Yunque ou a vangarda dos anos 30 en Lugo (I)
Fernández, Ruth - jueves, 04 de septiembre de 2008
A edición facsimilar da revista publicada nesta urbe entre os anos 1931 e 1932 baixo o nome de Yunque e subtitulada Periódico de vanguardia política supón todo un achádego polo feito de reunir por primeira vez o total de seis números con que contou a publicación dirixida polo escritor Ánxel Fole. Estruturalmente divídese en sete apartados, comenzando cunha ficha técnica sobre os seis números de Yunque, un estudo realizado polo investigador Claudio Rodríguez Fer e un percorrido pola prensa galega para situar a Yunque no contexto editorial lugués. Segue cunhas páxinas adicadas ao cambio experimentado no espírito da revista e visible no paso da primeira á segunda etapa da mesma. Polo que se refire ao quinto apartado da edición corresponde a unha sección adicada os colaboradores, para deixar paso aos índices de achegas e colaboradores e xa rematar coa sétima sección da publicación, que constitúe o centro da mesma: a edición facsímil de Yunque, que en 1931 tira tres números entre os meses de maio e xuño e que en 1932 ofrece o seu público lector outros tres, con motivo da Festa do Traballo (maio), o Día de Galicia (xullo) e o último no outono dese ano (según Xesús Alonso Montero a principios de decembro). Son un total de vinte e dous colaboradores con claro predominio dos que usan unicamente o castelán e entre os cales tres escriben baixo pseudónimo.
Concebido como un xornal de vangarda política, subtítulo que desaparece nos números 5 e 6, Yunque comeza a publicarse na cidade de Lugo no 31. Interesa apuntar que a súa edición se obstaculiza no ano 32 por motivos económicos, ao tratarse dunha publicación que se financiaba cos cartos dos seus responsables e do impresor, Antonio Suárez Gómez. Un total de seis números completa a colección de Yunque, presentando os tres primeros un total de oito páxinas, número que o cuarto número reduce a dúas de gran formato; o quinto, coma o último, está sen paxinar e presenta un total de dezasete, mentres que o sexto conta con treinta e dúas.
Os tres primeiros números foron descubertos por Elvira Melián na casa de Francisco Lamas en Madrid, mentres que os tres restantes se encontran na biblioteca Fundación Fermín Penzol. O director da publicación foi Ánxel Fole, anque non figura nas edicións, agás no número 4 da revista, nunha pequena nota que di así: dirigió: a.fole. Por outra parte, entre os colaboradores cabe destacar, ademais do propio Fole, a personalidades da talla de Federico García Lorca, Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Francisco Lamas, etc...

Fernández, Ruth
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora