Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 05 de enero de 2022
O meu atallo

Sempre tiven "o meu atallo" como un, chamémoslle, lugar de inspiración. Pero hoxe, non houbo maneira. Empeceino pensando en algo para plasmalo aquí, neste papel en branco que, a ver agora con que o encho. Porque non me saíu nada; nin ó principio do atallo, nin polo medio, ni na súa fin. Coma se fora o demo. Mesmo pensei que foran os biosbardos os que non deixaron entrar as musas na miña cabeza. O que? Pingas de Orballo As musas? Que é iso? Sei que a única e boa musa existente é a constancia. A constancia de pensar e fincar os cóbados para empezar a escribir. Claro que, alí, por moito que pensase non me poría a escribir; a non ser que deixase caer o caderno sobre unha pedra do valado, pero, que diría a xente que pasase! Eu o que quería era que me asomase algo á cabeza para escribilo máis tarde; pero, xa digo, non houbo maneira. Ás veces chégame cunha simple frase, mesmo unha palabra tan só, ou o título dunha película, ou algo dunha canción. Hoxe, nada de nada.
No medio do atallo vin ó gato de sempre e a moral debíame estar baixo mínimos (imaxino que por esa falta de inspiración) porque nin tan sequera o saudei. E mirade que sempre lle dirixo algunha palabra ou frase. E cando cheguei xa á fin do atallo, aquí xa empecei a entender e a asimilar que tal inspiración non asomase, porque tendo no horizonte a propia A Valenzá, a distracción do pensamento sería xa máis habitual, polo barullo e movemento que ocasiona tal lugar. Á volta tocará botarlle a rifa, a reprimenda ó meu atallo por non me dar algo concreto para escribir. Anda que se me chega a inspirar...

A Vida é pura rutina

Día 2. Segundo (2º) día do 2022. Demasiados douses. Total, é un día coma outro calquera. Coas súas 24 horas. Co seu día e coa súa noite. Coa súa mañá e coa súa tarde. Con nubes e claros. Con sol e pingas de orballo. É domingo. Antes era día do Señor. Agora é día festivo. Como se ve, os anos van pasando, pero todo segue máis ou Pingas de Orballo menos coma sempre. No mes pasado, ó mellor soaba a banda sonora de "Baixo o fogo" (non estou moi seguro, pero creo que si), que compuxo o gran mestre Jerry Goldsmith, e agora mesmo estou coa triloxía de "O señor dos aneis", de Howard Shore. Máis ou menos, pois o mesmo... todo é música. Cambiar dun ano para outro só serve para os calendarios; o do ano pasado puña 2021 e o deste ano, 2022. Así de simple e así de sinxelo.
Como simple é sinxelo é contemplar os tres dicionarios que teño diante dos meus ollos, ou pensar na Perla Negra de Jack Sparrow, ou mirar o reloxo para dicir que son exactamente as nove menos cinco da noite. A verdade é que todo é simple rutina. A vida é rutina; tira para adiante, e punto. Certo, sería unha gran carallada que non tirara. Sería o punto final, claro. A vida é como pasar a ponte que cruza a vía do ferrocarril en Baños de Molgas; que nun momento dado estás na vila molguesa, cruzas esa ponte nun suspiro e xa estás en Formigoso. Así de simple e así de sinxelo. Escoitaches doce badaladas, comiches doce uvas e xa choutaches dun ano para o outro. Que complicación tivo iso? Ningunha. Porque, para máis aquel, e que eu saiba, ninguén se atragoou. A vida é pura rutina.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES