Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (17)

martes, 25 de enero de 2022
¡Deus, como me apetece nestes días darlle o volante ao Revisor, para que leve o coche a Lugo, e o traia de regreso, quedándome nunha desas leiras, axudándolles a segar! Non o faría por caridade, penso que non, senón por egoísmo, polo moito que me apetece cambiar de oficio, apearme, andar, agacharme, darlle ao fouciño, e de paso, conversar con esa xente, que estou farto de levar curas, falanxistas, e caciques, na berlina, ao meu lado, que só falan de grandes temas, pero, do trigo, en absoluto, que xa llelo dan cocido!

Díxonos o Patrón, prometeunos que, cando mellore algo a situación, consiga modernizar os coches e todo iso, que el mesmo está desexando darnos vacacións, que está seguro de que a xente traballa mellor, con máis ánimo, cando goza de descansos, que despexan a mente.

¿Mellorar a situación? Non podo dicilo en público, que me tomarán por rojo, e, daquela, ao cárcere! Entre os que non volveron, unha porque xa hai tantos facendo esa garda sobre dos luceiros, ¡os de aquí, pois aos outros danos por condenados, no inferno!, e outra porque non dan soltado as quintas; iso amén dos presos, exiliados, quintas que van licenciando a contagotas, Castela sen mulas, iso que chaman Regiones Devastadas..., este é o pais dos vellos e das viúvas, unhas de vivos e outras de mortos... Seica está vindo algún diñeiro para os que teñen parentes en América, pero todo é pouco. E logo está ese invento maldito do estraperlo... De fóra non vén nada, ou case nada, que incluso escasea o de aquí, aceite, azucre da remolacha, pois o de cana, ¡quen o viu!, etc., canto máis as cousas importadas, o que antes se chamaba ultramarinos. Aquí en Lugo ben se deita, ¡para os que poden pagarlles!, deses que traen cousas de Portugal, pasando polos montes pois as estradas están tomadas polos Gardas, que para iso seguimos en guerra; guerra económica, lle chamou o outro día o noso Xefe.

Eu mesmo, se non fose porque me botou o lazo esa Mestra…, iríame para América tan pronto conseguise papeis, que parentes por aló teño, e xa hai algún que nin o coñezo nin me coñece, pero conservan e conservo os apelidos…, coma a metade dos galegos!
-.-

Está todo corrido por Lugo que ese tal Hitler, ese amigo de don Hermenegildo, vainos conceder a venia para que lle axudemos a matar comunistas, que seguen vivos os de Rusia, e nós, adestrados que estamos, imos botar en falta ese deporte. ¡O que vale ter amigos...! E logo que os españois, afeitos a darnos de paus, se non temos pistola, ¡algúns teñen de máis!, botamos man dun fungueiro. Coma sempre, cambiei impresións co meu Revisor, que o teño a todas horas preto de min, que nin que fose o meu anxo da garda:

-Polas referencias que teño, Rusia é un país frío; daquela, os mouros, que xa agarraban unhas bronquites do nabo por aí adiante, en Asturias, ¿pensas que van resistir as xeadas de Siberia?

-¿Mouros? Os que quedaron vivos, están derreados ou escarmentados. Ese Francolas vai levar galegos, que se non os ten voluntarios, volverá ás levas, que é moita a súa débeda..., e non hai alemán que non saiba aperta-las roscas!

-Se requisan este auto, igual temos que ir, ti e mais eu!

-¡Xa! E levas á túa cociñeira...; o malo é que está afeita a cociñar con leña, e por aló seica o fan con carbón do Ruhr!

De broma falamos, pero as pernas tremían; unha, por se tal ocorría; e outra, polo frío, con todo xa estar afeitos ao clima da Fonsagrada! É ben certo iso que din de que cando o río soa, auga leva, pois corren os meses e as quintas apenas se licencian porque..., ¡porque o tal Hitler "autorizou" a nosa amigable colaboración, e aos amigos non se lles pode faltar! ¿Que estamos na sega...? ¡Que a fagan os mouros, xa que lle teñen medo ao frío!
-.-

Tanto levo escrito, que teño anoxada esta máquina. E logo que nin sei para que, nin para quen o fago, pois a muller ten abondo cos seus apuntes, e os demais...? Aquí o único afeccionado a ler é o noso Cura, pero ese ten bastante co seu misal, que é moi grande. E menos mal que se lle foi a criada, ¡din que para Venezuela, reclamada por un irmán! Agora ten unha muller á que chama tía, e serao, porque llo di con minúsculas. Coido que faría ese cambio, ese truque, para evitar o que dirán..., agora que a xente vai empezando a saír da súa mudez. Este vicio de opinar, de levantar falso testemuño, preferentemente dos cregos, chega a todas partes, por sacra que sexa a súa fonte!

Estou matinando en deixar pasar unha tempada, ata que se vaia renovando a clientela, pois dos actuais xa sei o que pensan... ¡Minto, pois debo poñer que só sei o que din, que pode ser distinto!
-.-

Crónica dun itinerario e dunha época (17)
En réplica: "U.R.S.S.", ¡Único Responsable Serrano Suñer!

Nestes tres ou catro últimos anos, con isto do neno, durmo pouco, así que estiven chegando a Lugo sen ganas de poñerme á máquina, pero non resisto a tentación de dar por escrito o que me pasou hoxe, diante da nosa Administración, mentres esperabamos que se xuntase a xente para face-lo retorno: ¡Aquel rapaciño da Boucella..., que volveu cunha Cruz de Ferro ao lombo!

-¡Ai, ho, paréceche que tivo pouca cruz túa nai criándote, señorito bastardo da Casa Grande?

-Iso da Casa Grande...; pois, xa que o di, non me veu mal semellante paternidade, que non sei se saberá que meu pai obsequiou á miña nai con un dos seus mellores prados, mesmo na porta da casa! ¡Iso si que foi paternidade responsable!

Por se non me entendera:
-Quixen referirme a esa cruz, a esa condecoración, que Deus, ¿ou sería o demo...?

Non me deixou concluír a broma:
-¡O demo, non; Hitler, que é un home agradecido! Déronma polo que aguantei enfrontándome a dous rusos que estaban violando unha muller, a nosa cantineira, que saíra comprar leite para o café..., aló, en Smolensko!

-Así que a vosa cantineira prefería unha compañía de españois, á de dous rusos?

-A aqueles, como non llelas dean no Ceo...! Despois de matalos, carguei con eles, un debaixo de cada brazo, e leveinos a onde tiñamos a nosa posición. O Capelán, que por certo é de aquí cerca, de Arxemil, felicitoume por defender o honor dunha muller!

-Entón, con iso, o teu Capitán fixo a correspondente proposta...!

-¡Naturalmente! Agora son o orgullo da Baleira; pero vou volver, despois deste permiso, que queda moita Rusia sen tomar... ¡É tan grande, que non a damos esmagado!

Estiven a dicirlle, ¿Por que non tomas Montecubeiro, que é máis pequeno, e tamén segue sen tomar?, pero, ¿quen son eu para amargarlle a vida a un heroe, tan satisfeito de selo?
-.-

Volvín a pasar, ¡anos!, xa non sei cantos, que perdín a conta, sen redactar, "memorias", pero non por iso perdín a miña. Moito deu de si esta tempada, moitas cousas pasaron, algunha difícil de entender, e por tanto, de explicar: ¡Téñoas na cabeza, pero tamén na "ialma", como dicía aquel Sidro, pois houbo de todo, luces e sombras. Neste tempo, no que escribín pouco ou nada, ademais de conducir, ademais Crónica dun itinerario e dunha época (17)de estrear coches, ¡que por fin asignáronme un do trinque!, fixen fillos, -de segundo veu unha nena-, e plantei árbores nunhas finquiñas que merquei, ¡que mercamos!, agora que libro un día á semana. ¿Que máis se me pode pedir?

Para pasa-lo rato, como agora se di, para romper esta monotonía do volante, veño de comprar unha máquina de escribir; case diría que llela pedín aos Reis se non fose porque este Franco opina que, para Rei, el; "por la gracia de Dios", nada menos! (Non ma comprou Franco senón a miña muller, que igual pensa que dándolle á máquina teño menos tempo para fixarme nas mozas, agora que volve a moda dos escotes). De paso direi que lle deron escola en propiedade; ¡prestáronlla! Disto infírese que agora escribirei de noite, cando volva de Lugo, así que os meus relatos serán inversos, quero dicir, con episodios máis ben da viaxe de retorno. Pero non serán cotiáns xa que, co tempo, houbo melloras laborais, e teño días libres, amén dunha quincena de vacacións anuais, que me serven para pasalos noutras estradas, coa miña xente, recorrendo esta península mal chamada Iberia, ¡terra de coellos! Así nos vai, que fuximos coma coellos pois deuse en abrir, algo, a emigración, e os poucos mozos que quedaban no país, desde que os criamos, os educamos, os vestimos, os vacinamos, etcétera, vanse para América; ¡vanlle traballar ao veciño!

Esta máquina, a miña, funciona mellor cá que tiñamos na Administración; o que non sei é se escribe ben, se escribo ben, pois este dactilógrafo, que é como agora nos chaman os pedantes, ten os dedos medio agarrotados de tanto apreixar nos volantes dos coches, ¡e menos mal que o do novo xa non é de madeira de freixo! En todo caso seguirei redactando as miñas observacións, se me permitides chamarlles así. ¡Eu non escoito, simplemente oio; así que ninguén ouse chamarme espía! O único que non cambiou foi o meu Revisor, que segue sendo o mesmo, aínda que máis cascarrabias, e iso que xa non se senta á miña esquerda. O coche novo ten o meu asento adiantado, separado dos outros, así que, de aquí en diante, mal poderei oír, pero si podo falar, de cando en vez, cos pasaxeiros, nas paradas, nas terminais, ou no café. Como son bastante falador, ¡que falangueiro é outra cousa!, algo de zume lles sacarei, por máis que os galegos sexamos coma o retrovisor, que só informa do pasado, gardándose as expectativas de futuro.
-.-

¡Tantas cousas pasaron, e están pasando, que nin sei por onde empezar! Fareino pola paisaxe, que non é do que menos cambiou: Case non quedan carballeiras pois a RENFE, entre que non se repuxeron as travesas, sabotaxes, bombardeos, e todo iso, estaba feita unha braga; por parte, o labreguiño precisaba cartos: dota-las mozas, mercar roupa, que empeza a habela nas tendas, pagarlles a pasaxe aos fillos emigrantes... Por aquí presentouse unha praga de portugueses, coa serra de ídem, que fixo desaparecer a nosa, a monstruosa, aquela de aire, e tiran travesas pola tega vella. Meus pobres, que ata deberon vir de Matamala a Matapeor, pois hai quen di que os viu comer landras e asar lagartos nas carballeiras.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES