O gusto por manter unha cultura (11)
Sampedro, Pilar - jueves, 27 de enero de 2022
A lingua é unha das patrias
A lingua é unha das patrias, a outra pode ser a infancia, ás veces ambas únense nunha mesma, porque foi a lingua que mamamos na infancia, co leite materno e as verbas da tribo arrolándonos.
Novoneyra escribe sobra a patria e as esencias das que se compón:
"Sospeitamos, intuímos, aprendemos que
xente, terra e fala son a patria:
patrimonio común que nós herdamos
e só nos pertence en usufructo
tendo o sagrado deber de transmitilo
ós galegos que veñan para darlles
espíritu de seu e casa propia
na que a nosa nación viva e perviva."
E continúa noutro poema:
"PATRIA GALEGA
É xa hora de que señas toda patria dos teus
dos que gardaron a fala en que máis se dixo adeus
e señas dona de ti e señora de falar
señora de decidir e dona de se negar."
Cando se quere referir aos inimigos, defíneos así nun verso: "Iles son maos sin lingua" porque cando esta falta perden algo que os fai máis humanos, algo moi transcendental.
E, cando escribe a "Elexía a José de Cospeito" remata:
"Tápote coa nosa Língua
para disimular tan pouco vulto.
E nela quedes como quedaremos
como quedaron todos.
José de Cospeito
o teu nome xa está posto a extinguir.
Chamaran-nos Galicia."
Porque a lingua cóbrenos, como un sudario saba do leito eterno, como a terra; envólvenos nese humus nación de mortos no que pasamos a asumir o nome telúrico da patria que soñaron as persoas de ben.
Méndez Ferrín escribe:
"Lingoa que me enche a boca enteiramente
e coma un río interno me asolaga."
Unha palabra, un ton ou un acento pode anegarnos e sentir o corpo enteiro cheo de bágoas, é daquela cando non podes falar (e menos cantar) porque racha a voz e fende a trabe do diafragma.
María Xosé Queizán diríxese á voz
"Lingua amada
meu señorío
único territorio onde pisar.
Fetichista da palabra
gozo contigo
e me abastardo."
Por veces a lingua é idioma pero podería ser órgano. Por veces dicimos lingua e queremos dicir lembranzas. Porque pode que haxa un tempo no que o galego sexa iso, a rememoración dun tempo no que soaba no ar da amañecida, na chuvia que engalana os cristais, no vento que move o cabelo, nas ramas das froiteiras e na herba que medra baixo a túa mirada.

Sampedro, Pilar
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora