Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 26 de enero de 2022
Subir e baixar

Baixei as escaleiras porque estaba arriba. Antes tiven que subilas. Eran as escaleiras da biblioteca. Porque de cando en vez, ou moi a miúdo, ou case todos os días vou á biblioteca. Unhas veces para entregar e coller novos libros en préstamo, e case todos os días para ler outra prensa que non adoitan ter os bares ou cafés ou cafetarías. Aínda que só sexa para lerlles as letras gordas, como din algúns.
Pingas de Orballo Non obstante, o asunto deste Pingas vai estar no de subir e baixar. Porque non sempre é fácil subir e baixar. Nin escaleiras, nin costas ou pendentes, nin na vida mesma. Por exemplo, nesas rúas e carreiros e estradas e pistas e camiños moi pero que moi pendentes, hai xente que prefire subilas; como os hai que lles é mellor baixalas. Eu, que queredes que vos diga, case prefiro subilas. Baixar unha costa moi en pendente non é tan fácil. Xa que o corpo, ó querer coller velocidade, obriga ó pé ou á perna a caer, a pisar con tanta forza que case ou sen case se estremece todo o corpo. Mentres que, para arriba, si, notas unha pequena dor nos xeonllos ou un pequeno afogo e pouco máis. Por iso eu sempre digo: a costa... costa. É dicir, que a pendente costa subila.
O que si se pon costa arriba, isto de verdade, é a suba dos prezos. Esta dálle cen mil angustias e penas e pesares á subida máis empinada que poida existir. Aquí o de baixar si que non pinta nada, que non ten nada que facer; porque todo sobe e nada baixa. Así é que, subir e baixar... para dar e tomar.

Todo está na cabeza

Mordo unha uña e quedo coa mirada perdida. É domingo. Son as oito e media da noite. Dunha noite fría, na que xa se nota que está xeando. Levamos uns días que xea como ten que xear. O silencio vese interrompido pola banda sonora que Hans Zimmer compuxo para a película "Fanático". Son incapaz de escribir ou de traballar sen música. Ou de pasear, ou de correr, ou de ir, ou de vir. Xa só me queda escoitar música cando Pingas de Orballoestou lendo. Que tampouco me importaría facelo. Lembro de rapaz, de cando estaba no colexio dos Milagres, que conseguía ler no cuarto que tiñamos para xogos e para ver a televisión. A pesar de todo o barullo. A pesar de todo o que berraban os demais rapaces. A pesar de que falaban na televisión. Concentrábame e lía aqueles marabillosos libros da colección Austral, de Espasa Calpe.
Todo está na cabeza. Se me concentro moito, non hai nada que me distraia. Se me digo que son o heroe das xeadas, será porque son capaz de poñerme en pelota picada toda unha noite e sen sentir a friaxe. Se digo que non teño medo, é porque non teño medo, aínda que caia da ponte das Cepas ó río Arnoia. Todo está na cabeza: un sombreiro á altura do peito, un foguete que non estrala e un soño que nin é soño nin é pesadelo. Un querer e poder sempre. Porque se quero é porque podo, e se podo é porque me obrigo. E cando me obrigo, nada me fai retroceder. Nin esta xeada que está caendo.
Todo está na cabeza: o silencio dunha ducha, o reflexo dun espello, o tempo que non corre nin voa, a luz que non aluma e a escuridade que brilla. Porque cando pecho os ollos é cando mellor vexo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES