Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Nacida

miércoles, 26 de enero de 2022
Din que os faladoiros son como os escaparates ou os expositores onde cadaquén dos participantes expón os seus pensares que simbolizan os produtos nacidos das diverxentes ideas, mais algunha delas é marca de calidade cando se presenta ou vén referendada polo pensamento razoado do que alí se trata, outros son tan etéreos que acaban rozando os pensamentos co mundo da poesía ou da filosofía; pois ben, estando nestas...

E tomando uns cafés cos meus compañeiros de reunión na cafetería do 6º andar do Hotel Méndez Núñez, puxémonos a lembrar como un dos seus conversadores no século pasado fora o eminente sabio Rof Codina. Este veterinario defendía nun artigo da época como a "galiña de Mos" debería chamarse doutra maneira, concretamente "galiña valura", que era o nome que lle gustaba a este ilustre veterinario, porque el comentaba que importantes historiadores estaban de acordo con este novo nome por non ser exclusiva de Mos, senón de toda A Valura ou Terra Chá, e estando nestas, un dos compañeiros (o amigo Xosé Luís Vázquez Somoza) tomou a palabra e dixo que na súa casa oíra comentar que alá pola década dos cincuenta houbera un problema importante co gando vacún dos seus avós: morrían as vacas sen saber a causa, sen que constase ningunha enfermidade, en cuestións de minutos pasaban de estar perfectamente sas a morrer de súpeto; dáballes unha "nacida" e non había nada que facer. E así lles ocorreu a varias reses en poucos meses.

Ante esta situación acódese ao reputado veterinario, Rof Codina e cóntaselle como as vacas se poñen a tremer e axítanse cuns movementos repetitivos para rematar morrendo en moi pouco tempo. O profesional préguntalle á familia se o gando pace nalgunha finca onde haxa animais mortos. Aínda que a resposta en principio é negativa, os propietarios das vacas logo caen na conta de que, efectivamente, van pastar a unha finca que está a carón da igrexa e do cemiterio (A Airexe), á que, por estar do lado de baixo do adro, o enterrador daquela época tiraba en ocasións os ósos e demais restos dos defuntos alí. Con estes datos o prestixioso veterinario diagnósticou esa enfermidade infecciosa producida por bacterias e solucionou o problema. Ao mesmo tempo, a familia prohibiu tirar á Airexe restos de defuntos e así remata nesta casa o problema da NACIDA.

Non sabemos tampouco a razón desta denominación que nos chamou moito a atención polo feito de que nomear como Nacida a unha enfermidade que produce a morte, non semella moi adecuado, mais podemos entender que "nacida" signifique "sobrevida" ou "aparecida" de repente mais tamén pode chamarse así porque os animais póñense a tremer coma cando nacen e saen do útero materno.

Tamén temos unha expresión moi común que fai referencia a esta enfermidade que é cando desexamos mal a unha persoa e usamos a frase feita de: "mala nacida te mate", onde a nacida está referida ao carbúnculo, expresión que parece desexar que esta enfermidade remate subitamente coa vida dunha persoa, aínda que supoñemos que é máis unha expresión cá un desexo.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES