Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xornalismo: Facer o mundo menos oscuro

lunes, 24 de enero de 2022
Celebramos hoxe a festa de san Francisco de Sales, patrón dos xornalistas. Este bispo, de finais do século XVI, dedicou moitas horas ao exercicio de publicar escritos que trataba de divulgar amplamente, co obxectivo de formar as conciencias no medio dunha situación complexa como lle tocou vivir. A súa capacidade comunicativa valeulle que fose elixido polos xornalistas como o seu patrón e protector.

Todos percibimos a importancia que tedes os medios de comunicación na nosa sociedade. A información chéganos por moi diferentes canles e dedicamos a "estar informados" moito tempo da nosa xornada. Pero os xornalistas non só nos dades información, senón que tamén nos achegades o mundo e, en certa maneira, a través da vosa mirada, deixámonos penetrar pola luz que entra na xanela que vos permitimos abrir cada día, cando vos escoitamos, lemos...

Moitas veces, sen querelo, ides configurando tamén o mundo ao que debemos enfrontarnos.

Por iso, é tan importante a vosa tarefa e a vosa misión que vén tan condicionada, inevitablemente, polos propios medios e pola situación de precariedade que hoxe se instalou no ámbito laboral. Formar, informar e entreter son aspectos importantes que están no traballo de calquera xornalista.

Ao longo dos poucos meses que levo entre vós, achegueime a todos os medios de comunicación locais. Quixen con iso valorar o voso traballo, coñecer a través de vós as esperanzas e ilusións do noso pobo e lembrar como a nosa Igrexa de Mondoñedo-Ferrol segue sendo hoxe xeradora de boas noticias de esperanza e ilusión. Grazas por telas en conta.

Neste camiño de encontro que iniciamos, quixera compartir convosco un discurso recente do papa Francisco a un grupo de xornalistas. Creo que é bonito lembralo hoxe, para celebrar convosco vosa misión e porque pode axudarvos e ilusionarvos na vosa tarefa. Dicía el que a misión do xornalista é "explicar o mundo, facelo menos escuro, facer que os que viven nel lle teñan menos medo e miren aos demais con maior conciencia, e tamén con máis confianza". Que palabras tan fermosas cheas de sentido e realismo! E, para iso, vos invitaba a practicar no voso traballo tres fermosos verbos: o primeiro, escoitar: escoitar ás persoas, acoller o que viven, abrirnos á procura da verdade que existe no outro; o segundo, profundar: vivimos hoxe con moita rapidez, quizais excesivamente informados, pero necesitamos coñecer as claves que nos axuden a interpretar e coñecer; por último, contar: achegarnos á realidade con sumo respecto para poder comunicar o que nos atopamos, e co ánimo de abrirnos e xerar esperanza.

Convídovos a conxugar estes verbos para servir mellor ao noso pobo e ofrecernos a claridade que tanto necesitamos. Desexo que pasedes un feliz día. Grazas polo voso traballo, a vosa acollida e o voso quefacer, o voso servizo. Grazas por axudarnos a coñecer mellor o noso mundo ao que amamos tanto. Grazas por achegarvos á vida da Igrexa con respecto e atención.

Por último, gustaríame concluír con esta oración do papa Francisco que vos convido a rezar ao comezar cada xornada: "Señor, ensínanos a saír de nós mesmos, e a encamiñarnos cara á busca da verdade. Ensínanos a ir e ver, ensínanos a escoitar, a non cultivar prexuízos, a non sacar conclusións apresuradas. Ensínanos a ir alí onde ninguén quere ir, a tomarnos o tempo para entender, a prestar atención ao esencial, a non deixarnos distraer polo superfluo, a distinguir a aparencia enganosa da verdade. Dános a graza de recoñecer as túas moradas no mundo e a onestidade de contar o que vimos".

(Carta do bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, aos xornalistas co gallo da festa do seu patrono, san Francisco de Sales).
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES