Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Consilienciarse

viernes, 28 de enero de 2022
Antes de xustificar o uso deste estraño verbo, permítanme que lles dea conta semántica de RESILIENCIA. Supoño que os filólogos xa traballaron acerca disto; pero a min víñame ben para este artigo que derivara do latín RESILIO = saltar e afastarse (resilire a jugo= afastarse do xugo). E non parece que ande lonxe da etimoloxía que nos da o Del. Polo tanto, de aquí derivase que "resilienciarse" ven a ser adquirir a capacidade para afrontar as adversidades, recuperándose das situacións complicadas para seguir avanzando cara ao futuro. E como isto se pode aplicar tamén a comunidades e ecosistemas, así mesmo parece aceptable que se diga delas que son "resilientes" cando absorben as perturbacións sen alteracións relevantes (Wikipedia).

Esta temporadiña os políticos e os medios manexaron algúns termos pouco usados e non recollidos nas academias; pero hai un utilizado polo Sr. Presidente do Goberno, GRIPALIZAR, que non pasou desapercibido, pois eles aproveitan todo canto consideran apropiado, non só para tirarse pullas, senón, tamén, para sacarlle zume electoral. No meu caso, se os move a crítica por este estraño verbo co que titulo o artigo, sempre me queda a satisfacción de que é por motivos culturais, non electorais.

Está lonxe, sen dúbida, a vontade de D. Pedro Sánchez de querer infectarnos coa gripe, xa que só pretendeu expresar unha opinión -de cuxo acerto, ou disparate, correspóndelles aos sanitarios xulgalo-, que considera aceptable para afrontar a loita contra a pandemia coma se fose unha gripe. Pero parece que neste goberno hai unha señora ministra afeccionada a xogar con algúns termos, e isto puido servir de catalizador de tanta barafunda, aínda que non era necesario aclaralo, porque estou seguro de que todos os cidadáns o entenden así; non obstante, non sobra contrastar tales ridiculeces co que debían explicar ao pobo os seus supremos REPRESENTANTES, NON SUBSTITUTOS, nas funcións correspondentes ao Poder Executivo do país.

Teimosamente, repetín moitas veces nestes artigos que os gobernantes e aspirantes a selo, esquecen, na miña opinión, unha función social de gran relevancia, o seu papel pedagóxico: Os cidadáns en xeral soen estar pendentes dos comportamentos dos representantes e a exemplaridade deles queda gravada con signo positivo ou negativo; pero tamén os obcecados coa defensa destes, por simpatía ideolóxica, ou por outros motivos, cando xustifican procederes verdadeiramente censurables, deixan na apreciación dos interlocutores unha impresión desfavorable, que quebra as correctas relacións cidadáns e fomenta actitudes que feren os sentimentos dos asistentes aos faladoiros, predispoñéndoos a inadecuadas excitacións, incluso con inoportunas emerxencias históricas descontextualizadas, veñan os ventos da esquerda ou da dereita.

Xustamente por isto, sería mester que os integrantes dos distintos gobernos, e principalmente os do Estado, cando se dirixen ao pobo, o informaran das tendencias e problemas que posiblemente haxa que abordar este ano, cales son os seus obxectivos e de que medios consideran que poden dispoñer para dar solución aos que se vaian xerando. Sería algo moito máis pertinente para manter ou mellorar o nivel de apoios populares que as irrisorias promesas que todos os cidadáns coñecen.

Isto é o que interesa á cidadanía, e non o baleiro dunha verborrea insubstancial. Necesita unha transparencia que lle permita "resilienciarse" do xugo dos embustes, para estabilizar as posturas acerca dos problemas que neste ano se lles vaian, previsiblemente, presentando: O pobo precisa sosego, para afrontar as realidades da vida, non inquietudes innecesarias, creadas pola carencia de obxectivos, racional e razoablemente pertinentes, para edificar con firmeza e seriedade no presente os piares dun futuro esperanzador.

Consultei algún traballo de D. Ramón Casilda Béjar (conselleiro económico, profesor e investigador), sobre as tendencias en 2.022, e, entre as moitas referencias que fai (aceleración do cambio climático, transición enerxética, problemas das desigualdades, aceleración tecnolóxica, emerxencia dos novos modelos de globalización, etc.), creo que vale a pena reflexionar acerca do que denomina METAVERSO (outro termo recente), que ven a ser, segundo este profesor, a designación dun universo dixital que funciona como un mundo paralelo a nosa realidade e multiplica as posibilidades de interacción entre os humanos e as máquinas.

Pero a mesma pandemia, con independencia dos novos termos científicos que provocou, impulsa certas actitudes, respecto ás vacinas, que se expresan co termo NEGACIONISMO, do que se fixo eco o Catedrático de Lóxica e Filosofía da Ciencia, na Universidade de Málaga, D. Antonio Diéguez Lucena, sinalando as diferenzas con outros termos tamén moi socorridos, ANTICIENCIA e PSEUDOCIENCIA, tres termos que, en ocasións, solápanse.

A "anticiencia" expresa á impugnación de hipóteses científicas, rexeitando teorías completas, e o Dr. Diéguez ofrécenos dous exemplos: o da terra plana e o repudio da teoría da evolución por parte dos "creacionistas" radicais. Un "negacionista" -di- actúa analogamente cando rexeita as vacinas de ARN porque cree que poden producir cambios no xenoma, e escrebe o seguinte: "Se ha constatado mediante diversos estudios que los negacionismos y las actitudes anticiencia van ligadas por lo habitual a la aceptación de teorías conspirativas y de los llamados "hechos alternativos". Explica o significado de "psuedociencia" como falsidades disfrazadas de ciencia. Así ocorre coas persoas que pensan que as infeccións da covid-19 poden tratarse con remedios homeopáticos.

Considerando todo isto como indicios de que estamos entrando nunha nova época, urxe fomentar unha formación adecuada no mesmo pobo, posto que toda esta terminoloxía e as linguaxes simbólicas correspondentes, coa esixencia de introducir outras categorías, como as "troposóficas", que presaxian unha comprensión complicada do noso entorno, pola emerxencia dese mundo paralelo á realidade que coñecemos, ao que se fixo referencia máis arriba. Pero é que, ademais, abre espazos de reflexión ética, cognitiva, epistemolóxica, etc., que pode levarnos a pensar ata onde Teilhard de Chardin intúe xa algo semellante que trata de recoller no seu concepto de Noosfera e Planetización. E así como a relación ontolóxica do mundo da física clásica co da cuántica non pasa desapercibida, tampouco pasarán neste caso as correspondentes implicacións que trae consigo o do dixital con aqueles.

Por conseguinte, desde esta perspectiva, os problemas que xurdirán neste mesmo ano 2.022, previsiblemente, están esixindo aos gobernos unha dedicación seria e responsable, que cambie as sutilezas habituais por unha auténtica CONSILIENCIA, é dicir, un actuar conxuntamente para resolvelos en vez de enredalos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES