Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

100 anos de Luís Ferreiro Peinó

martes, 18 de enero de 2022
Son os 100 anos de Luis Ferreiro Peinó. Eu que o coñecín, eu moi novo, el non tanto, teño que destacar del aparte do seu carácter de magnífico artista, a súa timidez, a súa inocencia social, por dicilo dalgunha maneira, e a súa tendencia a pasar desapercibido.





Eu non sei se el era consciente de que era un grande artista, pero se tiña consciencia de ser un grande artista, nunca deixou entrever que o tema puidera con el. En fin, tiña unha modestia magnífica e felicitalo nestes primeiros 100 anos creo que é obrigado, non só porque cumpre cen anos e porque nos lembramos del, senón porque ten unha familia que, afortunadamente, sabe cales son os vínculos que teñen que rexer nunha unidade familiar e que unha persoa vive mentres os seus máis cercanos garden memoria do que significou para eles. Por tanto Luis Ferreiro Peinó, cen anos, está vivo, está vivo porque a súa familia o lembra e porque aquí estamos amigos del que tamén queremos facer constar a nosa lembranza.

Unha cuestión puramente física. Eu a idea que gardaba de Xoán Ferreiro, que facía bastantes anos que non nos víamos, a imaxe que gardaba del era a dun rapaz delgado, alto, cunha melena alborotada que non se parecía daquela ao seu pai, pero a estas alturas da vida xa si se parece ao seu pai. O seu fillo, Brais, que está alí cunha cámara gravando este acto, resulta que vino o outro día e, sen sabelo, dixen: ese ten que ser o teu fillo e era o seu fillo porque era exactamente igual do que era o seu pai hai trinta ou trinta e cinco anos aproximadamente. Tamén está ben ese parecido porque conservar a memoria física tamén é importante para saber que a vida sigue e os xenes están aí.

Varios amigos vamos a intervir nunha amistosa e garimosa lembranza de Luis Ferreiro Peinó, aquel bo e xeneroso, humilde e modesto artista do Campo Castelo que nos deixou tantas obras ben feitas que o acreditan como un home do seu tempo, do seu país e que sabía plasmar a vida dese país nos seus traballos.

En primeiro lugar vai intervir Xoán Ferreiro, o fillo de Luis Ferreiro Peinó.

(Intervención de Xoán)

Vai intervir agora Xulio López Valcárcel, esencialmente poeta ou ao menos esa é a memoria que temos gardada os lucenses que temos a perspectiva de telo coñecido, de máis novos todos, de saber a súa traxectoria. Mencionouno Xoán Ferreiro como visitante do grupo de poetas que visitaban a Luis Ferreiro Peinó.

E non sei se polo que dicía Elba que era humilde, silencioso, modesto, se iso tiña unha especie de atractivo para a xente da cultura, pero eu creo que era un pouco así. Cando alguén da cultura é modesto por riba das súas posibilidades, porque podía permitirse non digo o luxo pero podía permitirse ter a consciencia e que se notara cara ao exterior que era consciente do seu valor. Era modesto ata o extremo.

Xulio Valcárcel vén da Coruña, é lucense loxicamente e exerce de lucense na Coruña. El é avogado e procurador dos tribunais pero iso eu creo que é unha cousa complementaria porque o seu é a escrita, en poesía ou en narrativa, mesmo a crítica literaria. En fin, un conxunto de actividades arredor da palabra que loxicamente se teñen que evidenciar. Por iso está aquí e pola súa amizade con Luis Ferreiro Peinó,

(Intervención de Xulio López Valcárcel)

Falábase da pervivencia de Luis Ferreiro Peinó e a min estábaseme ocorrendo que se di agora ultimamente que o que non está en internet non existe para uns determinados ámbitos ou para unha determinada xente. Este centenario non só é para lembrar o propio cumprimento de cen anos, dunha etapa vital, senón que é unha especie de suma e segue porque abrir unha páxina de internet luisferreiropeino.gal e que estea viva e que se poida completar con toda a información que se vaia obtendo, da unha perspectiva completa e permanente. Porque falando con Xoán, o fillo de Luis, facilitoume algunha cousa que eu non sabía como o título dunha obra que prestei para a exposición e que eu non sabía que tiña ese título, da mesma maneira que el algunhas obras das que estaban por fora tampouco tiña coñecemento delas.

Isto beneficia á perspectiva xeral de que poidamos conservar memoria axeitada, a páxina web é ese suma e segue, ademais vexo que nalgún lugar dise que se alguén ten obras, que seguro que hai espalladas por aí adiante ou información de todo tipo, é interesantísimo poder seguir aumentando a cantidade de información.

Quen vai falar a continuación é Carmen Blanco. Mencionou Xulio Valcárcel e tamén Xoán, aos rapaces novos que visitaban, os artistas, poetas e escritores que visitaban no seu taller a Luis Ferreiro Peinó e mencionou a Claudio pero estou seguro que tamén estaba Carmen, porque eu coñecín a Claudio e Carmen e viceversa cando eran moi noviños nos tempos en que empezaba Radio Popular e falo dos anos 1970, 1972 ao mellor. Eran inseparables xa daquela e debe ser como dicía Xulio, á antiga, un amor permanente que leva medio século e o que queda. En fin, Carmen Blanco, que é muller e exerce como tal en sentido pleno e que escribe sobre literatura feminina, defende o feminismo e o traballo das mulleres para visibilizalas neste mundo que agora nos toca vivir. En fin, que Carmen Blanco con todo o dereito fala a continuación sobre Luis Ferreiro Peinó.

(Intervención de Carmen Blanco)

Vai intervir a continuación o xornalista Antón Grande. Hai unhas semanas Antón Grande publicou un artigo na Voz de Galicia lembrando a Luis Ferreiro Peinó con motivo da inauguración da exposición e mencionaba un aspecto interesantísimo, de contacto popular, de visita ao seu taller, de ir a tomar uns viños polo Campo Castelo, en fin, unha dimensión humana, xa non só artística senón humana é é que Antón é un home de andar pola ruá e de coñecer Lugo a pé, de estar cercano a este Lugo que se nos vai, que cambia, que non nos damos conta ata que pasan moitos anos e vemos que cambiamos de cidade sen pensar que os que cambiamos fomos nós. Pois Antón Grande tiña que estar hoxe aquí para falar da dimensión especial que el coñece de Luis Ferreiro Peinó.

(Intervención de Antón Grande)

Quero recordar unha exposición de Luis Ferreiro Peinó no belén de Begonte. Neste momento cúmprense 50 edicións do belén e o próximo sábado inaugúrase tentando que sexa presencial e non como o ano pasado que tivo que ser virtual. Pois aí está o catálogo que figura na furna que forma parte da exposición. Debeu ser por 1980 ou 81 aproximadamene que empezamos a levar ao belén de Begonte exposicións doutros artistas para completar a oferta cultural, social e relixiosa que alí se facía. Propúxenllo a Luis, pareceulle moi ben e entón fixemos unha expedición.

Eu metín o coche, daquela podía facerse polo Campo Castelo, ao lado do seu taller, cargamos o coche con todo o que puidemos levar e fomos a Begonte a facer unha exposición con motivo do belén electrónico. Hoxe é puro recordo pero buscando material para a exposición itinerante que estamos tendo neste momento apareceunos o catálogo de Luis Ferreiro Peinó e pareceunos xeitoso incluílo alí.

Pois coincide co centenario afortunadamente, é unha coincidencia fermosa para lembrar que tamén está unido ao historial do belén electrónico de Begonte e que estivo alí a exposición, xa digo, nos anos 80, como aportación cultural e escultórica ao que alí se facía.

E rematan as intervencións previstas con Claudio Rodríguez Fer. Antes mencionouse como asiduo visitante do taller de Luis Ferreiro Peinó. Eu coñecino moi noviño e a Carmen Blanco cando baixaban a Radio Popular de Lugo a facer unhas crónicas que soaban novidosas. Deberon ser das primeiras críticas de cine que se fixeron, comentaristas de cine, e estrañaba que un rapaz que tería 16 ou 17 anos viña facer á radio, a aquela radio que empezaba, comentarios sobre películas sobre as que ninguén nos dixera nunca nada. Claudio foi un precursor.

Logo volcouse na súa carreira, na poesía, especialmente na poesía, pero con libros diferentes. Precisamente en Fonmiña publicamos Cinepoemas de novo, unha reedición dun libro onde conxugaba películas de todos os tempos coa poesía nova súa de maneira que ofrecía un produto multimedia, non sei se xa se pode dicir iso, que nos pareceu xeitoso volver a publicalo para que as novas xeracións que van asomándose tamén poidan entrar nas cousas xa clásicas pero que nunca perden actualidade

(Intervención de Claudio Rodríguez Fer)

Esta cuestións teñen que animar á familia para seguir pescudando e traballando na vida e na obra deste home. A min pásame que vou colleitando material de todo tipo e na casa teño toneladas de papeis e nalgún momento teñen que aparecer cousas. Prometo aportar todo o que teña relacionado con Peinó, pero ten que haber moita xente que teña cousas de Peinó e que ao mellor con motivo disto pode animarse a aportalas e vós a recollelas e seguir facendo que a páxina este viva e medrando.

Poñemos punto final a esta xeitosa posta en valor da memoria de Luis Ferreiro Peinó, e isto ten que seguir, ten que continuar na medida en que poidamos seguir aportando cousas, a que siga viva a súa memoria, grazas á familia que a mantén viva e grazas á páxina web que difunde a súa imaxe urbi et orbe.

Grazas a todos por vir e grazas a vós polo voso traballo.

(Transcrición da intervención de Xulio Xiz - coordinación - no acto en lembranza de Peinó celebrado no Vello Cárcere o día 1 de decembro de 2021)

(As intervencións mencionadas figuran, asinadas polos seus autores, neste portal de OPINIÓN de Galicia Digital).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES