Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

UNHA VEZ MÁIS

viernes, 10 de enero de 2003
A fisionomía dos pobos e cidades empeza a cambiar. Considérase a eliminación de barreiras arquitectónicas como elemento de calidade de vida e de desenrolo dunha cidade. Así o facía constar o señor alcalde na carta que nos remitiu ós veciños dunhas rúas do barrio da Milagrosa con motivo das obras que se están realizando nelas. Ademais, xa estamos no 2003, "Ano europeo das persoas con discapacidade". Poderíase dicir que estamos de parabéns, pero ¡non! Por una lado, porque non comparto a filosofía deses eventos e, por outro, porque hai feitos que nos fan situar en épocas que xa considerabamos superadas. Despois de ler algunhas referencias na prensa, quixen comprobar que pasaba no acceso a un edificio da rúa Rampa Claudio López. ¡Non podía ser! Quedeime sen palabras e pensei que semellante "monumento á accesibilidade" ata podía servir de inauguración oficial do Ano Europeo porque realmente está para a foto. Non ten desperdicio o deseño: pendente, seguridade, varandas, ángulo de xiro, dimensións. ¡Non lle falta detalle!

Está visto que non se pode baixa-la garda e, unha vez máis, xorden as mesmas preguntas: ¿de que serve a Lei Galega de accesibilidade (lei 8/1997) e o Decreto 35/2000 que a desenrola? ¿e a Ordenanza municipal aprobada no concello de Lugo no 1997? Como membro da comisión que a elaborou xa presentía que máis importante que a redacción da ordenanza era a vontade para o seu cumprimento, pero unha vez máis, estamos ante o absurdo de crear leis que logo non se respectan. Unha vez máis, desvanécense esperanzas vendo como se esquecen dereitos que, como veciños e como cidadáns, consideramos mínimos e irrenunciables.

De seguro que anunciarán o Ano a bombo e platillo pero resulta difícil mirar a Europa se na nosa casa quedan no caixón as reformas aprobadas. As reivindicacións seguen sendo as mesmas para algunhas persoas que queren exercer a súa cidadanía en igualdade de condicións. E a sociedade de a pé debe ser consciente da constante loita que as persoas discapacitadas temos que levar, no día a día, para superar as barreiras arquitectónicas.

Señores veciños de Rampa de Claudio López: isto é así, non hai que desesperarse e hai que seguir pelexando. Levo moitos anos nunha loita inacabada por un Lugo sen barreiras. Se eu lles contara... E xa vou rematar facendo referencia ó artigo 72 do Decreto citado anteriormente que contempla a Comisión Técnica de Accesibilidade con función sancionadora. Poden recorrer a ela para face-la correspondente denuncia. Ante a falta de sensibilidade dos nosos gobernantes é a única alternativa que nos queda para que isto non se repita "nunca máis". ¡Anímense!
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES