Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranza dun centenario: As Muliñas (2)

viernes, 14 de enero de 2022
Dos centenarios sempre saen os recordos dos devanceiros fosilizados na súas verbas, que son coma o lume das fogueiras celtas ardendo na alma do que as conta, xa sexan nos contos da lareira ou nas sabedorías transmitidas de xeración en xeración e sempre a través do son, que lles dá forma e, como serpes, enrodélanse no miolo dos nosos avós e avoas e saen da cova do seu pensamento, que era a única biblioteca celta que os galegos tivemos ao longo da historia por prohibición que en férrea colonización practicaban os nosos conquistadores, sempre a través doutro idioma e así chegamos tamén ao que hoxe escribimos sobre as mulas.

Para saber se a besta da casa tiña mula ou cabalo no seu ventre non había máis que ollar para ela e botarlle a man para sentila bulir nas súas adentras, isto xustificaba que o novo ser tiña vida, mais agora tocaba distinguir o preñazo porque se era fillo/a dun cabalo o ventre da besta era máis redondeado, mentres que se o seu pai era o burro a súa barriga era máis avultada e alargada.

En caso de que á besta lle morrese a muliña ao nacer, "perdía do sange"; así se lle chamaba a este feito, e era sinal de que non se podía volver con ela ao burro, cabendo a posibilidade de levala outra vez ao cabalo. Se isto lle pasaba á egua o seu prezo diminuía moito a efecto da súa venda na feira ou no mercado.

Había a condición de que se a besta estaba preñada do burro tiña un prezo distinto a se estaba preñada de cabalo. As eguas preñadas de burro acadaban un prezo moi superior, chegando, ás veces, a dobrar ou incluso triplicar o prezo ao de quedar preñada do cabalo. Outro condicionante que podía facer aumentar os prezos era a forma da cabeza que debía ser curvada para que aumentase o valor en detrimento da cabeza chata. Os casteláns que viñan mercalas, o primeiro para o que lle miraban era para as orellas, a grandura destas determinaba en boa maneira o prezo final.

Na nosa Galiza non había burros nas paradas e había que traelos de Castela se quixésemos fecundar eguas. As mulas eran moi apreciadas porque comían menos cós cabalos, eran máis duras e traballaban máis.

A mula tan só tiña un defecto que era que non valía para andar por fóra pola súa falsidade recoñecida na súa teima de dar patadas ou irse da boca, é dicir, mordían se pasabas cerca dela, tamén cando ías por detrás ou por diante e estaba comendo algo que lle gustase daban patadas ou incluso podían coller á persoa coa boca, de aí o dito "é máis falso ca unha mula".

Antonio Muinelo e Xosé Otero Canto
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania