A editorial Small Stations Press, que ten publicadas numerosas obras da literatura galega traducidas ao inglés, presentou hai uns meses en Santiago de Compostela a antoloxía poética Unha Camelia / One Camellia Blossom, de Luz Pozo Garza, trasladada
á lingua inglesa por Adina Ioana Vladu, e editada coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Segundo a introdución debida á tradutora, a presente antoloxía componse dunha serie de poemas conectados por significativos fíos condutores na extensa obra de Luz Pozo Garza. En primeiro lugar, celebran a sororidade característica da autora, por exemplo no diálogo que establece entre a súa voz poética e outras voces alleas, como a da poeta chinesa medieval Li Yian e a das escritoras galegas Rosalía de Castro e Carmen Blanco. Son, ademais, unha exaltación da universalidade do amor, sempre presente na súa obra, encarnada aquí na parella mítica de Dante e Beatrice, pero tamén na contemporánea de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, amigos e reiterados dedicatarios da poeta. E, por último, son así mesmo unha homenaxe á terra e á lingua propias, aínda que transcendida con xenerosa e fraterna abertura a toda terra e a toda lingua, o que precisamente pon de manifesto a necesidade de traducións tan oportunas como esta.
A obra toma o título do primeiro poema antologado, "Unha camelia agora": "Unha camelia agora sobre a liña indecisa / entre a vida e a morte". Seguen "Volver a Lugo cando sosega o tempo", escrito en sintonía coa poesía de Pimentel e a música de Bach, e "En seguimento da sombra", que flúe como o rosaliano e "fermosísimo Sar". No medio, "Carta a Beatrice Via-Láctea" é unha apoteose místico-poética que parte de Dante e chega a Santiago de Compostela para volverse ao edén: "Vólvome ó Paradiso / Vólvome ó Paradiso / Vólvome ó Paradiso".
A Mariña natal desta poeta natural de Ribadeo comparece no poema "Praia das Catedrais" abríndose sensualmente á súa poética erótica: "Detén o ciclo das mareas / detén as ondas que suplican na noite / e fan das puras rochas catedrais delirantes / Naquelas praias voluptuosas de nomes / esquecidos / onde as parellas míticas se aman". E este erotismo amatorio remata en "Astrolabio", un dialóxico "Xardín do Bosco" que convoca e culmina "boca con boca": "sabes que eu son a espléndida galaxia / na orxía primordial das túas ondas".
O libro está enriquecido por un retrato a acuarela da poeta na cuberta e seis gravados no interior, moi fermosamente encaixados nas páxinas, da artista lucense Sara Lamas. Así mesmo, a obra finaliza ofrecendo o Cuestionario Proust que Luz Pozo Garza respondeu para a revista lucense Evohé en 2010, onde fixou as principais características e preferencias da súa personalidade. Tal entrevista foi vertida ao inglés polo experto tradutor británico, de moi longa traxectoria, Jonathan Dunne, quen é ademais o director da editorial Small Stations Press.
Defínese en efecto Luz Pozo Garza desde a primeira pregunta deste cuestionario, sobre a principal característica da súa personalidade ("A fe, no sentido de confiar na divindade e nas persoas que eu amo") ata a última cuestión, sobre a súa divisa, na que por certo non renunciou ao humor ("Podía ser peor"). Dispersas aparecen moitas referencias universais, incluídas as anglófonas, pois afirma rotundamente unha dobre preferencia: "Sempre, Shakespeare, en verso e traducido a prosa". Así que non é de estrañar que mencione tamén entre os seus personaxes favoritos precisamente aos shakespearianos Romeo e Xulieta.
Mais son moitas máis aínda as referencias galegas. Por exemplo, onde máis desexaría vivir resultou ser "Nas Illas Cíes con Eduardo Moreiras", este o home e o poeta que amou. Entre os seus prosistas favoritos aparecen Cunqueiro, Rof Carballo, García-Sabell, Carmen Blanco e Celso Castro. E entre os seus poetas preferidos figuran, aparte do seu amado Moreiras, Rosalía de Castro, Pimentel, Cunqueiro, Valente, Xohana Torres, Olga Novo, Claudio Rodríguez Fer e os incluídos na antoloxía que preparou na revista Nordés de 1991. E aínda na pintura menciona entre os seus favoritos ao tamén galego Urbano Lugrís.
A tradutora dos poemas, a políglota filóloga Adina Ioana Vladu, nada en Romanía, vive desde hai unha década en Galicia dedicada á investigación lingüística e á tradución da literatura a varios idiomas (inglés, castelán, galego, romanés). De feito traduciu ao romanés versos galegos de Rosalía de Castro e de Claudio Rodríguez Fer, así como versos romaneses de Nina Cassian e doutros poetas da súa terra ao galego, por exemplo no seu fascinante e panorámico Calidoscopio romanés:
https://www.unionlibre.org/artigos/artigoscalidoscopio.htm.
É de valorar, pois, triplamente, o esforzo tradutor de Adina Ioana Vladu, do que resultou auténtica poesía en inglés, e non só unha simple translación lingüística, como ten resaltado moi eloxiosamente o experimentado editor de versións e tradutor nativo á lingua inglesa Jonathan Dunne.