Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rúa Xela Arias de Sárria: Un canto á liberdade

viernes, 07 de enero de 2022
O 2 de maio de 2021 tivo lugar o acto de inauguración do "Xardín Xela Arias", na vila de Sárria, a carón da Capela de San Lázaro, onde un monolito con un poema da autoría da homenaxeada e un xigantesco mural perpetúan a memoria daquela nena de Sárria que quixo ser e foi poeta.
Rúa Xela Arias de Sárria: Un canto á liberdade
Nesa mesma data tivo efectividade plena a rotulación co seu nome da rúa que vai dende o Cruce de San Lázaro ás Pontes Novas do Mazadoiro, que dende 1957 levara o imposto nome do fundador da Falanxe.

No acto que contou coa presenza de familiares, autoridades locais, representaciòns de colectivos culturais e do Presidente da Real Academia Galega, adiquei o correspondente ofrecemento con estas palabras:

"Celebramos hoxe o novo nome dunha rúa con 170 anos de historia. Ocasión gozosa na que recoñecemos a obra dunha escritora, XELA ARIAS, nada no concello de Sárria.

Estamos nun espazo que foi do Hospital e Souto de SAN LÀZARO, unido á memoria dos gafos, doentes de lepra, que aquí, extramuros da vila de Sárria, primeiro na parroquia de San Vicenzo de Maside e despois na de San Pedro de Maside, recibían na súa desgraza as axudas de persosas caridosas que, cando facían soar as súas taboelas, arredábanse temerosas do seu camiño.

A cantos aquí penaron en vida se refería en 1475 Roi da Nogueira nun dos documentos sarriaos previos á chegada dos séculos escuros para a nosa lingua que dixo: "yasendo con todo meu siso natural... fago e fize manda a horden de San Lazaro de Sarria en que para senpre jamays le den e paguen de cada un ano tres tegas de centeo por mi e por las animas de aquelles a que soy obligado".

E aquí se celebrou por máis de 500 anos a Feira de Lázaro que era a máis concorrida das Terras de Sárria.

Dixo Valentín Arias López, o pai de Xela, que "A feira é o Casino do Pobo", e dixo ben. E neste recanto no que estamos, único resío do vello Campo de San Lázaro que ata nós chegou, a feira aneira facíase palabra viva e aquí labregos, ferreiros, viñateiros e rosquilleiras, cegos da zanfona, mozas namoradas e galáns fachendosos, santiteiras, gaiteiros... parolaron, esbardallaron, galicaron, dialogaron, fixeron trato, namoraron, tiveron falas... mantiveron viva, fronte aos fachendosos fidalgos encastelados e soberbos na vila, a forza da nosa língua.

Este multisecular casino popular e as romaxes de San Lázaro e Santa Lucía, tan perto de nós e tan vivas aínda na memoria da moza Amparo Castaño, moradora tan perto de aquí, foron sen dúbida un dos preludios da formación daquel fogar da Escola de Barreiros onde ela e Valentin pasaron os primeiros anos daquela nena que baixaba a Sárria, onde unha tendeira ficaba "apenada" porque a meniña "falaba galego".

Eran anos da nenez de Xela, xa en Lugo e en Vigo, nos que Valentín Arias viña a Sarria e facía posible que o alcalde sarriao pregoase as festas en galego e asinase con moitos veciños un escrito pedindo o uso pola Igrexa da "lingua vernácula", ou que nos metese a un grupo informal de rapaces da vila, que obedecíamos ao nome de "Agrupación O Tabao", no lerio de facermos posible que en moitos coches particulares se lese unha pegatina que dicía "Galego na Escola".

Mais voltemos ao espazo onde agora estamos: Nos soutos e cortiñas rurais de San Lázaro, atravesados polo vello Camiño Francés de Sárria a Lugo, e coa forza da feira, xurdiu un barrio novo, San Lázaro, cando abren a estrada da Ponte Nova do Mazadoiro á Lama Rigueira, en 1851, a estrada de Portomarín en 1860 e en 1880 chega o camiño de ferro, e desamortizadas xa as terras do Hospital, asentan neste espazo rural varias familias foráneas adicadas ao comerzo (Sánchez, Badiola, González...) cuxos intereses e o seu fondo sentimento de liberdade se enfrontan cos dos rendistas vilegos, detentadores de previlexios.

En 1891 a Vila, máis por decisión do bispo que por desexo das élites locais, engole os novos barrios de San Lázaro, da Estación e da Estrada do Mazadoiro, e dende entón a Rúa Xela Arias de Sárria: Un canto á liberdadeestrada provincial entre a Ponte Nova do Mazadoiro e a Estrada de Portomarín pasa a ser nomeada como Rúa de San Lázaro.

Con este nome se mantivo até o ano 1957, cando por "recomendación impositiva" dos xerarcas lucenses se lle impuxo o nome de "José Antonio Primo de Rivera", e o nome de Rúa de San Lázaro foi trasplantado ao treito final da Rúa do Porvir, na saída cara Portomarín.

A imposta denominación levaba engadido o feito de que na súa cabeceira está a Casa de Vento, da familia de Antonio Páramo Sánchez, último e perseguido alcalde de Sárria na II República, o que engadía un plus de escarño e de agravio.

Por nove lustros, e tamén xa en tempos de democracia, o recordo do impulsor de aquela ideoloxía autoritaria e negadora das liberdades cidadás, que determinou morte e loito para, cando menos, 445 familias desta comarca, estivo, como froito da nugalla, vixente no rueiro vilego, ensalzando deste xeito aquela trunfante doutrina antidemocrática da longa noite de pedra.

Hoxe facendo realidade o acordo do Concello de Sárria, e como recoñecemento á súa obra, ven a ser unido o nome de XELA ARIAS aos de outros persoeiros aos que se lles adicaron Días das Letras Galegas e que no rueiro da vila de Sárria son lembrados e homenaxeados pola súa loita a prol da Fala e polo cultivo e dignificación da Lingua Galega, monumental quefacer colectivo das sucesivas xerazóns de galegos e galegas que fixeron dela o mellor sinal e bandeira da nosa identidade como pobo.

Eis as figuras senlleiras ás que agora se une en Sárria o nome de XELA ARIAS CASTAÑO:

FREI MARTÍN SARMIENTO , ROSALÍA DE CASTRO, EDUARDO PONDAL, MANUEL CURROS ENRÍQUEZ , ALFONSO RODRÍGUEZ CASTELAO , RAMÓN CABANILLAS, ANXEL FOLE E CELSO EMILIO FERREIRO.

No local Parnaso das nosas rúas e prazas engádese agora o nome de Xela Arias aos dos membros sarriaos da Real Academia Galega, Francisco Vázquez Saco e Camilo Gonsar, e aos do xograr Afonso Gómez e os escritores Luis Sárria (o "noso" frei Luis de Granada por vía paterna e materna), Miguel de Cervantes Saavedra, frei Xoán de Sárria, Vicenzo Vázquez Queipo, Diego Pazos García e Fiz Vergara Vilariño, totalizando así o número de dazaoito "letraferidos" presentes na vida cotiá dos sarriaos.

Sárria, xa desde os anos 1950 , soubo honrar aos loitadores da Fala e nese florido ramallo de nomes senlleiros destacará de agora endiante a figura dunha poeta sarriá.

Tempo e ocasións vai haber para falar da vida e da obra de Xela Arias, e voces que fagan valer os seus méritos creativos como poeta e como tradutora, como muller e como galega comprometida.

Dándolle o nome de Xela Arias á esta rúa, Sárria reconcíliase co fondo sentimento de amor á Liberdade e á forza da Galeguidade que neste espazo sementaron cantos en cada feira e en cada romaxe facían agromar con vellas e novas palabras gozosas primaveras, illós de verbas e sentimentos, e reafirmaban ano a ano o vencello común dunha Lingua, que agora loce esplendorosa na obra e no pensamento da nosa poeta facendo para nós galano da súa vitalidade no novo escenario das rúas e prazas das vilas e cidades.

Que a RÚA XELA ARIAS sexa unha rúa aberta e plural por onde camiñen sempre aires de liberdade".

(Palabras de Xaime Félix López Arias, Arlindo, que foi Cronista Oficial de Sarria, grande amigo da familia de Xela Arias, no acto do descubrimento da placa da Rúa Xela Arias de Sarria).
López Arias, Xaime López (Arlindo)
López Arias, Xaime López (Arlindo)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES