Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (15)

martes, 11 de enero de 2022
Crnica dun itinerario e dunha poca (15)
Feira das vacas

Da feira das pitas, ¡das piteiras!, dos ovos, dos coellos, dos queixos, dos lacóns..., ¡de todo o mellor que por aquí temos e producimos, sen mencionar os xamóns pois os xamoneiros prefiren cortalos eles para que o paisaniño ignore o peso verdadeiro!, pasei á do gando. Xa non veñen aqueles requisadores que mercaban e marcaban para o Exército, pero algo deles quedou, algo arraigou. Estiven pouco tempo, pero ben me decatei que un dos clientes habituais da Liña, como non lle paren..., ía dicir os pés, que é o que se soe dicir, pero trátase da súa man; como non lle paren a man, digo, ben que se apresura a marca-la res, aínda que o trato non estea concertado, rematado. ¿Antes da guerra era así, había estes abusos? Cando o comentei no coche co Revisor díxome que, no seu criterio, esta guerra foi un retorno ao feudalismo, que era o que querían os caciques, os que a fomentaron e pagaron; amparados no palio da Igrexa, por suposto, máis ou menos como fixo Constantino o Grande. Sempre esaxera algo, pero ten moita cultura, e polas trazas coido que leva razón.

Tamén me referiu, falando das feiras e das súas picardías, que lle dixo o mancebo da farmacia do Cádavo, gran amigo seu, que lles entrou unha moza de alí mesmo, de Librán, pedíndolles..., ¡un preservativo! ¿Muller, para que queres iso, pois é unha cousa dos homes? A rapaza, segura do que pedía, contestoulle que lle recomendara un veciño, alí mesmo, na feira, que pedise ese remedio para o seu catarro, e que se deixase de tanto pano das mans. Cando saíu, ben informada, e mellor armada, quitou unha zoca e deulle con ela nos fociños ao seu amigo e veciño: ¡Para limparche os mocos! Estes mozos, que estades volvendo desa escola da guerra, canta malicia aprendestes, e que malos, que inhumanos, debestes ser!

Pregunteille dúas cousas máis: Unha delas, que se iso da Baleira se debe escribir con b ou con v, ao que me contestou que para el era a terra do Val, dos Vales, e que non estaba baleira, nin moito menos! Que tiña un petouto no medio onde seica houbo un toxo queimado, que debeu ser ben grande para que de aí saíse o topónimo de Cádavo, aínda que a parroquial estea na Esperela. O outro inquérito tamén foi de alumno a mestre: se debía dicirse Vaqueriza ou Vacariza. Nisto soltoume unha bufonada, ¡Ti si que es vaqueiro, e non precisamente dos de alzada! ¿Onde viches as vacas desa vaquería; mantéñenas con toxos? O de Vacariza, para os que saben latín, e se non o sabes pregúntame a min, vén de que aí arriba vacaban, descansaban, aqueles romanos, ¡vacuus, desocupados!, cando ían de camiño para Asturias, que xa non era pouca tirada vir dacabalo desde o seu Lucus. Aí repoñían víveres, cabalos e carros, máis ou menos como estamos facendo nós, pois a principal diferenza está en que as súas rodas eran de madeira.

Sexa ou non sexa certo, como di ese italiano do aeródromo de Rozas, ¡Se non è vero è ben trovato!
-.-

Por fin conseguimos un par de rodas, outro, se non novas si en bo estado, así que podemos circular con unha relativa seguridade. O Xefe foi por elas a Monforte, de paso que nos mercaba unhas botas, de coiro ben curtido e ben traballado, que volve a habelas. Sempre me preguntei por que escasea tanto este material, coa de vacún que temos todo por aquí; a explicación igual é que nós criamos as vacas, pero onde as matan, e de paso gozan cos seus filetes, adoita ser alén da Pedrafita. Díxonos que o fixera para que non andemos cos pés mollados, pero o Revisor, que as ve vir ata por debaixo da auga, manifestou o seu parecer de que pretende a seguridade na condución, que non se nos queden os pés fríos cando teñamos que darlle aos pedais dos coches; de paso, para disimular, tamén llelas trouxo aos revisores.

Estas rodas, a criterio do outro chofer, o do coche vello, proceden dalgún camión do Exército, onde seica se ten dado o caso de estraperlar pneumáticos novos, ou semi, que llelos quitan aos camións substituíndoos, outra vez, polos vellos, co cal deseguida terán que pedir o subministre doutros. Este é o descontrol desta España imaxinativa, ¡que por algo temos un cuarterón de sangue mouro!, na que o Exército sempre foi en vangarda, como o demostra a existencia das contas "B", desde tempos inmemoriais, en absolutamente tódolos rexementos.

Xa pasou a Pascua, que a pasei coa miña dona, pois ese día leveina a Lugo, onde comemos unha tortilla de ovos que nos soubo a gloria. ¡É o que ten comer en boa compañía, que todo sabe mellor! Non lle fixen caso ao dito de que, O Carnaval coas túas mulleres, e a Pascua por onde puideres. ¡Nin llo fixen, nin llo farei mentres Deus me conserve os tóteles, (os tótems), que por algo lle dixo Deus a Adán que non era bo que o home estivese só! Hoxe, martes, tampouco fun só, que me rodearon..., ¡nada máis e nada menos que tres mandamáis, os tres alcaldes do recorrido! Pero isto, por insólito, merece unha explicación.

O costume que ten o da Fonsagrada é mandarme o seu alguacil para que non arranque ata que el chegue, aínda que non faría falta pois a virtude da puntualidade, esa, tena, e algunha máis coido que tamén, pero xa se sabe que quen mande a gusto de todos..., nin aquí, nin en Sebastopol! Xa estaba na porta do garaxe:

- ¡Señor Alcalde, a chea de onte debeu ser boa, que non lle deixou durmir!

Igual son o único que se atreve a gastarlle bromas destas, que o teño afeito, e non se me enfada.

- Querido amigo, -que sempre me di así-, onde hai patrón, os mariñeiros non mandan!

Nada máis dixo, pero eu, que vou collendo algunha experiencia das picardías deste pícaro mundo, decateime de que o chamara o Gobernador. ¿Para relevalo? ¡Non, iso non, pois agora os relevos fanse por telegrama postal, que así lle chaman, aínda que os leve en man un garda, a imitación, supoño, de como fai Franco cos seus ministros! Pero no Cádavo subiu o da Valeira..., ese señor que baleirou o Val escribíndoo con b, pero a min non me dá a gana de obedecelo nisto das letras. ¡Tate! ¡Reunión de pastores, ovellas mortas! ¡Deus nos libre de tal, que xa estivo ben! Pero os meus temores disolvéronse coas primeiras palabras que lles escoitei:

- Brutus, tú también, hijo mío? Pero alédome de que foses chamado, que así, entre os dous, se nos recibe xuntos, o interrogatorio será máis livián!

- Sei polo de Meira que nos irá chamando a todos, un por un, para coñecer en primeira persoa que tal vai o estado de opinión, agora que a guerra e mailas sacas masivas quedan lonxe... ¡Relativamente lonxe, diría eu!

- ¡Éche bastante dilema! Se lle dicimos ao Xefe que aínda rosman, e non poucos, mandaranos dez parellas de gardas para taparlles a boca cunha presada de verde, ¡e será peor o remedio cá enfermidade, pois daquela darán en rosmar dentro das súas casas, nas lareiras, e menos saberemos o que pasa polas súas mentes! Se o damos todo por tranquilo, é unha contradición á vista dos atracos que andan facendo os fuxidos, particularmente cando os paisanos volven das feiras, co peto cheo...

- Por min, a verdade: Que hai de todo, pero a peor non imos. No meu caso concreto lévome ben con catro medrosos, que me invitan a comer nas súas casas, de cando en vez, a cambio dalgún favorciño que lles fago, ou consigo, e tras da lareira, a carón do lume, cunha copa de país..., que é como mellor se arranxa este país!

En Castroverde subiu o deles, que por certo non está da fame, que ese debe comer en dúas casas á vez, e como os asentos do público son máis ben estreitos e incómodos, o Revisor tivo que deixarlle o seu, dicíndome baixiño: ¡Faite á idea de que estás no Calvario...!
-.-


Falando outra vez das feiras: Hoxe, primeiro sábado do mes, quedaban na Fonsagrada facendo os preparativos, ¡da deles, que a nosa tivémola onte! E mais non sei por que comecei a escribir isto, que non me facía falta, pois, mentres viva, de seguro que non se me borra do libro interior, dese que chaman memoria. ¡Nunca en tal apuro me vin!

Daquela, en poucas palabras: Onte, venres, ía eu ben agarrado ao volante, ¡e menos mal que ía así, pois, co sobresalto, se chego a dar un bandazo..., naquela curva...! Entrando en Montouto, o Brigada da Garda Civil, no seu cabalo, medio a medio da estrada, parado e apuntándolle ao coche coa fusila. Eu non protestei, pero os freos rechiaron ben rechiados, que ata non sei como aguantaron os ferodos sen queimarse.
Crónica dun itinerario e dunha época (15)
De inmediato, o Revisor, que me di:

- Estamos rodeados da Garda Civil..., unha parella de cada lado!

O Brigada, que ben o oíamos aínda que estaba lonxe, deu un berro atroz, que nin que estivese ardendo o coche:

- ¡Quiten esa lona; inmediatamente!

Baixouse o Revisor e, subindo pola escada traseira, púxose a desatar nas cordas para ir apartando a lona; eu subín detrás del, para axudarlle, en vista daquelas presas, daquelas ordes tronantes. Con isto feito, quedaron á vista os dez ou doce sacos das zocas do Pintor, do Pintor de Luaces. O Brigada, que seguía no cabalo, apuntándonos, igual que facían os seus gardas, pegou outro berro:

- ¡Abrir eses sacos, inmediatamente!

Tan á presa o fixemos, e con tales nervios, que ata se saíu algunha das zocas, rebotando abaixo, na estrada.

Desde que os gardas se foron achegando, visiblemente satisfeitos de ver aquel montón de zocas, e xa calmos, ordenáronnos ensacalas. Entretidos niso, nin os vimos desaparecer, que se deberon largar por algún daqueles camiños de carro, pois na estrada non os vimos, nin diante nin detrás.

Agora levantarei a outra lona, a do segredo:

Eses zoqueiros de Luaces, que lles chaman do Pintor, aínda que sego sen saber se é alcume ou apelido, adoitan levar zocas á feira de Castroverde, e as que lles sobran, feira tras feira, déixanas gardadas alí nunha taberna, para levalas, mes a mes, á Fonsagrada, onde parece ser que teñen mellor venta as que desprezan en Castroverde. Fanas algo brutas, que lles deixan madeira abundante, e na Fonsagrada prefírenas así porque aguantan mellor das puntiñas que lles poñen para cravarlles as empeñas de goma, que llelas fixan de xeito parecido ao coiro dos zocos, con unha vira de lata ou de badana. O clima da Fonsagrada é algo máis forte có de Castroverde, e esa debe ser a razón das preferencias. Ao cargalas en Castroverde, que sempre está con elas un deses Pintor, tanto se fai calor coma se hai tormenta, pídenos que lle cubramos os sacos coa lona da baca, etcétera, etcétera. De chegados á Fonsagrada deixámosllelas gardar no propio garaxe, e así, o sábado, ao saír nós, eles acoden para retiralas.

Este conto, que de conto non ten nada, por incrible que pareza, aclaróunolo esta mañá un Falanxista que veu a Lugo, ¡como lle corresponde: na dianteira! Ocorréuseme dicirlle:

- Non se incline tanto para diante..., por se teño que dar unha freada coma a de onte!

- Non terás, non, como non sexa en Castroverde...

- E logo, que pasa en Castroverde?

-Pois que o noso Xefe telefonou ao cuartel de Castroverde para que deteñan ao chistoso que lles denunciou que viña o coche dos Veigas cargado de fuxidos, debaixo dunha lona, para apearse ao chegar á Fonsagrada, que mañá, por hoxe, asaltarían aos que saísen da feira con cartos...

Non me persignei para no retirar a dereita do volante, pero fágoo agora..., que non é para menos!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES