonos a algo que tan unido está á nosa felicidade.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES