Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A intelixencia rumiante das vacas

martes, 02 de septiembre de 2008
Xamais puido ler un só verso de W. Wordswoth, pero os ollos xigantes reflicten o esplendor da herba e a gloria das flores.

A vaca. A teta nutricia de Galicia. O animal totémico que inspirou a Castelao as palabras máis fermosas e agradecidas.

A vaca garda nos faiados da memoria o paso implacable dos días, pero o seu tempo é longo e tranquilo. E mentres rumia a herba, tan escasa neste outono, anda a remoer tamén, unha a unha ideas que xermolan aquí e acolá.

Porque ó outro lado do valado, o tempo despénase atolado. Pasan os coches fumegando présas polo tubo de escape. Xente. Rapaces moi novos semellan fuxir. Onde van con tanta présa?

Escoita desde o centro do prado os tambores de guerra que petan desde o aparello de música. Daquela, a esta tropa non lle gusta o silencio? O tempo das vacas, pensa, está alfombrado de vento nas pólas dos pradairos, dos fíos de seda do zunido das abellas, das pingas de auga que estoupan esvarando pola súa pel. E de silencio, esa bendita música gratuíta.

Veciña da xente, a vaca escoita os berros, soporta as súas présas. Mira agora con ollos grandes e húmidos as caras anoxadas, os ollos cheos de irritación, os duros fociños do enfado, as bocas mastigando cabreo. Daquela, que lle está a pasar a esta xentiña? Por que vive tan estresada mentres a vida se lles escorre entre os dedos? Por que están tan fartos da vida cando a vida é un agasallo tan efémero?

Soa. Sen ninguén a carón dela pode seguir preguntando sen atopar, sen esperar respostas. Por qué están tan crispados, por que berran tanto, eles, xustamente eles que teñen a ferramenta da palabra?

A vaca non fala pero pensa que a palabra, ó tempo que constrúe o cerebro, tende pontes entre as persoas. Daquela, por que están tan divididos, tan infinitamente tensos, enfadados contra todo e contra todos?

Paso a paso vai escollendo as pegadas máis seguras camiño da quentura da corte. Para a beber paseniñamente na pía da fonte. A auga reflicte o seu rostro nobre e sabio. A vida, pensa, é o camiño, a compaña das compañeiras. A vida é o leite que regala, o traballo, os fillos que tan pouco estiveron a carón dela. Tanto por tan pouco.

Pero esta xente, que só ten dúas patas, ultimamente vai a mil por hora. Van e veñen.

Falan seguido pero non escoitan. Parecen, meus pobres, a piques de estoupar.
Daquela, cando rumian a comida, cando remoen os pensamentos, cando dixiren os recordos?

A vértixe, a velocidade e o ruído envelenan a vida. Rouban o aire que tan ben ole. Borran as cores da herba e das nubes, dos rostros veciños, das árbores, das casas. Arrincan o tempo, a compaña dos outros, a palabra.

Antes de entrar na corte volve os ollos grandes cara á estrada. Uns rapaces vestidos cun coche pasan coma un lóstrego cara a ningures. Sente un berro e un pau pousado no lombo. Vólvese xusto a tempo cos ollos tinguidos aínda do esplendor do sol na herba.

Ten a noite enteira para rumiar os versos de William Wordswoth. E as palabras tan fermosas de Castelao.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES