Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (16)

jueves, 20 de enero de 2022
De casado, e segundo para que cousas, teño tres confesores, tres confidentes: O de ámbito xeral, que é a miña dona; o das exteriorizacións, que é o Revisor; quedándome a espiritualidade, que lla encomendo ao Cura da Fonsagrada, que por algo é o da Fonte Limpa, o da Fonte Sacra! Pero hoxe non me confesei na igrexa, senón no coche:

- Señor Cura, isto de levarme sempre á súa esquerda, igual o fai pensar mal de min, mais, de serlle sincero, coido que estamos ben así: vostede sempre foi das dereitas, e eu estou á súa esquerda, pero á dereita deste Revisor, que mo revisa todo, todo menos os meus pecados, que sempre llos regalo a vostede! ¿Que fai con eles? ¿Almacénaos no confesionario, ou escribe un libro..., como fai algún que me sei?

- Mira, ho, vouche dar un consello, en latín, que é o meu: ¡Cave ne cadas! Pero como ti fas abondo con saber conducir, que non todos os meus fregueses saben levar o auto das súas vidas, ten coidado de non caer na tentación de facerlle caso ao teu compañeiro, ese da estrema esquerda. Teño que preguntar en Lugo se vai á Misa...; desde que chegades co coche, se entende!

Este Revisor, que ten bo oído, aínda que vai na "estrema" algo tamén percibe, pero o Cura seguiu de parola comigo, sabedor de que non lle ía replicar:

- Se che falo pouco, non mo tomes a mal, pois, ademais do Breviario, vou meditando no que teño que facer...

- Algo oín, que seica se dedica a sacar almas do purgatorio, tanto aquí coma en Lugo!

- ¡Non te facía tan pillo! Pois si, algo diso hai, que xa quitei do cárcere uns cantos, pero, cantos máis quito, ou me deixan quitar, máis entran, que os traen doutros lugares.

Quedei calado uns cantos quilómetros, pero acabei dicíndolle, atrevéndome:

- Din as malas linguas que en Lugo vostede utiliza de bula un par de xamóns..., por cada porco que se lle resiste!

Calou, así que insistín:

- Tamén engaden que presume doutros apoios, pero que o grande dos seus é ese Capelán do cárcere, un colega que naceu aí abaixo, doutro municipio, pero preto da Fonsagrada... ¡Claro que non mo vai dicir, pois eu confeso da parte de fóra do seu confesionario!

- ¡Aínda es máis pillo do que eu pensaba! Con tal de que nos lave, ti deixa corre-la auga!

Non me atrevín a seguir, que igual sería rompe-la nosa entente cordiale, que é como lle chama o Revisor á miña amizade co noso crego. No que si estou de acordo co "corvo", que é como lles chamaban os anarquistas, é niso de que hai Deus. De non habelo, que xardineiro se podía ocupar deste verxel que me, que nós, regala os ollos, acotío, desde Asturias a Lugo? ¡Pero mira que o fai ben este Deus, que non só crea, senón que incluso lles bota perfume ás flores!
-.-

Veño observando que esa paisaxe cambia tódolos días, e cando se cansa de ir a mellor, cambia para peor, aínda que o inverno tamén é gracioso. A miña muller di que cando neva na Fonsagrada estamos máis cerca do Ceo, que todo se volve limpo e branco.

Outra cousa: Tiven ofertas para cambiar de empresa, que din que aínda non tiven ningún accidente; e de multas, tampouco, salvo as que nos poñen á entrada de Lugo, de cando en vez, por levar exceso de carga. A eses contratempos, propios destes tempos, nin caso lles fago: unha, porque paga a Empresa, que sempre é menos do que gana por exceso; e outra, porque, se non queren aglomeracións, que deixen importar coches, que agora, licenciados uns cantos choferes dos que conducían aqueles camións da tropa, fosen musulmáns ou cristiáns, teríamos especialistas dabondo para duplicar as liñas; todas, e non só a nosa!

Cando lle comentei isto das multas, díxome o Revisor:

- Non esperes coche novo nunha temporada, que seica temos grandes débedas, tanto con Alemaña como con Italia, que incluso se di que se van enfrontar con Abisinia e con Inglaterra...; que nos cobrarán os xuros da nosa, que lles teremos que axudar, devolver os favores con volframio, e con carne de vaca..., e xa non sexa con carne de canón! ¡Se volve a haber recrutamento, desta iremos os que sobramos da outra, tortos, fillos de viúva, etcétera!

- Mira, ho, non me poñas nervioso, que estas fochas da estrada a menos non foron; e agora que vou ser páter familias...

- ¿Non cho dixo o noso, tan amigos que sodes, ou vos facedes? Isto das fochas vai ter arranxo, que preparan un bando, ¡os tres alcaldes, de consuno!, polo que establecen unha cousa que se vai chamar "Prestación persoal", e consiste en que, todo aquel que use a estrada, sexa a pé, dacabalo ou en coche, terá que acudir, segundo os vaian chamando os pedáneos do recorrido, co pico e coa pala traídos da súa casa, para botarlles terra ás fochas, e limpa-las beiravías. ¿Sabíalo?

- ¿Terra, ás fochas...? Iso non vale, pois cando chova será contraproducente. ¡O que cómpre é escachar pedra!

- Tamén o farán, tamén; pero nós, ti e mais eu, imos ter sorte, que non se pode estar na Misa e repica-las campás; se nos apean, quen fará andar este mal chamado vehículo? ¿O Alcalde de Lugo? ¡Ese só sabe dicir, cando remata as súas arengas: "¡He dicho!".
-.-

Estoutro episodio dun Cura, outro, con outro Cura, ou por mellor dicir, ao lado dun, que ata non sei de que parroquia é pois sempre nos espera na estrada, para acó da Fonsagrada, terei que escribilo con letras minúsculas, que non estou seguro de ter oído ben o que viñeron dicindo, de tan insólito que me pareceu este caso, e segue parecéndomo, aínda que xa pasaron unhas horas. A que ía ao meu lado era a súa criada, que ma puxo no medio; diso é do único que estou seguro.

- Ben sabe que me levo do mellor con súa irmá, e logo que está tan rica... -Dixo ela.

- A que está riquísima es ti, ¡sabereino eu! ¡Auténtico bombón! -Contestoulle o crego.

Ela seguiu coa confidencia:

-Estáballe dicindo que, como está tan rica, menos cá vostede non me vai pagar... O peor vai ser cando veña o neno, se vén, pois, daquela, ¿a quen lle boto as culpas...? ¡Que diga eu que pequei con seu cuñado non lles vai gustar!

- Cala, muller, ou fala baixiño... ¡Foi unha desgraza que acabásemos con esas gomas que trouxen da guerra, daquela que fun Capelán...!

- Xa me dixo que as ía recollendo do macuto dos mortos, que llelas deran por se tiñan que verse coas mulleres dos roxos, podres dos seus vicios!

¡Mira quen vai falar!, díxenlle á miña camisa, que máis aló non podía, nin debía, pero aos poucos din en meditar: Iso de que os Cardeais sexan vellos é un atraso da Igrexa Católica, pois, mentres non os renoven, os Papas, elixidos deles, entre eles, non van deixar casa-los curas...! San Pedro, e mais foi o primeiro dos Papas, tivo sogra, ¿non si? ¡Pobriños eles, e pobriños nós, pois mentres sigan así, mal poden entender o problema dos casados!
...

Segundo estou dándolle á máquina, vexo que se achegan á ventá do despacho o Crego e maila súa moza, digo, a súa criada, e quitan billete de regreso, para os dous! Iso significa, penso que significa, xa que non a deixa en Lugo con súa irmá, ¡grazas a Deus!, que a rapaza está menopáusica, que todo foi un susto, un mal entendido, e que o médico lle adiviñou a doenza, ¡para tranquilidade deses pecadores! Volvo a repetir o que xa puxen, e se estou equivocado, que Deus me perdoe; a min tamén! ¡Se non queren curas alzados, que os capen no Seminario! ¿Ou é que non son de carne, fillos da carne, irmáns de seus irmáns?

Isto de hoxe non podo dicirllo a ninguén, e menos á miña dona, que vén desa Normal de Lugo onde só a beatería é normal. Como segue preparando as oposicións, e non lle queda tempo para aburrirse neste aburrimento da Fonsagrada, deixou de ler estes folios; do contrario, o presente tería que rompelo, ou escondelo aquí en Lugo.
-.-

Crónica dun itinerario e dunha época (16)
De velos a diario, nin me decatei de que xa maduraron os trigos. Pasa coa natureza coma cos nenos, pois, véndoos acotío, un non se decata de que medran, e chegan a ter uso de razón, que é igual que dicir, propensión ao pecado. Falando do pecado: estes días tratei de evita-lo noso Crego, por se me nota algunha picardía, co psicólogos que son! O meu problema, agora, é que terei que confesar en Lugo para que o meu non saiba que sei o que non debera saber dun colega seu, rexente no seu propio arciprestado, tanto na viaxe de ida como na de volta. Tan insólito me parece aquel episodio que por veces penso se non o soñaría, pois é imposible que pasase algo entre aqueles dous da miña dereita..., xa que os dous teñen, e levaban, saia!

Nas agras do traxecto todo é mulleres; mulleres, vellos e nenos; está visto que aínda volveron poucos mozos dos das quintas, e algún debe estar, seguro que está, ¡moitos!, sobre dos luceiros, facendo a garda. ¡Seguro que si, que xa o di ese himno! Ben me gustaría para-lo coche, meterlle o freo de man, e axudarlles a botar un rego, pero..., ¿quen leva o volante, pois o Revisor, por máis que llo digo, non se atreve máis que a darlle ao veo cando non acende? Sempre alega que el, ás vellas, non lles quere meter man; referíndose á maquinaria vella, á dos coches, por suposto, que non hai que ser mal pensados!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES