Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A desvergonza

viernes, 14 de enero de 2022
Se entendemos a desvergonza como a debilitación do sentimento de vergonza, creo que deberemos empezar por dicir algo respecto a el, que se constata a través da historia, principalmente na súa función social. Renuncio a un intento de profundar nesta temática, non só por propia modestia, senón tamén porque sería conveniente dicir algo sobre as ATMOSFERAS que envolven as persoas e "percíbense" nos seus sentimentos como case-cousas, que esixen unha ampliación ontolóxica, e que estuda o intelectual italiano Tonino Griffero. Deixemos isto, pois, para os especialistas.

A historia ensínanos como os contrastes do comportamento da persoa van debilitándose na dinámica cultural progresiva da sociedade, e como vai aumentando a sensibilidade para percibir os matices do alcance dos mesmos. Un bo exemplo témolo en como se incrementa a valoración dos xestos, ata convertelos en signos dunha linguaxe xestual.

E isto, polo menos, indícanos que a racionalidade vai entrando coa vergonza en xogo funcional, no ser humano, sobre todo se consideramos que a esta, na maioría dos casos, desencadea o medo á degradación social, unha certa indefensión fronte ao que se ten por superior, que explica a xestación no mesmo seo do individuo dun conflito entre o EU e SUPER-EU, e ven a ser unha especie de auto-censura crítica, vinculándose ao ambiente gañado no avance cultural progresivo, e impulsado racionalmente.

É evidente, pois, que a vergonza e a racionalidade están relacionadas, facendo ambas un autocontrol psíquico, que xoga un papel importante na función de integración social do individuo, precisamente mediante a solución do conflito entre o Eu e o Super-Eu, que tamén ten as súas dificultades, porque non sempre coinciden as orientacións de ambas polaridades, e incluso poden ser contraditorias, inducindo á aparición dun sentimento de recato.

Ademais, a vergonza desempeña un papel fundamental no mantemento da cohesión e identidade do grupo, e resulta indispensable institucionalmente para estruturar, con elegancia expresiva, con respecto aos bos modais e con fundamentado coñecemento e sentido pedagóxico, disertacións en pro dos propios criterios, enervando os conatos de actitudes soberbias e os infantilismos pedantescos.

Afirma o sociólogo Norbert Elias que o aumento da civilización (da racionalidade ao través dos tempos) vai reducindo o perigoso do trato social de épocas anteriores, xa que este só se converte nun elemento de perigo cando o individuo non consegue conterse e o seu comportamento afecta no máis sensible os límites do pudor e desagrado dos demais. Neste caso, a vergonza protéxeo contra a inquietude xerada polo impacto do proceder cos interlocutores.

Sumemos ao exposto tamén que todas as nosas emocións son respostas do organismo para adaptarse ao entorno. Xustamente por isto, ter vergonza non é un descrédito, senón unha destas respostas, aínda que o vergonzoso se sinta, ás veces, envolto nunha atmosfera deprimente e humillante. Aquí, como vemos, xa nos entra en xogo unha ATMOSFERA, entendida, como di T.Griffero, como un sentimento vertido no espazo vivido e que resoa nos procesos corporais sentidos.

Coa referencia a estas breves e, sen dúbida, insuficientes reflexións, non pretendo ocupar o espazo que ten a ben concederme este medio no que colaboro, senón para poder resaltar, con certo fundamento, algún elemento integrante da complexidade persoal dos individuos considerados DESVERGONZADOS, que a maioría do pobo intúe con admirable acerto, e tedio. E tampouco para agravar o seu desprezo social, senón para que a mesma sociedade gradúe os estraños comportamentos deles vinculados a súa configuración persoal -real e convencionalmente constituída- cun criterio atenuante e, se mo permiten, terapéutico.

Reflexionemos, pois, que se a racionalidade entra en xogo coa vergonza, coa desvergonza, polo menos, queda debilitada na súa eficacia normal no individuo: O desvergonzado carece de sensibilidade para acusar a súa degradación social, posto que non percibe máis superioridade que a propia. E, por suposto, a relación, aludida máis arriba, entre o Eu e o Super-Eu, inclínase a favor do Eu, xa que a persoa desvergonzada carece da AUTO-CENSURA CRÍTICA: A súa atmosfera é antitética da do vergonzoso.

Pero se a racionalidade falla no seu papel na relación coa vergonza, o desvergonzado, sen o necesario auto-control, encóntrase con insuficientes e indispensables recursos psíquicos para verificar, valorar e percibir responsablemente o grao da súa integración social, e isto comporta a perda dun adecuado recato contextual, descentrando o propio comportamento das situacións de pertinencia.

A desvergonza tamén leva a quen é incapaz de controlala a non reparar tan sequera na identificación do grupo ao que pertence, e no que se sente e se cree acubillado polo seu saber e valía, descoñecendo o sentir dos integrantes, que así non o cohiben no uso inelegante e irrespectuoso de expresarse, nin o preocupan os propios modais, vítima dunha soberbia que o embarga e lle produce distorsión na consideración do impacto, nos interlocutores, do seu proceder, entendido este como unha maneira de portarse rústica e groseiramente, coa explicada insensibilidade para percibilo.

É que a civilización, como esencial configuradora de personalidades, pasou de largo sobre a cabeza do desvergonzado, facilitándolle a propensión a multiplicar, incluso inconscientemente, as situacións de perigo, pola falta da adecuada contención, desbotando os límites do elemental pudor, e sen reparar nas reaccións dos demais, de imprevisibles consecuencias.

Máis aínda. Tamén cando a indolencia dalgunha persoa especialmente egocéntrica vai acompañada da súa condición de mendaz, para acadar obxectivos propios, con expresións e comportamentos que ocultan a batería dos seus despropósitos dimanantes da desvergonza SOLAPADA, estamos en presenza dunha estraña, por híbrida, tipificación, posto que só delata a esa persoa a atribución de éxitos que non lle corresponden, e o cambio do afrontoso pola esforzada e hipócrita oferta de compracencia, nada difícil de percibir na linguaxe xestual dos seus verdadeiros sentimentos.

Certamente, trátase dun proceder moderadamente cínico como para disimular a descarada desvergonza. E talvez estas condutas sexan máis perceptibles en ámbitos de específicas funcionalidades sociais que empoleiran as persoas aspirantes. Ocorre así porque, nestes casos, a desvergonza leva consigo unha ambición que, en termos de Edmundo Burke, tanto pode voar como arrastrarse...: Somos moi complicados e, cando o esixe a situación, ata descaradamente artificiosos!!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES