Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Consumo, recursos, servizo

viernes, 21 de enero de 2022
Estamos afeitos a mirar as cousas dun determinado xeito, e moitas veces é difícil sacarnos de aí para ter outra visión máis ampla, para poder ampliar a nosa base de pensamento. Como cando dicimos 'macrogranxa' e non imaxinamos que, poñamos, 7000 cochos xuntos podan producir tanta merda ou mexos como toda a vila de Ribadeo, ou de Vilalba. Iso, sen aprezar tampouco a diferenza que supón que a extensión das vilas sexa moitas veces superior á extensión das granxas, cos cochos semiinmobilizados e xuntiños de xeito que iso da 'separación social' que empregamos contras os contaxios na sociedade humana é un imposible que leva á xeralización da medicación dos cochos que nos van servir de alimento. Ou que o sistema de saneamento dunha granxa teña pouco que ver co sistema de saneamento dunha vila comparable en volume tratado. Ou o de limpeza nas habitacións e aseo persoal co de limpeza nas xaulas (si, xaulas) e aseo dos porcos. Pero, como iso das macrogranxas entrou en campaña electoral, podemos mirar artefactos máis próximos a nós. Poñamos, un coche.

A ver se me explico. Collo un coche que coñezo, o meu actual. Vai vello, aínda que ten resultado moi bo e de baixo consumo. Leva case 400 000 km ás costas ó noso servizo, e se fose persoa, xa tería sido chamado a votar algunha vez. Para chegar a ser, foron necesarios uns 1400 kg de diversas substancias, a meirande parte, ferro. Unha masa case vinte veces a miña e un ferro que, por certo, tivo que viaxar, que ser transportado, milleiros de km antes de chegar a ser coche, pasando polas fundicións, claro. Curioso que, mercado novo ó peso, custara uns 10 €/kg. Abondo máis caro que calquera alimento 'normal' daquela.

En todas as viaxes que fixo foi abondo frugal: calculo que 'só' consumiu uns 20 000 L de gasóleo, 17 000 kg. Para facernos idea, un camión cisterna. Un peso de combustible máis de 200 veces o meu. Unha cantidade equivalente a pouco menos da metade da cantidade de auga que bebe unha persoa na súa vida duns 80 anos, catro veces máis lonxeva que o coche. Combustible que tivo que manufacturarse (co conseguinte consumo enerxético) e traerse tamén de varios milleiros de km de distancia. Por certo, só a cantidade de dióxido de carbono que lanzou a atmosfera en todo ese tempo sobrepasa as 54 toneladas, ou, en volume no aire, os 27 millóns de litros, 27 000 m3 (unha 'piscina' de 100 m x 100 m cunha profundidade uniforme de 2,7 m). As outras cousas que emitiu non sabería calculas todas.

Claro que, 400 000 km de servizo supoñen, de haber estrada, 10 voltas á Terra polo ecuador ou polos polos. Ou a distancia á Lúa e algo máis. Ou, camiñando a unha velocidade nin rápida nin lenta, 100 000 horas: a oito horas diarias, uns 33 anos. Dito doutro xeito, para emular o recorrido, tería que ter camiñado unha xornada laboral un día de cada dous dende que nacín. E teño claro que moitas veces non podería levar a carga correspondente comigo...

Ou sexa, un grande servizo dunha marabilla tecnolóxica, por moito que haxa outras máis marabillosas e actuais. A costa dun consumo de recursos para un cuarto dunha vida humana que podemos dicir que marabilla tanto como que espanta.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES